xoves, 14 de marzo de 2013

O BNG REITERA O APOIO Á DEMANDA DE CARGA DE TRABALLO DO COMITÉ DE NAVANTIA

O GM do BNG de Fene queremos amosar publicamente o noso apoio á mobilización de hoxe xoves e do vindeiro 21 de marzo. Para os nacionalistas de Fene o naval é fundamenta para Fene e a comarca. A demanda de compromisos claros de carga de traballo, a xestión do levantamento do veto ou o desenvolvemento da Lei do sector naval de Galiza son cuestións elementais para relanzar a actividade de construción naval en igualdade con calquera outro estaleiro do mundo.

O BNG como organización nin o seu Grupo Municipal en Fene vai asinar comunicado nin manifesto conxunto co PP sobre este asunto. O alcalde de Fene debe esixir ao seu partido, o PP, o cumprimento dos acordos e das promesas, dique flotante, flotel, centro de reparacións… O cinismo do PP de amosar apoio na comarca para logo ir perdendo  compromiso ao achegarse aos centros de decisión que eles mesmos dirixen é un insulto á intelixencia dos habitantes de Ferrolterra.

O PP ten maioría en Santiago e Madrid, controla a SEPI e a dirección de Navantia.  Que cumpran.

Para o portavoz do BNG no concello de Fene Manuel Polo ”resulta moi preocupante que o PP se mobilice, na comarca, polo naval como si eles non tiveran nada que ver coa solución a este problema político que xera desemprego e desesperanza en Ferrolterra”




martes, 12 de marzo de 2013

Acto sobre "A muller traballadora"

O BNG de Fene convída a todo o mundo que o desexe este venres 15 de marzo ás 19:15 horas ao acto para conmemorar o Día Internacional da Muller do pasado día 8.

Será no noso local en Fene e consistirá na proxección do filme "En tierra de hombres" (North country), un pequeno coloquio e remataremos cuns pinchos.

Información sobre a película:
Dirección: Niki Caro.
País:
USA.
Ano: 2005.
Duración: 126 min.
Xénero: Drama.
Interpretación: Charlize Theron (Josey Aimes), Frances McDormand (Glory), Sean Bean (Kyle), Richard Jenkins (Hank), Jeremy Renner (Bobby), Michelle Monaghan (Sherry), Woody Harrelson (Bill White), Sissy Spacek (Alice), Elle Peterson (Karen Aimes), Thomas Curtis (Sammy Aimes), James Cada (Don Pearson), Rusty Schwimmer (Betty).


SINOPSE

Cando fracasa o seu matrimonio, Josey Aimes (Charlize Theron) volta á sua vila natal no norte de Minnesota na busca dun bo traballo. Nai solteira con dous nenos ao seu cargo, busca traballo na fonte principal de emprego da rexión: as minas de ferro. O traballo é duro pero está ben pagado e as amizades que se forman alí espállanse á vida cotiá, xuntando familias e veciños nun fío común. É unha industria dominada polos homes desde sempre, nun lugar pouco afeito aos cambios. Animada pola súa vella amiga Glory (Frances McDormand), unha das poucas mulleres mineiras na vila, Josey únese a aqueles traballadores que furan na pedra para sacar o mineral na canteira. Está mentalizada para o perigoso e duro traballo pero non para soportar o acoso que ela e as outras mineiras sofren por parte dos seus compañeiros, o cal é unha proba moito máis dura. O último que queren os mineiros é ter que competir con mulleres para os poucos empregos que hai, mulleres que según eles non deberían estar a conducir camións nin arrastrando pedras. Cando Josey protesta contra o trato que ela e as súas compañeiras reciben, atopa unha grande oposición. Non só os que mandan non queren escoitar a verdade, tampouco outros membros da comunidade como os seus pais e moitas das súas propias compañeiras que teñen medo de que faga que a situación vaia de mal en peor. As consecuencias da loita de Josey para conseguir unha vida mellor para sí e os seus fillos afectarán a todos os aspectos da súa vida, incluso as relacións coa filla máis nova e o seu fillo adolescente. A través destes contratempos, Josey atopará o valor para loitar polo que cre, a pesar de ter que facelo soa. Inspirada nunha historia real, "En tierra de hombres" sigue a viaxe de Josey por un camiño que a levará máis lonxe do que nunca imaxinara, inspirando a moitos outros, e acabando no primeiro pleito masivo contra o acoso sexual.




venres, 8 de marzo de 2013

O PP DE FENE INCAPAZ DE EXPLICAR A FACTURACIÓN DE EULEN NA EXECUCIÓN DO CONTRATO DESDE XUÑO DE 2012

No  Pleno ordinario, celebrado o xoves 7 de marzo,  compareceu a petición do BNG a Concelleira de Cultura e Deportes, a popular Rocío Bértoa, para dar explicacións sobre a facturación de varias empresas principalmente a relacionada coa contratación desde xuño cos servizos de limpeza mantemento e conserxería das instalacións deportivas.

O GM do BNG levaba meses preguntando pola facturación deste servizo contratado por 171.000 que logo se incrementou pola subida do IVE en 3000 € máis. En seis meses, quedou probado, que o goberno gastou máis de 30.000 € dos inicialmente previstos. Tamén quedou claro que non foron quen de explicar en que se gastaron estes cartos a maiores. Os conceptos nas facturas son os mesmos reiteradamente, sen detalle algún de que se fixo diferente ou a maiores. 

Na súa comparecencia a concelleira mentiu, evitou contestar ou o fixo con evasivas ate rematar recoñecendo erros e a asunción da responsabilidade de telo feito mal.  O goberno do PP pagou varias veces  o mesmo servizo cos informes desfavorables da Intervención municipal.

Para os nacionalistas de Fene estas escusas non son válidas, xa que desde o minuto  un advertimos de falta de dilixencia e de erros evidentes na  vixilancia  do cumprimento  do servizo asumida directamente pola concelleira. Para o portavoz do BNG no concello Manuel Polo “quedou demostrado o descontrol na xestión da área polo que lle pedimos ao alcalde que releve á concelleira destas funcións”. Ao tempo o BNG de Fene queremos un concello transparente onde se responda con axilidade e claridade.



luns, 4 de marzo de 2013

O BNG DE FENE PRESENTA UNHA MOCIÓN SOBRE OS CUSTES DAS PEAXES NA AP9

O Pleno ordinario do concello de Fene, deste vindeiro xoves 7 de marzo, debaterá unha moción sobre os custes da autoestrada Fene-Coruña. Esta iniciativa ven motivada polas continuas subidas no custe da peaxe agudizándose desde o pasado 1 de xaneiro coa entraba en vigor, logo da autorización feita polo Ministerio de Fomento a finais de ano, dunha nova subida na peaxe da A9.

Para o BNG 4 subidas en 12 meses son inasumíbeis na práctica pola meirande parte da sociedade, xa que o custo do traxecto entre A Coruña e Vigo supera os 15 euros, mentres que o traxecto entre Ferrol e a fronteira de Tui –o percorrido completo da A9- achégase na práctica aos 20 euros.

Estamos a falar, pois, dunha das autoestradas máis caras do Estado e que, como se ten posto de manifesto en numerosas ocasións, leva o engadido do feito de non contar cun Programa de Descontos, a semellanza do que acontece noutras autoestradas do Estado. Os constantes incrementos dos prezos das peaxes – reiteramos que foron catro o pasado ano – nun contexto de grave crise económica, levan irremediabelmente á redución de usuarios da autoestrada. En troques, a utilización das estradas alternativas – nun estado deteriorado - levan a atascos e colapsos, ao non poder absorber o tráfico.

A incidencia desta situación – para o conxunto da poboación pero, nomeadamente, para os transportistas - na nosa comarca é maior aínda, xa que ao agravamento da crise e maior desemprego - co progresivo deterioro económico que leva consigo – hai que engadir o feito de non contarmos con vías alternativas en condicións. Por outra banda, os tramos de Miño a Cabanas e de Cabanas a Fene – que poderían actuar como alivio aos atascos que se producen na estrada convencional – resultan dos máis caros con relación á súa lonxitude.

A vista dos feitos expostos, desde o BNG entendemos que os concellos da comarca deberan de fixar unha estratexia común na defensa do conxunto das veciñas e veciños, para o que propomos a adopción dos seguintes acordos;

1.- Manifestar o rexeitamento da corporación á recente suba das peaxes na A9, polo impacto negativo que representa na xa deteriorada economía da comarca.

2.- Esixir do Ministerio de Fomento a urxente revisión da política de peaxes, que camiñe na dirección de rebaixar os custes das mesmas; nomeadamente na actual situación de grave crise.

3.- Solicitar a supresión da peaxe no tramo da A9 que vai de Miño a Fene.

4.- Demandar a urxente construción dun novo enlace da A9 no Polígono do Vidrieiro-Pontedeume.