xoves, 31 de maio de 2012

RAZÓNS PARA VOTAR EN CONTRA DOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS


O PP PRIORIZA O PAGO AOS BANCOS FRONTE Á CREACIÓN DE EMPREGO

“Os populares desoiron as propostas nacionalistas en materia de formación, emprego e benestar social.”

O goberno local de Fene, dirixido polo popular Gumersindo Galego, quedouse so na aprobación do orzamento. O BNG e IU con seis votos en contra fixaron a súa posición como moi crítica coas contas peresentadas polo PP, que so avanzaron grazas á abstención do PSOE, que novamente lle permite sacar adiante o segundo orzamento municipal ao PP.

O orzamento de Fene, igual que o resto dos concellos, está moi afectado polas imposicións e improvisacións do goberno do estado en materia económica. As normas impostas polo PP a nivel estatal dificultan moito facer cousas, pero o PP de Fene, vai máis alá do imposto, por exemplo, pediu obrigado polo estado, un Creto ao ICO a un 6,5% en novembro, para pagar facturas da  época de goberno socialista de plena precampaña de 2011. Pois no orzamento de 2012 o PP inclúe unha amortización adicional de 124.000 que non tiñan por que pagar ata 2013. Con esta partida poderíanse ter creado 4 przas de peón so servizo de recollida do lixo durante un ano.

En canto á estructura do orzamento, estes atópanse desinflados nos ingresos, pasandose de prudentes e aída así incrementanse en 450.000 pola subida do IBI 6%, e incremento das Participacions do estado.

En canto aos  gastos, redúcese o gasto de persoal, amortizanse 5 postos  de tarballo e incrementan o gasto corrente no Cap. II que son empresas e servizos subcontratados. Existe un incremento moi importante do gasto financieiro para o pago de intereses e capital dos prestamos que ten pedido o concello.Os investimentos son de uns 500.000 euros, case todo comprometido de Plans de obras de anos anteriores, que supoñen o orzamento máis baixo para obras dos últimos 15 anos.

O orzamento non foi contrastado co movemento asociativo, consigna subvencions nominativas para actos concretos sen falar coas entidades subvencionadas.
No orzamento, novamente, o PP e o Psoe teñen un acordo tácito, o PP soluciona varios problemas herdados do Psoe, por exemplo, o Concurso de tapas do ano pasado igual ou o proxecto da rede WIFI están sen pagar  e figuran neste orzamento.

Por último desde o BNG queremos manifestar que o Concelleiro de Facenda minte cando di que amplia a partida de dependencia, cando na realidade a Xunta de Galiza ten bloqueadas as altas no servizo atención á dependencia e o únicoi que fan e recoller o que se fixo en 2011 que é o que subvenciona a Xunta neste programa.

A posicion do BNG é  en contra porque apostamos pola creacion de emprego, a formacion, a promoción económica e o reforzo dos servizos sociais, moi lonxe do porxecto popular. 



luns, 28 de maio de 2012

O PP DE FENE EXCLÚE Á OPOSICIÓN DA MESA XERAL DE NEGOCIACIÓN


“O Grupo municipal do BNG lamenta a actitude do PP, os nacionalistas e  afirman que sen participación na negociación non pode haber acordos. “ 

O Goberno popular de Fene ven de celebrar, o pasado venres,  a primeira Mesa xeral de negociación entre a representación laboral e o goberno con exclusión por primeira vez do resto dos grupos políticos.
O BNG gobernou Fene durante 28 anos e nunca, nin coas 5 maiorías absolutas, excluíu deste xeito á oposición.
Os nacionalistas demandarán na vindeira comisión de persoal ter presenza directa na Mesa xeral de negociación ou do contrario non asumiremos proposta algunha nesta materia. Paralelamente á petición en Comisión, faremos chegar un escrito lembrándolle ao alcalde Gumersindo Galego que moitos temas son de aprobación no Pleno e o PP conta con 6 de 17 actas.
Por outra banda o Grupo municipal do BNG pedirá unha xuntanza coa representación dos traballadores e traballadoras para darlles a coñecer a nosa postura e tamén coñecer as propostas que se propuxeron para o debate.
No BNG pensamos que o PP quere ir aplicando unha política de feitos consumados, contando co apoio activo ou pasivo do PSOE como levan facendo todo este primeiro ano de mandato. 


venres, 25 de maio de 2012

O goberno popular de Fene ten paralizado o Plan de urbanismo


     A revisión do Plan xeral de ordenación municipal iniciada a comezos do ano 2010 atópase paralizada. Coa chegada do PP ao goberno o PXOM non avanzou a penas na súa tramitación, sendo ademais este un momento de parón en xeral das obras maiores e dos expedientes da área de urbanismo que veu reducido en 11 veces os ingresos por licenzas de obra. Pasouse de máis de 600.000 € a uns 55.000 € en 3 anos.
     Desde o BNG non temos información precisa do estado no que se atopa a revisión do Plan xeral desde o mes de outubro de 2011 no que se fixo, por parte do equipo redactor, unha exposición do mesmo. 
     Os prazos para a redacción dos traballos xa están sendo superados polo que desde o BNG urxiremos ao alcalde para que traballen no asunto e poñan a disposición dos grupos políticos e dos veciños o documento inicial para poder facer as alegacións e consultas oportunas.
     Para o BNG é fundamental que exista un proceso transparente de tramitación cun PXOM que responda ás necesidades e demandas dun pobo con futuro e non a intereses particulares.


xoves, 24 de maio de 2012

O BNG reúnese co tecido social de Fene para escoitar as súas inquedanzas


Falar cos veciños e veciñas, coñecer as súas preocupacións sobre temas municipais e facelas chegar ao debate político do Concello son os principais obxectivos da rolda de reunións que o BNG de Fene está a manter estes días co movemento asociativo.

Concelleiros e concelleiras acompañados de membros do Consello Local visitan unha por unha as directivas das sociedades parroquiais, asociacións de veciños, entidades culturais, comerciais, anpas etc. Nas últimas semanas, moitas e moi variadas foron as reivindicacións recibidas polo BNG de parte dos representantes da veciñanza. Todas elas serán expostas no Consello Local e xestionadas para ser trasladadas ao goberno municipal ou ao pleno, segundo corresponda.

Deste xeito, o Bloque de Fene continúa a súa actividade habitual de contacto coa sociedade despois dun ano de traballo na oposición a un goberno de dereitas ineficaz e desordenado. Porén, o traballo do BNG estase a traducir en máis apoio social, en propostas de interese para os veciños e veciñas e, por suposto, en atención ás inquedanzas dunha sociedade que se atopa nun dos peores momentos dada a forte crise económica e laboral que sofre o Concello e a comarca.