xoves, 24 de maio de 2012

O BNG reúnese co tecido social de Fene para escoitar as súas inquedanzas


Falar cos veciños e veciñas, coñecer as súas preocupacións sobre temas municipais e facelas chegar ao debate político do Concello son os principais obxectivos da rolda de reunións que o BNG de Fene está a manter estes días co movemento asociativo.

Concelleiros e concelleiras acompañados de membros do Consello Local visitan unha por unha as directivas das sociedades parroquiais, asociacións de veciños, entidades culturais, comerciais, anpas etc. Nas últimas semanas, moitas e moi variadas foron as reivindicacións recibidas polo BNG de parte dos representantes da veciñanza. Todas elas serán expostas no Consello Local e xestionadas para ser trasladadas ao goberno municipal ou ao pleno, segundo corresponda.

Deste xeito, o Bloque de Fene continúa a súa actividade habitual de contacto coa sociedade despois dun ano de traballo na oposición a un goberno de dereitas ineficaz e desordenado. Porén, o traballo do BNG estase a traducir en máis apoio social, en propostas de interese para os veciños e veciñas e, por suposto, en atención ás inquedanzas dunha sociedade que se atopa nun dos peores momentos dada a forte crise económica e laboral que sofre o Concello e a comarca.






Ningún comentario:

Publicar un comentario