mércores, 27 de febreiro de 2013

O BNG DE FENE SOLICITA UN PLENO EXTRAORDINARIO PARA DEBATER A SÚA PROPOSTA POLO EMPREGO E A REACTIVACIÓN ECONÓMICA NO CONCELLO

O pasado 21 de febreiro os nacionalistas de Fene rexistraron unha petición de pleno extraordinario para debater e se procede aprobar a PROPOSTA DO BNG POLO EMPREGO E POLA REACTIVACIÓN ECONÓMICA DE FENE.

Agora o Alcalde ten 15 días hábiles para por a data do Pleno, o último día posíbel será o vinderio 11 de marzo. Para o BNG é moi importante que se dea este debate debido á falta de iniciativa do goberno do PP. 

O BNG realizou esta proposta de combate contra o desemprego e pola reactivación económica vinculada á elaboración dos orzamentos municipais de 2013,  o pasado 10 de xaneiro.  Visto a incapacidade do alcalde popular Gumersindo  Galego  en dar pasos concretos.

No BNG propomos as seguintes mediadas como punto de partida:

Creación dun Plan especial de emprego de 3 anos de duración dotado con, como mínimo, 500.000€ para a contratación de persoal de limpeza para edificios municipais, peonaxe de servizos, obras, xardinería e auxiliares de axuda no fogar, e outros que se valoren necesarios. Este Plan estaría convocado publicamente  a través dunhas bases mixtas de capacitación profesional e criterios sociais. 

O  Plan terá unha comisión de elaboración e seguimento conformada por persoal técnico municipal da área de emprego e servizos sociais, unha representación sindical e da unha representación de cada grupo político da corporación. O obxectivo do Plan será xerar entre 35 e 50 contratos anuais dunha duración  mínima de 3 meses e sempre inferiores a un ano,  en función dos servizos a realizar.

Creación dun Plan Fiscal para reformular taxas e impostos na liña de avanzar nas bonificacións parciais ou exencións de taxas e impostos a persoas con menos recursos  cando menos en todos os servizos esenciais, auga, saneamento, recollida do lixo, crear bonificacións para Pemes e autónomos nas taxas e impostos que sexa viábel nun período de 3 anos. Como mínimo 100.000 € anuais, revisar o imposto de transmisións facendo exentos do mesmo ás rendas máis baixas, reducir o ICIO durante 3 anos tanto a particulares como empresas, posibilitar o fraccionamento dos pagos das taxas e impostos ao longo do exercicio fiscal, revisión de padróns de contribuíntes, especialmente os vinculados a inmobles desocupados, revisión do conxunto da fiscalidade (IBI  e IAE) a Navantia Fene e ás súas instalacións anexas.

Os acordos que propomos ao Pleno da corporación son os seguintes:

1.- Convocar, no prazo de 15 días, unha Comisión especial  constituída  por un representante de cada GM, un representante de cada organización sindical con representación no concello e un técnico/a da área de formación e emprego, unha técnica de servizos sociais e presidida polo alcalde ou concelleiro/a en quen delegue.

2.- Cumprido o apartado anterior, redactar por parte da Comisión especial un Plan de emprego municipal no que se recolla, cando menos, o contexto socioeconómico, o alcance temporal, os obxectivos do mesmo, e a metodoloxía de selección do persoal.

3.-Convocar, no prazo dun mes,  unha Comisión mixta de Facenda e Benestar social asistido polo persoal técnico de ambas áreas co obxectivo de facer propostas de modificación das ordenanzas fiscais nos aspectos das exencións totais ou parciais das diferentes taxas e impostos á persoas con menos recursos.

4.-Convocar, no prazo dun mes, a Comisión de promoción económica e facenda para realizar un Plan fiscal de apoio ás PEMES do concello adoptando medidas de rebaixa de taxas e impostos.

5.-Dar conta do acordo ás Federacións de administración pública dos sindicatos máis representativos (CIG, CCOO, UGT e CSIF), ao Comité de empresa e xunta de persoal  do Concello de Fene, ás entidades IEN por Europa, Asociación de Comerciantes  O Cruceiro, e ás entidades asociativas do Concello de Fene.
 
 
 

martes, 26 de febreiro de 2013

O BNG esixe ao PP solucións aos problemas dos equipamentos públicos de Sillobre

O BNG de Fene recibiu queixas das diferentes  entidades  veciñais de Sillobre polo deficiente estado de equipamentos básicos como son o patio da escola e os xogos  infantís do mesmo, os cortes de enerxía eléctrica no local social de titularidade municipal ou o mal estado dos xogos infantís situados no parque do Souto.

 

Para o BNG resulta preocupante que equipamentos como a escola ou o do parque  infantil do Souto estean nun nivel de deterioro tan elevado que podan causar problemas ou lesións aos nenos e nenas. De feito o Grupo municipal do BNG rexistrou un escrito pedindo que se tomasen medidas co parque do Souto. A resposta do alcalde  non se fixo esperar indicando que o parque se atopa nun plan da deputación para arranxar. Esta resposta é insuficiente xa que o goberno ten que actuar e tomar medidas incluso de precintado do parque se é perigoso como parece.

 

Corte de luz no local social, a AVV de Sillobre conta cun local social  de titularidade municipal que sufriu dous cortes de luz por problemas entre o concello de Fene e a empresa subministradora.  Nos últimos días a AVV tivo que suspender actividades por falta de luz.

 

Protesta da ANPA do colexio de SIllobre, os pais e nais entregaron un escrito coas deficiencias do parque infantil e o patio da escola. Esta xa é unha demanda de vello, incluso chegaron a facer un arranxo e pintado os propios pais e nais.

 

O BNG a través dos seus concelleiros preguntaran e demandaran que se atendan estas necesidades coa máxima dilixencia. 
 
 
 
 

sábado, 9 de febreiro de 2013

Tempo de Entroido

Nestas datas de Entroido o BNG de Fene súmase cunha canción reivindicativa sobre a situación do noso sector naval dende hai case 30 anos.
 
 
A quén lle importa?
 
Hai case 30 anos
mandáronnos á porra
e o primeiro culpable
no Gas, feliz se forra.
Que máis lle deu
tamén ao do bigote?
de ENDESA chupa ben do bote.
 
A Xunta non fai nada e
na capital do “Reino”
non falan con Bruxelas
pra levantar o veto,
que mais lles dá?
rínsenos no careto!
e veña sobres para o peto!
 
En Madrid dálles igual,
Europa... a vetar,
e aquí Feijoo a trolear...
 
A quén lle importa que aquí se emigre,
A quén lle importa que isto se afunda?
Feijoo e Rajoy veña a prometer
o que non van facer
(bis)
 
Prométennos un dique
despois danlle mil voltas
para acabar dicindo
que a culpa é de Europa
PP e PSOE
 pásanse a pelota
Viva o Entroido e a chirigota!
 
A Europa dálle igual,
Madrid faino fatal,
e aquí Feijoo a trolear...
 
A quén lle importa que aquí se emigre,
A quén lle importa que isto se afunda?
Feijoo e Rajoy veña a prometer
o que non van facer
(bis)


mércores, 6 de febreiro de 2013

O BNG DE FENE PIDE A COMPARECECENCIA DA PORTAVOZ DO PP NO PLENO ANTE A FALLA DE RESPOSTAS ÁS IRREGULARIDADES EN FACTURAS DO ANO 2012

Os nacionalistas de Fene presentaremos unha moción de urxencia ao Pleno ordinario de mañá xoves, na que se solicitará a comparecencia da portavoz popular, Rocío Bértoa, que tamén ostenta as delegacións de cultura, deportes e urbanismo.
A iniciativa de control do BNG á xestión da concelleira derívase da ocultación que fai o PP de pagos irregulares a  varias empresas. Existen duplicidades nos gastos realizados e contratacións verbais. No caso de Eulen, logo dun proceso de contratación no que só se presentou esta empresa dirixida pola irmá de Feijoo, desde o BNG denunciamos a súa neglixencia na limpeza da piscina no mes de xuño de 2012. Logo vimos que polo prezo de adxudicación era imposíbel que se realizasen os traballos, e agora atopámonos cunha facturación inflada que supera amplamente as condicións contratadas.
 
Os nacionalistas revisamos parte das facturas pagadas no exercicio 2012 e pedimos explicacións concretas por escrito o pasado 21 de decembro, e verbalmente no Pleno do 10 de xaneiro. O alcalde non deu explicación algunha. Agora tócalle responder ante o Pleno, xa que nas xuntas de goberno teñen aprobadas estas facturas con informes desfavorables.
 
No BNG queremos un Concello transparente nas contratacións de empresas e persoas, no que se dean respostas. Por isto pediremos a toda a Corporación apoio á nosa petición de comparecencia da portavoz popular ante o máximo órgano de representación democrática.
 
 
Grupo Municipal do BNG de Fene