sábado, 31 de marzo de 2012

O GOBERNO DE FENE TALA SEN CRITERIO ÁRBORES ORNAMENTAIS


Numerosos veciños e veciñas transmitíronlle á representación do BNG no concello as queixas polas actuacións na xardinería municipal.  O nacionalistas denunciamos o que consideramos unha falta de criterio á hora de facer “traballos de xardinería” nas zonas públicas do noso concello.
Nos últimos meses e logo de trasladar varias queixas nas comisións,  os  nacionalistas, vemos como a concellaría de servizos e mantemento segue a talar e podar sen criterio técnico ábores e arbustos no concello de Fene.
A última vítima foi unha magnolia na praza da Constitución, no cruce de Fene,  Antes foron tres magnolios na Avd. Naturais. Estas especies contaban con varias décadas de vida e non padecían enfermidades nin poñían en perigo cousa algunha. 



Fotografías do "Google Earth ©" onde se ven as árbores antes de ser taladas

O BNG de Fene pide a limpeza das praias


“O Grupo municipal do BNG demandou por escrito ao goberno local a limpeza das praias o pasado 20 de marzo”

Os nacionalistas de Fene consideran que as praias deben estar limpas tendo en conta a situación climatolóxica e as vacacións de semana santa que estáná volta duns días.
Nunha visita realizada aos areais feneses, pola representación nacionalista, puidose comprobar a a falla de limpeza dos areais e dos seus accesos que acumulan follas, polas e lixo de todo o inverno.
Para os concelleiros do BNG non é normal que a estas alturas non se tivese actuado nas praias tal e como se fixo habitualmente no noso concello, menos aínda tendo en conta a afluencia xa de veciños e veciñas aos areais.
Os nacionalistas rexistraron  o pasasdo 20 de marzo  un escrito dirixido ao alcalde facendo a petición de que se iniciaran os traballos de limpeza.

martes, 27 de marzo de 2012

O PLENO DE FENE APOIA A FOLGA XERAL DO 29 DE MARZO EN CONTRA DA REFORMA LABORAL

 “O PP votou en contra da proposta nacionalista que saiu adiante co apoio de Psoe e IU”


O BNG de Fene promoveu a convocatoria dun Pleno extraorio para que este tivese a oportunidade de pronunciarse sobre a convocatoria de folga xeral para o vindeiro 29 de marzo.
No noso concello a maioría da poboación é traballadora, polo que se verá directamente afectada pola minoración de dereitos no desempeño do seu labor profesional imposta por esta reforma laboral, o que require un apoio explícito da institución local representativa ás medidas de rexeitamento da mesma. Esta reforma non nos vai sacar da crise nin vai resolver o problema do desemprego.
Os nacionalistas renunciaron ao cobro da asistencia ao Pleno en solidariedade e apoio a todas as persoas que van ir á folga o vindeiro 29 de marzo.

O pleno do concello de Fene aprobou cos votos a favor de BNG, PSOE e IU e en contra do PP o seguinte;
ACORDO
Manifestar o apoio ás mobilizacións e á folga xeral convocadas para o 29 de marzo de 2012 polas organizacións sindicais representativas en contra da reforma laboral aprobada polo Real Decreto 3/2012, do 10 de febreiro.

 

venres, 23 de marzo de 2012

Imos rir por non chorar...

Da man da FORGA (www.forga.org) Chéganos esta conversa ficticia en clave de humor na que se reflicte perfectamente a actual situación do mercado laboral tras a reforma imposta polo goberno do PP.


Un individuo vai visitar un dos seus vellos amigos:

- Xa que te atopo quería preguntarche: segues sendo vicepresidente naquela empresa?

° Son, si, porque?

- Nada, o meu fillo, que non hai xeito de que remate a carreira e quería que fose espabilando e que comece a gaña-la vida.

° Enchúfocho, se queres.

- Claro! Pero algún posto pequeno, para que empece e aprenda a valorar o traballo e os cartos.

° Ben. Pódoo meter como director. Non ten que saber facer nada, só vir cando lle diga e dicir un par de parvadas. 9.500,00 € por mes máis gastos, máis bonos. Está ben?

- Hummmmmmmmm, non sei… É moito diñeiro e un posto moi alto. Algo máis simple.

° Director de proxectos especiais. Ten que tirarlle faltas aos informes que lle pasen e algunha outra cousiña. 6.000,00 € por mes, máis bonos por bimestre, máis xantares e viaxes.

- Estás tolo? Algo máis humilde... Ten en conta que acaba de empezar.

° Mmm... xa sei. Xerente. Un par de ordes diarias e porse a berrar aos empregados. 4.500,00 € por mes, máis bonos, máis, viaxes.

- Mmm… non sei algo máis básico.

° Pode ser Project Leader ou Xefe de Analistas ou de Executivos de conta. 3.600,00 € por mes, mais bonos bimestrais e o que ten que facer é nada: unha que outra chamada por teléfono e conversar con algúns visitantes de cando en vez.

- Non, non; quero que aprenda a valorar as cousas e o traballo. Algo máis simple aínda.

° Xa sei! Noméocho subxerente ou xefe de oficina, só ten que facer o que lle pida o xerente, pasarllo aos empregados e poñelos a currar. Pagaríalle 2.500,00 € por mes, de 9 a 5 da tarde. Paréceche?

- E algo aínda máis básico?

° O único que resta é ADMINISTRATIVO, AUXILIAR....pero eles teñen que manexar moitas ferramentas financeiras e de proxectos, lidar con Xefes, Project Leaders, os DBA e os usuarios, ficar despois da hora sen cobrar extras e traballar coma un burro para que os demais levemos os méritos. O soldo é de 950,00 € ao mes, sen extras, e traballar duro de 8:00 A.M. a 9:00 P.M. Unhas 12 ou 13 horas diarias, só ten media hora para comer, e leva traballo para casa todos os días.

- Mmm, Algo así viríalle moi ben ao condenado… para que aprenda a valorar o traballo e a esforzarse.

° Imposíbel!!!! Ten que ser titulado superior, falar inglés e francés fluidamente, ter algún máster e, ademais, necesita moita experiencia.

mércores, 21 de marzo de 2012

O BNG de Fene organiza un acto informativo sobre a Reforma Laboral


Co obxectivo de aclarar todas as dúbidas da sociedade sobre a Reforma Laboral aprobada polo goberno de Mariano Rajoy, o BNG de Fene organiza unha charla aberta este venres, na Casa da Cultura, a partir das 19 horas.

Como poñentes estarán, por un lado, Alba García Fariña, membro do Consello Local fenés e de Galiza Nova, que é ademais un claro exemplo dos problemas que está a ter a mocidade galega coas políticas de recortes que aplica o goberno. Ten 20 anos, ten estudos, e moitas dificultades para atopar un traballo á altura das súas posibilidades.

Por outro lado, exporá a visión máis técnica da Reforma Laboral o concelleiro de Fene Juventino Trigo, profesional do sector con case 30 anos de experiencia, que explicará como afectan as medidas propostas polo Partido Popular tanto aos traballadores e traballadoras por conta allea, como a persoas autónomas, pequenos empresarios, comerciantes, etc.

Por último, o deputado no Parlamento Galego pola comarca de Ferrolterra, Fernando Blanco Parga, ofrecerá aos presentes unha visión xeral do que significa a Reforma  Laboral e respostará a todas as cuestións que lle sexan presentadas ao respecto.

O BNG traballa, como cada día, para atender as demandas da sociedade, dado que son moitas as dúbidas que a veciñanza ten sobre a Reforma Laboral, como afecta a cadaquén, cales son os puntos máis importantes, cales son as principais diferenzas coa situación anterior, etc.

Será este venres, 23 de marzo, ás 19 horas na Casa da Cultura de Fene. 

 

luns, 19 de marzo de 2012

Acto sobre a reforma laboral

Este venres 23 de marzo ás 19 horas na casa da cultura, acto sobre a reforma laboral, falarán Alba García Fariña (Galiza Nova), Juventino Trigo (Concelleiro do BNG en Fene) e Fernando Blanco (Deputado do BNG no parlamento galego).





sábado, 17 de marzo de 2012

Ola!

Benvid@s á nova versión do noso boletín informativo FENICIA. Podedes acceder á antiga páxina aquí