Ingresa o teu e-mail e recibe de xeito automático todas as novas que imos subindo.

luns, 8 de setembro de 2014

DISCURSO DE JUVENTINO TRIGO NO ACTO DE HOMENAXE A PANCHO ALLEGUE FENE, 7 DE SETEMBRO DE 2014

Bo día.

Alicia e máis Rita xa describiron perfectamente a figura de Pancho e destacaron moitas das súas mellores virtudes, e pouco ou nada queda por dicir do seu extenso traballo en favor da cidadanía. Moito se ten falado, escrito e documentado sobre el, o cal indica o valioso que foi como persoa e como político, e indica tamén que, cando menos, toda a súa loita mereceu a pena. 

Juventino Trigo, portavoz do grupo municipal do BNG
Non é que melloraran moito as cousas nestes últimos nove anos, de feito empeoraron bastante, pero o seu traballo mereceu a pena porque agora, os que nos toca vivir esta situación temos un referente ao que seguir. 

En moitas ocasións teño pensado qué diría Pancho, ou qué faría Pancho se estivese aquí vendo como, cando estamos chegando ao final do veto de ASTANO, que non se levantou antes dos 10 anos por moito que insistimos os do Bloque, non hai ningún proxecto de barco para construír, non hai ninguén traballando para que vexamos unha quilla no dique, nin hai ganas de facer nada por remediar esta situación. Nin os sindicatos do poder, nin os partidos do poder... ninguén fai nada. Iso si, La Voz de Galicia saca un titular en portada e a toda páxina dicindo que Bruxelas confirma que o final do veto será o 1 de xaneiro de 2015, coma se iso fose un notición!, coma se non  o soubéramos desde hai 10 anos! E o caso é que moita xente segue picando e toma ese titular coma se fose unha novidade e unha boa noticia antes descoñecida...!!

Rita Couto, concelleira do BNG en Fene
En fin, eu penso que Pancho estaría tan indignado como calquera de nós, e que sacaría as pancartas de levantamento do veto e carga de traballo sempre que tivera ocasión, como facemos nós, e que faría todo o que estivese na súa man para instar aos poderes a que reaccionaran, e tamén aos traballadores e traballadoras, e á sociedade en xeral de toda Galiza, como facemos desde todos os lugares nos que o BNG ten representación. Porque Pancho, ante todo, pensaba sempre en clave de país, en clave galega, en clave nacionalista. Pancho sabía, como sabemos nós, que os problemas de Galiza só podemos resolvelos dende Galiza, que ninguén vai vir de fóra a mellorar as nosas vidas, e que a mellor arma contra as crises, contra os recortes, contra as inxustizas sociais, é o nacionalismo. E ese nacionalismo, entendido como a facultade de crer en nós mesmos, nas nosas potencialidades, é o que nos vai permitir seguir existindo como pobo. O único que loita, loitou sempre e loitará pola posta en valor da nosa lingua, da nosa cultura; pero tamén dos nosos recursos produtivos, da nosa economía, das nosas materias primas. E figuras como a de Pancho Allegue se suman á lista de referentes históricos cos que contamos os que traballamos hoxe baixo o paraugas do nacionalismo galego, e para nós, para o BNG, e para min mesmo, é unha honra poder dicir que temos como exemplo a Pancho á hora de tomar as nosas decisións máis importantes.

Alicia Martínez, ex concelleira do BNG
Só agardo que o que nos queda por facer, tanto en Fene coma en todo o país, siga tomando exemplo de referentes coma Pancho, que soubo trasladar as súas conviccións cun amplo consenso de toda a sociedade, cando menos aquí en Fene, onde unha inmensa maioría, aínda que non o coñecera persoalmente, o recorda con agarimo.


Por todo isto, aínda que a día de hoxe non están logrados os obxectivos de Pancho nin os do nacionalismo en xeral, teño que reiterar que o seu traballo, coma o de todos os nacionalistas, máis que nunca, paga a pena.

Moitas grazas.



Ningún comentario:

Publicar un comentario