xoves, 31 de outubro de 2013

O ALCALDE DE FENE DESESTIMA O RECURSO PRESENTADO POLO BNG Á CONTRATACIÓN DE PERSOAS NO DESEMPREGO

O portavoz nacionalista presentou un recurso, o 24 de outubro, ás bases polas que o Alcalde de Fene convocou o procedemento público para proceder á selección de persoal laboral de carácter temporal ao abeiro dos Programas de Cooperación da Xunta de Galicia coas entidades locais 2013, para tres postos de peón a media xornada e unha de auxiliar de axuda no fogar a xornada completa.
Curiosamente na resposta ao recurso se desestima o mesmo e se informa ao BNG da modificación das Bases nos apartados de experiecia profesional e nos méritos. No primeiro caso se reduce a valoración da experiencia e no segundo se incrementa o valor dos méritos a acreditar.
 

O "remendo" feito pola alcaldía non resolve a situación de desproporción entre o que se pide e as carácterísticas dos postos a contratar. As bases manteñen 20 temas dos cales 10 son de dereito administrativo e obvianse probas prácticas. Con este tipo de selección non se garante a inclusión social das persoas con máis dificultades.
 

Para o portavoz do BNG no concello, Manuel Polo, trátase dunhas bases burocráticas e totalmente insensibles á gran problematica do desemprego en colectivos con difícil inserción laboral, persoas con cargas familiares ou desempregadas de longa duración.
 
 
 
 
 
 

sábado, 26 de outubro de 2013

O ALCALDE DE FENE REXEITA A OFERTA DO BNG PARA NEGOCIACIAR O ORZAMENTO DE 2014

    O portavoz nacionalista ofreceu ao Alcalde de Fene, logo dun longo debate, a posibilidade de retirar o orzamento de 2013 e sentarse a negociar o 2014, que é o que tocaría a estas alturas do ano. Esta oferta foi o derradeiro intento dos nacionalistas en levar ao Concello de Fene polo camiño de ter unhas contas útiles e non o de  continuar coas contas prorrogadas desde 2012.
    
    O BNG lembroulle ao Alcalde que tiña dúas posibilidades para aprobar o orzamento, unha, actuar en contra do parecer da maioría e sacalo adiante vinculándoo a unha cuestión de confianza, ou unha segunda opción e que foi a oferta do BNG que retirase o documento de 2013 e que se implicase na negociación do 2014.
    
    Falla de vontade e vitimismo, estas foron as características do discurso do alcalde.  O Goberno de Fene é vítima, como o propio Alcalde recoñeceu,  das políticas do PP no goberno do Estado e da Xunta que recortan ingresos e limitan a capacidade de gasto beneficiando so aos bancos. A falla de vontade foi total por parte do Alcalde Gumersindo Galego que nin se sentou a falar do orzamento.


    O Alcalde ten que mirar se antepón o seu interese de ser Alcalde cos intereses dos veciños de Fene que é ter un orzamento útil na prestación de servizos e na creación de emprego.