mércores, 21 de marzo de 2012

O BNG de Fene organiza un acto informativo sobre a Reforma Laboral


Co obxectivo de aclarar todas as dúbidas da sociedade sobre a Reforma Laboral aprobada polo goberno de Mariano Rajoy, o BNG de Fene organiza unha charla aberta este venres, na Casa da Cultura, a partir das 19 horas.

Como poñentes estarán, por un lado, Alba García Fariña, membro do Consello Local fenés e de Galiza Nova, que é ademais un claro exemplo dos problemas que está a ter a mocidade galega coas políticas de recortes que aplica o goberno. Ten 20 anos, ten estudos, e moitas dificultades para atopar un traballo á altura das súas posibilidades.

Por outro lado, exporá a visión máis técnica da Reforma Laboral o concelleiro de Fene Juventino Trigo, profesional do sector con case 30 anos de experiencia, que explicará como afectan as medidas propostas polo Partido Popular tanto aos traballadores e traballadoras por conta allea, como a persoas autónomas, pequenos empresarios, comerciantes, etc.

Por último, o deputado no Parlamento Galego pola comarca de Ferrolterra, Fernando Blanco Parga, ofrecerá aos presentes unha visión xeral do que significa a Reforma  Laboral e respostará a todas as cuestións que lle sexan presentadas ao respecto.

O BNG traballa, como cada día, para atender as demandas da sociedade, dado que son moitas as dúbidas que a veciñanza ten sobre a Reforma Laboral, como afecta a cadaquén, cales son os puntos máis importantes, cales son as principais diferenzas coa situación anterior, etc.

Será este venres, 23 de marzo, ás 19 horas na Casa da Cultura de Fene. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario