martes, 28 de outubro de 2014

Gumersindo Galego ocultou á Corporación a regularización catastral impulsada polo Ministerio de Facenda en 2012

O goberno local coñecía e colaborou activamente na regularización catastral posta en marcha  neste ano no Concello de Fene, estas afirmacións fíxoas o Alcalde Gumersindo Galego na Comisión de obras e urbanismo celebrada hoxe.


Os nacionalistas pedimos ao Alcalde que nos aclarase cal era o coñecemento do tema da regularización catastral e cal o alcance da colaboración do goberno, xa que na comisión de facenda de onte os propios membros do goberno discreparon sobre a participación do goberno no proceso. Mentres o edil de facenda negaba calquera participación a edil de urbanismo recoñecía ter colaborado.


O Alcalde recoñeceu ter mantido xuntanzas co Catastro e incluso ter posto a disposición no mesmo as licenzas outorgadas nos últimos anos a veciños do noso concello. A pesar desta colaboración municipal os erros son moi importantes polo que o propio Alcalde recoñecía que estaba recomendando á xente reclamar nos 15 días de prazo.


Na Comisión informativa o Alcalde tamén manifestou que había obras que tributaban menos debido ás baixas valoracións, intentando xustificar así a regularización. O que o Alcalde non di é que o Concello de Fene leva arredor de 20 anos revisando de oficio as obras e dándoas de alta no catastro ou modificando os seus valores tributarios ata a chegada do PP ao goberno.


Para o BNG é totalmente lamentábel que o Alcalde ocultase o proceso de regularización impulsado polo ministro Montoro e por riba marea ao veciños con desculpas e escusas cando é responsabel de terse iniciado o proceso en Fene  e ademais perfecto coñecedor de todo.





Ningún comentario:

Publicar un comentario