xoves, 5 de abril de 2012

O BNG levará a Europa a problemática dos mariscadores da Ría de Ferrol



A deputada europea, Ana Miranda, visitou onte á mañá aos membros da Confraría de Barallobre pechados no Concello de Fene desde o pasado venres

O BNG, a través da eurodeputada Ana Miranda, presentará unha iniciativa no Parlamento Europeo en relación coa falta de saneamento da Ría de Ferrol, que está a provocar situacións como a que estes días viven os mariscadores e mariscadoras da Confraría de Barallobre.

Pechados no Concello de Fene desde a noite do pasado venres, o colectivo marisqueiro reclama á Xunta de Galicia os pagamentos atrasados desde o mes de outubro polas tarefas de mantemento da Ría; uns atrasos que están a provocar en moitas familias situacións límite derivadas da imposibilidade de afrontar as facturas máis básicas (hipotecas, auga, luz, etc...). Segundo asegurou a patrona maior de Barallobre, Virginia Souto, a Conselleira do Mar púxose en contacto con ela o pasado sábado e afirmou que cobrarían os seus cartos “en dúas ou tres semanas”. Porén, ante a negativa de pór esas palabras por escrito, o colectivo decidiu seguir co peche sen que, polo de agora, tivesen ningún outro tipo de contacto coa Xunta de Galicia.

O BNG está a apoiar esta protesta desde o principio, con visitas continuas de membros do Consello Local fenés e dos concelleiros e concelleiras. Ademais, o pasado sábado recibiron a visita do deputados Bieito Lobeira e Fernando Branco, que xa están a traballar en diversas iniciativas no Parlamento Galego. Do mesmo xeito, a eurodeputada Ana Miranda achegouse hoxe ata Fene para apoiar as mariscadoras e  para proporlles a posibilidade de presentar unha iniciativa ante a cámara europea en relación cos problemas de saneamento da ría, algo que todos aceptaron de bo grao.

A patrona maior de Barallobre, o vicepatrón, o biólogo e as mariscadoras presentes na reunión amosáronse de acordo con Ana Miranda en sinalar a falta de saneamento como o principal problema do sector e, polo tanto, a solución a longo prazo pasa por apurar o remate urxente das obras das estacións depuradoras de augas residuais da Ría de Ferrol, que acumulan varios anos de retraso e afogan ao colectivo.

Ana Miranda informou tamén do trámite da denuncia presentada polas Confrarías ante a Unión Europea en relación co saneamento, que se atopa preparada para entrar na orde do día do pleno e que os propios mariscadores irán a defender en Bruxelas. Ademais, faloulles das propostas do BNG para a negociación da reforma da política pesqueira común en Europa, que pasan por incluír o marisqueo sustentábel dentro das actividades que reciban fondos da Unión Europea.

Nesta reunión estiveron presentes tamén o deputado do Parlamento Galego, Fernando Branco, a responsábel local do BNG de Fene, Digna Faraldo, a resonsábel comarcal, Mercedes Tobío, o portavoz do Grupo Municipal, Manuel Polo, e os concelleiros Juventino Trigo, Rita Couto e Inés Roca.






1 comentario:

  1. Un dos principais problemas dos mariscadores da Ría de Ferrol e a Planta de Gas de Reganosa que ten o apoio do BNG

    ResponderEliminar