Ingresa o teu e-mail e recibe de xeito automático todas as novas que imos subindo.

mércores, 27 de febreiro de 2013

O BNG DE FENE SOLICITA UN PLENO EXTRAORDINARIO PARA DEBATER A SÚA PROPOSTA POLO EMPREGO E A REACTIVACIÓN ECONÓMICA NO CONCELLO

O pasado 21 de febreiro os nacionalistas de Fene rexistraron unha petición de pleno extraordinario para debater e se procede aprobar a PROPOSTA DO BNG POLO EMPREGO E POLA REACTIVACIÓN ECONÓMICA DE FENE.

Agora o Alcalde ten 15 días hábiles para por a data do Pleno, o último día posíbel será o vinderio 11 de marzo. Para o BNG é moi importante que se dea este debate debido á falta de iniciativa do goberno do PP. 

O BNG realizou esta proposta de combate contra o desemprego e pola reactivación económica vinculada á elaboración dos orzamentos municipais de 2013,  o pasado 10 de xaneiro.  Visto a incapacidade do alcalde popular Gumersindo  Galego  en dar pasos concretos.

No BNG propomos as seguintes mediadas como punto de partida:

Creación dun Plan especial de emprego de 3 anos de duración dotado con, como mínimo, 500.000€ para a contratación de persoal de limpeza para edificios municipais, peonaxe de servizos, obras, xardinería e auxiliares de axuda no fogar, e outros que se valoren necesarios. Este Plan estaría convocado publicamente  a través dunhas bases mixtas de capacitación profesional e criterios sociais. 

O  Plan terá unha comisión de elaboración e seguimento conformada por persoal técnico municipal da área de emprego e servizos sociais, unha representación sindical e da unha representación de cada grupo político da corporación. O obxectivo do Plan será xerar entre 35 e 50 contratos anuais dunha duración  mínima de 3 meses e sempre inferiores a un ano,  en función dos servizos a realizar.

Creación dun Plan Fiscal para reformular taxas e impostos na liña de avanzar nas bonificacións parciais ou exencións de taxas e impostos a persoas con menos recursos  cando menos en todos os servizos esenciais, auga, saneamento, recollida do lixo, crear bonificacións para Pemes e autónomos nas taxas e impostos que sexa viábel nun período de 3 anos. Como mínimo 100.000 € anuais, revisar o imposto de transmisións facendo exentos do mesmo ás rendas máis baixas, reducir o ICIO durante 3 anos tanto a particulares como empresas, posibilitar o fraccionamento dos pagos das taxas e impostos ao longo do exercicio fiscal, revisión de padróns de contribuíntes, especialmente os vinculados a inmobles desocupados, revisión do conxunto da fiscalidade (IBI  e IAE) a Navantia Fene e ás súas instalacións anexas.

Os acordos que propomos ao Pleno da corporación son os seguintes:

1.- Convocar, no prazo de 15 días, unha Comisión especial  constituída  por un representante de cada GM, un representante de cada organización sindical con representación no concello e un técnico/a da área de formación e emprego, unha técnica de servizos sociais e presidida polo alcalde ou concelleiro/a en quen delegue.

2.- Cumprido o apartado anterior, redactar por parte da Comisión especial un Plan de emprego municipal no que se recolla, cando menos, o contexto socioeconómico, o alcance temporal, os obxectivos do mesmo, e a metodoloxía de selección do persoal.

3.-Convocar, no prazo dun mes,  unha Comisión mixta de Facenda e Benestar social asistido polo persoal técnico de ambas áreas co obxectivo de facer propostas de modificación das ordenanzas fiscais nos aspectos das exencións totais ou parciais das diferentes taxas e impostos á persoas con menos recursos.

4.-Convocar, no prazo dun mes, a Comisión de promoción económica e facenda para realizar un Plan fiscal de apoio ás PEMES do concello adoptando medidas de rebaixa de taxas e impostos.

5.-Dar conta do acordo ás Federacións de administración pública dos sindicatos máis representativos (CIG, CCOO, UGT e CSIF), ao Comité de empresa e xunta de persoal  do Concello de Fene, ás entidades IEN por Europa, Asociación de Comerciantes  O Cruceiro, e ás entidades asociativas do Concello de Fene.
 
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario