mércores, 30 de decembro de 2015

Feliz 2016!

A Asemblea Local do BNG de Fene desexa a toda a militancia, simpatizantes e veciñanza un Feliz ano 2016.

Hoxe teremos uns petiscos no noso local a partir das 20h. onde todo o mundo está convidado.


venres, 4 de decembro de 2015

Candidatos da Comarca de NÓS-Candidatura Galega

Continuar coa senda iniciada polo nacionalismo galego nas Cortes no ano 1996, facendo de NÓS, candidatura galega a voz e a forza da nosa comarca. Eis o compromiso da candidata e candidatos da comarca que forman parte das listas de NÓS-Candidatura Galega para as eleccións do vindeiro 20 de Decembro. 


Ilusionad@s en partillar unha candidatura que provén da pluralidade, da xenerosidade e do compromiso co País; ao tempo que conscientes da responsabilidade de facer nosa a reclamación dunha comarca que quere defender o dereito a producir, vivir e traballar na propia terra.
A partir de hoxe comezou un traballo intenso, como facemos no día a día. Coa xente, e para a xente. Aí estamos NÓS !!!





· Manuel Polo (vice-responsábel comarcal do BNG e ex portavoz municipal do BNG de Fene)
· Beatriz Bascoy (Alcaldesa de Moeche)
· Secundino García (Alcalde de S. Sadurniño)




xoves, 3 de decembro de 2015

Exhibición de deporte inclusivo no Polideportivo "O Ramo"

O pasado luns 30 de novembro o Polideportivo  Municipal "O Ramo" de Barallobre acolleu unha actividade para dar a coñecer o deporte inclusivo con participantes das escolas de deporte adaptado da Mancomunidade e alumnado do CEIP o Ramo.

Ao longo da xornada, coa asistencia do alcalde de Fene Juventino Trigo e representantes municipais de concellos da Comarca, houbo exhibicións de slalom en cadeira de rodas, boccia, baloncesto en cadeira de rodas e baile, nas que puideron participar os propios alumnos e alumnas do centro para coñecer por si mesmos estas modalidades, de acordo co enfoque inclusivo desta iniciativa.  

As escolas de Deporte Inclusivo da Mancomunidade contan cunha subvención da Deputación da Coruña, e na súa impartición colaboran as entidades ADM (Boccia, Slalom e Tenis), Basketmi (baloncesto), Vida Activa (baile) e COGAMI (pilates). 

Destacar que no Pavillón Polideportivo "O Ramo" se desenvolve  os xoves de  17:30 a 19:00 a actividade Baloncesto en cadeira de rodas. Actividade enmarcada no Programa de deporte e actividade física adaptada e inclusiva.

Juventino Trigo animouse a probar co "Slalom en cadeira de rodas"


xoves, 26 de novembro de 2015

O goberno de Fene prepara unha actuación integral para a seguridade viaria da Avenida Marqués de Figueroa

A concellería de Persoal, Seguridade, Formación e Emprego, en coordinación coa Policía Local de Fene, traballa na realización de varios proxectos encamiñados a mellorar a seguridade viaria nunha das arterias principais do municipio; a Avenida Marqués de Figueroa.
Mellorar a iluminación, buscar novos sistemas de sinalización lumínica dos pasos de peóns, que garantan a seguridade e tamén a sostibilidade ambiental, e reducir a velocidade nesta vía, son algunhas das actuacións previstas no proxecto que, tal e como declarou a concelleira responsable, Sandra Permuy, "dotarán a esta avenida dun equipamento adaptado ao urbanismo do século XXI; ecolóxico, seguro e moderno".
A Avenida Marqués de Figueroa rexistra desde hai anos un nivel alto de sinistros por atropelos, dado que se trata dunha vía con moita actividade comercial e de ocio e, polo tanto, moi transitada por vehículos e por peóns. Esta actuación integral buscar rematar con estes sinistros e, ao mesmo tempo, facer a rúa máis accesible e cómoda para a veciñanza.



luns, 23 de novembro de 2015

Acto no día contra a violencia machista no noso local

Un ano máis, o local do BNG de Fene abre as súas portas para conmemorar a celebración do 25 de novembro e no que toda a veciñanza ten cabida. Este ano constará da proxección dun filme enfocado na violencia que sufren as mulleres nos conflictos bélicos.

Será este mércores, o propio día 25 de novembro, a partir das 18.30 horas.
Trala longametraxe estades tod@s convidad@s, tamén como todos os anos, a uns petiscos realizados básicamente con productos desta época do ano.


Animádevos a asistir e convidar a quen vexades!!





xoves, 5 de novembro de 2015

Acto do BNG na AV de Perlío

GALIZA, A FORZA QUE NOS UNE


Baixo este lema o BNG está a facer unha serie de actos por todo o país sobre os 20 anos de presenza do bloque no Congreso e da importancia dun grupo parlamentar galego no mesmo.

Este venres ás 20:30h na Asociación Veciñal de Perlío o BNG de Fene e de Neda organizamos o noso acto, aberto a todo o mundo, e que contará coas intervencións de Bieito Lobeira, Secretario de Organización do BNG, Helena Pardo, portavoz do BNG no Concello de Neda e Juventino Trigo, alcalde de Fene.




xoves, 29 de outubro de 2015

Juventino Trigo recibe ao presidente da Deputación Provincial

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, recibiu este mediodía ao presidente da Deputación provincial, Valentín García Formoso, na que foi a primeira visita institucional do novo mandatario provincial ao Concello de Fene.

Juventino Trigo aproveitou esta primeira toma de contacto para trasladarlle algunhas das suxestións do goberno local en relación con proxectos que levan moitos anos paralizados.

Tratouse tamén o tema do punto limpo de Vilar do Colo, proxecto mancomunado que o Concello de Fene pretende levar adiante cos Concellos de Cabanas, Ares e Mugardos.  Sobre esta cuestión, o alcalde de Fene pediu a Valentín García que a Deputación da Coruña elabore, no menor tempo posible, o informe que o Concello precisa para poder sacar adiante o proxecto e poñer en funcionamento o tan demandado punto limpo.

En Fene son varias as estradas propiedade da Deputación Provincial. O alcalde de Fene trasladou a Valentín García a necesidade de acometer a construcción de beirarruas na estrada da Armada, a continuidade da de Barallobre dende a igrexa parroquial ao Instituto ou a arteria viaria principal de Magalofes. A seguridade dos peóns está en xogo en calquera delas.

En relación cos diversos Plans Provinciais previstos para o 2016 -dos cales o Concello de Fene recibirá en torno a 340 mil euros do Plan de Acción Social e 250 mil do Plan de Obras e Servizos- falouse na xuntanza da posibilidade de que o Concello de Fene destine parte destes investimentos á renovación  de servizos e beirarrúas na Avda das Pías, dende San Valentín ao cruce de Fene.

Á marxe das obras pendentes e dos novos proxectos que o Goberno Municipal de Fene pretende abordar coa colaboración da Deputación, o alcalde de Fene expuxo ao presidente do organismo provincial a situación do naval en Fene e demandou a Valentín García un plan de acción comun do Concello coa Deputación para exixir carga de traballo para o asteleiro de Fene.

O presidente da deputación coruñesa asinou no libro de honra do concello de Fene ao remate da visita institucional.





luns, 26 de outubro de 2015

Aberto o prazo para se rexistrar no censo das primarias abertas da Iniciativa pola Unión

Desde o pasaso día 19 de outubro e ata o 3 de novembro é posible rexistrarse no censo para elixir en primarias abertas a candidatura unitaria que se promove.

Animamos a todo o mundo interesado nunha candidatura galega de unidade popular, soberana no seu funcionamento e sen ningún tipo de dependencia nin obediencia alleas aos intereses da nosa nación, se inscriba a través do seguinte formulario. http://polaunion.gal/formulario/

O proceso de elección da candidatura será de xeito presencial con voto en urna (en próximas datas anunciaremos onde estará colocada a do noso concello) o vindeiro domingo dia 8 entre as 11 horas e as 15 horas.

Cabe lembrar que, por acordo adoptado o pasado 27 de setembro no Acto de Apertura da Iniciativa pola Unión, o censo electoral de primarias debe ser EX NOVO; isto é, todas aquelas persoas que adheriron o Manifesto de Conxo e están a recibir información da Iniciativa pola Unión, deberán cubrir igualmente o formulario, xa que o obxectivo deste é operar como un NOVO CENSO ELECTORAL para as PRIMARIAS ABERTAS.

Informamos tamén que a finais desta semana, desde as 00:00 horas do venres 30 de outubro ás 24:00 horas do sábado 31 de outubro todas as persoas que queiran concorrer ás primarias da candidatura galega promovida pola Iniciativa pola Unión deberán ter presentada a súa candidatura. Toda a información do proceso e ligazóns aos documentos necesarios premendo aquí




xoves, 22 de outubro de 2015

O alcalde de Fene fai un chamamento ás alcaldías da comarca para demandar conxuntamente emprego no sector naval da ría


A situación pola que atravesa o sector naval na ría de Ferrol segue nun proceso de progresivo desmantelamento, constituíndo un dos elementos que máis está a contribuir ás elevadas taxas de desembrego, emigración e índices de emerxencia social e pobreza na contorna dos concellos da comarca.

Logo de dez meses desde o remate do veto que impedíu á antiga ASTANO o acceso á construcción naval convencional; atopámonos cun novo veto que deriva da falta de definición de proxectos no ámbito da construción naval e fronte isto atopámonos co derrube dunha grúa e retirada de proxectos de futuro como o de Gestamp.

Compre lembrar o percorrido das promesas no traballo do sector naval da comarca (flotel e BAM) O flotel supuxo, no mellor dos casos, unha ocupación dun máximo de 300 persoas. E o BAM non pasou na prática moito máis aló da fase de corte de chapa a finais do pasado ano, atopándose práticamente paralizado desde aquela.

A maiores, dos catro petroleiros a construír nas diversas factorías de Navantia dedúcese con claridade que o complexo Fene-Ferrol é, máis unha vez, leva a peor parte no reparto; xa que estamos a falar da realización dos bloques de proa, que supoñen unha moi pequena parte do conxunto do buque. En termos de emprego, segundo se recoñece en diversos ámbitos, esta obra podería achegaría emprego a un máximo de 300 persoas durante o período de construcción dos buques, estimado en 21 meses.

Ningún goberno que se reclame tal, pode permanecer de espectador cando o que está en xogo é un dos piares básicos da economía e da creación de emprego. Desde o Concello de Fene, que está a padecer esta situación dun xeito virulento no plano do deterioro social, económico e demográfico, acreditamos que compre dar un chanzo no ámbito institucional e político; demandando dos gobernos unha folla de ruta –con plans e prazos concretos- que partan de garantir o dereito a producir, implementando as medidas que correspondan nos diversos ámbitos para converter o naval no que sempre tivo, como elemento dinamizador da economía e do emprego na nosa comarca.

Neste sentido, avogamos pola apertura dun proceso de interlocución co goberno galego, demandándolle o cumprimento da Lei do Sector Naval Galego, que fixa exercicio de competencias neste ámbito e ao goberno do estado para abordar a posta en marcha desas medidas. Para iso, desde o concello de Fene propomos unha convocatoria ao conxunto dos concellos da área de Ferrolterra, Eume e Ortegal, ao obxecto de articular desde as institucións municipais unha acción conxunta para garantir dos diversos gobernos –o galego e o do Estado- que se aborde con urxencia, concretando medidas e prazos.





mércores, 21 de outubro de 2015

Obradoiro de sexualidade e diversidade no CPS de San Valentín

A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova organiza este venres 23 un obradoiro de sexualidade e diversidade conducido por Lucía Veciño, responsábel da Asemblea de Mulleres. Será no CPS de San Valentín ás 20 horas.





domingo, 18 de outubro de 2015

O PLENO DO CONCELLO DE FENE APROBA O ORZAMENTO PARA 2015

Nunha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Fene, celebrada o pasado 15 de outubro, foron aprobados dous asuntos de gran importancia económica. Estes acordos veñen a normalizar unha situación de falta de xestión das contas que impedían cumprir coas normas económico finacieiras impostas polo goberno central en 2012 aos concellos, asemade permite  pagar facturas pendentes e dotar de orzamento áreas que xa o tiñan esgotado.

Por unha banda o Pleno aprobou o orzamento 2015 co voto favorábel do goberno conformado polo BNG, PSOE e SF, como non podía ser doutro xeito o proxecto económico tamén contou co apoio do PP xa que fundamentalmente se tratou de aprobar o gasto executado polos populares.



Este orzamento é un arranxo dunha situación de caos xerada por un PP que ata maio deste ano gastou por riba do propio orzamento prorrogado de 2014 deixando gasto sen consignación orzamentaria. 

O orzamento descende lixeiramente con respecto a 2014 pasando de  10.927.183,02 € a 10.731.643,27 debido a que o goberno de Gumersindo Galego (PP) no ano 2014 aprobou un orzamento no que incluía uns 400.000 € de ingresos pola taxa de uso da EDAR que finalmente non implantaron por un cálculo puramente electoral. A ausencia deste ingreso veu a descadrar máis o orzamento prorrogado neste ano 2015. 

Para o goberno local este é un primeiro paso para avanzar en políticas a favor dos veciños deixando atrás o caciquismo e a xestión irresponsable, no ano 2014 o PP aprobou o orzamento na Xunta de goberno local sen contar por primeira vez na historia da democracia coa aprobación do Pleno. En palabras do alcalde Juventino Trigo “fixeron o que quixeron e fixerono mal”.

O segundo asunto aprobado foi unha modificación de creto de 62143,40 € para pagar as facturas pendentes do ano 2014, este asunto levouse a Pleno para evitar un prexuizo maior ás empresas que realizaron os traballos. Este punto, non exento de polémica, foi apoiado polos portavoces dos grupos que conforman o goberno e polo grupo municipal do PP. A razón desta postura, obrigar aos resposables das contratacións irregulares a aprobalas no Pleno. Con esta medida evítanse posibles reclamacións de cobro por vía xudicial e se zanxa unha polémica que as urnas dende maio tamén refrendaron.

Con estas accións o goberno de Fene comeza a xestionar axeitadamente, quedando aínda pendentes de pago facturas de obras electoralistas e sen partida orzamentaria por valor aproximado de 400.000 € que se afrontarán nos vindeiros meses.





venres, 18 de setembro de 2015

DISCURSO DE JUVENTINO TRIGO NO ACTO DE HOMENAXE A PANCHO ALLEGUE FENE, 6 DE SETEMBRO DE 2014

Bo día,

O ano pasado dicía eu aquí, neste mesmo escenario, que o traballo de Pancho e dos nacionalistas coma el, pagaba a pena, porque aínda que non se tiñan logrado todos os obxectivos, si se avanzaba na loita polo noso, polo país. Hoxe teño que reiterarme nesa afirmación, dado que o traballo constante e continuado durante os últimos anos fixo que a sociedade de Fene devolvese á alcaldía ao Bloque Nacionalista Galego, algo do que Pancho, como xa dixo a miña compañeira, estaría moi orgulloso.

Agora toca devolver a Fene ese lugar de vangarda no que o deixou Pancho e o seu equipo, e se cabe, tamén melloralo, adaptándoo aos tempos de hoxe e á sociedade actual, que en dez anos ten cambiado en moitos aspectos. Devolverlle o prestixio das escolas obradoiro, devolverlle a excelencia nos servizos sociais, facer que sexa de novo un exemplo a seguir na defensa da lingua e da nosa cultura, erradicar as políticas de favores e favoritismos, coidar as nosas escolas públicas, favorecer o crecemento do emprego de xeito transparente e sen amiguismos, etc.

Como sabedes, moitas destas cousas xa se están a facer, e se están a facer xa porque en Fene non é difícil, e non é difícil porque xa se ten feito, e se ten feito grazas a concelleiros e concelleiras nacionalistas como Pancho Allegue, que entre outros moitos méritos, ten o de sentar as bases en Fene dun xeito de facer política diferente ao dos poderes establecidos, centrado nas persoas e no seu benestar por riba de todo. Política con maiúsculas, dedicando a súa vida ao pobo a cambio de nada, poñendo incluso cartos do seu peto para moitas loitas. Un político que de seguro sentiría noxo ao ver os niveis de corrupción da política actual, tanto da política “de altura” como de algúns alcaldes e concelleiros de pobos non moi distintos ao de Fene. E un político que de seguro non aceptaría hoxe ningún tipo de lección sobre “como facer política para as persoas”, ou sobre “como traballar para o pobo”, porque é o que fixo durante toda a súa vida. 

Pancho foi concelleiro do goberno de Fene durante 18 anos, e 18 anos dan para moito, incluso para estar cansado. Porén, el non estaba cansado de ser concelleiro, e neses 18 anos, nunca perdeu as forzas -cando menos publicamente-. Soubo adaptarse a todos os tempos que lle tocou vivir, e sempre estivo disposto a loitar polo país, por Fene e polo que para el era de xustiza: o noso sector naval, as condicións laborais dos traballadores, a creación de emprego, a formación da xente nova...

Non é fácil estar 18 anos nun posto de responsabilidade e non deixar ningunha lembranza negativa, pero el conseguiuno. Pancho deixou pegada, por suposto que si, pero unha pegada de éxitos, de traballo e de esforzo. 

Sempre digo, nos anos que levo participando desta homenaxe, que Pancho é o mellor exemplo a seguir para os que agora somos concelleiros e concelleiras do BNG de Fene. Nesta ocasión, como alcalde, volvo dicir o mesmo e se cabe con máis forza. É un orgullo, ademais dunha gran sorte, contar coa figura de Pancho para tela en conta á hora de tomar decisións, para tomala como exemplo de loita incansable cando fallan as forzas, e para tela presente á hora de facer política para as persoas, como el fixo sempre.

Persoas coma Pancho, nacionalistas de pro, defensores a ultranza de Galiza e do galego, da lingua, da cultura, do noso medio natural e dos nosos sectores produtivos, son as que fan que sigamos a existir como pobo, que sigamos sendo nós e que a nosa voz se escoite, aínda que non tan alto como moitos quixéramos, máis alá das nosas fronteiras.

Por isto, o traballo de persoas como Pancho transcende máis alá da vida e da morte e convértese nun legado de valor incalculable que no presente podemos e debemos aproveitar ao máximo, sobre todo, quenes temos responsabilidades de cara á cidadanía.

Nada máis e moitas grazas.







venres, 4 de setembro de 2015

O BNG de Fene organiza unha homenaxe a Pacho Allegue polo décimo aniversario do seu pasamento

O Concello participa do evento de xeito institucional, e contarase coa presenza da deputada europea do BNG, Ana Miranda



Como cada ano, o Bloque Nacionalista Galego de Fene organiza unha homenaxe a Pancho Allegue polo aniversario da súa morte, o 4 de setembro de 2005. Nesta ocasión, cumpríndose dez anos daquela data, e con novo alcalde do BNG, o Concello participa de xeito institucional na homenaxe cunha ofrenda floral.

O acto desenvolverase o vindeiro domingo, 6 de setembro, ás 12 horas, no Parque Castelao de Fene, ao pé do monolito dedicado á memoria de Pancho Allegue, e está convidada toda a corporación municipal, así coma o tecido asociativo do Concello. Ademais, estará presente a eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

Pancho Allegue fora concelleiro do goberno nacionalista de Fene presidido por Xosé María Rivera Arnoso durante 18 anos, destacando sobre todo pola súa loita sindical no sector naval e pola creación e posta en marcha das escolas obradoiro e talleres ocupacionais no Concello, que foron pioneiros e destacados en toda Galiza. 

Finou de xeito repentino, por mor dunha parada cardíaca, o 4 de setembro de 2005, con 46 anos de idade.





xoves, 27 de agosto de 2015

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, rexeita o convite de Navantia para asistir á botadura de mañá por considerala propagandística


 O Alcalde de Fene esíxelle a Navantia e ao goberno do PP tanto na Xunta como en Madrid carga de traballo para o estaleiro de Fene. Ademais para o edil nacionalista é preciso dotalo de persoal de dirección e operarios para desenvolver traballos de todo tipo comezando pola construción naval convencional unha vez que o veto pactado entre o goberno español e a UE ten rematado o pasado 1 de xaneiro. Este veto segue na práctica tal e como ten denunciado o Consello Comarcal do BNG. O PP está deixando morrer o sector naval na ría mantendo un nivel de ocupación baixísimo.

Para Juventino Trigo a decisión de Navantia de facer os últimos encargos de buques nos estaleiros de Cádiz e ter relegada a antiga ASTANO a un papel secundario é totalmente lamentábel. A comarca de Ferrol e Fene en concreto precisan de traballo para a xente e menos propaganda.

O Alcalde nacionalista lamenta que nos últimos anos todos os anuncios preelectorais, tal e como foron os floteis encargados por Pemex ou o buque de acción marítima (BAM), son traballos de pouquísima relevancia tendo en conta o potencial construtor de Navantia na ría e foron cortinas de fume nos que apenas se materializaron postos de traballo reais ademais de propiciar a desaparición de empresas locais especializadas nos traballos auxiliares.

Por último o Alcalde de Fene reclama máis unha vez a articulación dun Complexo Integral do Naval na ria de Ferrol, aberto a todos os ámbitos de produción: civil, bens de equipo, reparacións, militar...A concreción de carga de traballo, a construción do dique flotante e a posta en marcha de medidas (técnicas, de xestión e produción) para permitir a plena rendibilidade do centro de Fene serían o punto de partida nesa estratexia.




 
 
 
 
 

luns, 24 de agosto de 2015

Corte de auga o martes 25 de agosto

O Concello de Fene informa aos veciños e veciñas que o vindeiro martes 25 de agosto, en horario de 08.00 a 15.00 horas, por mor das obras de mellora na rede municipal de abastecemento de auga potable, verase interrompido este servizo.


Estas obras, realizadas polo propio concello, están incluídas na "Renovación de servizos e pavimentos na Avda. das Pías (estrada FE-14) Fase 2 (marxe dereita)".

As rúas afectadas, serán:


Avda. Naturais
Tras do Cádavo
Porta do Sol
Avda. Conces
Vista Alegre
Camiño do Sartego
Fonte do Campo
Casavella
Casanova
Mundín
Formosende ata Travesía da Costeira
Porta do Río
Sixto Mauriz (dende Porta do Sol ata a Autoestrada)





venres, 10 de xullo de 2015

Bando do alcalde con motivo da conmemoración do Día da Patria Galega

BANDO

Veciñas e veciños de Fene, persoas que vivides e traballades nas oito parroquias que conforman o noso Concello:


Diríxome a vós nestas dastas nas que nos achegamos a un novo 25 de xullo, xornada na que conmemoramos o “Día da Patria Galega", por dicilo coas palabras que Castelao pronunciou aló polo ano 1948, na cidade de Bos Aires.

Unha xornada de festa, mais tamén de reivindicación do país, tal e como proclamaron aló polo 1919 as Irmandades da Fala ao escoller o 25 de xullo como data de lembranza da nosa Patria.


Porque, mais unha vez, o 25 de xullo manifestaremos que Galiza non é unha vivencia abstracta. A patria galega formámola as mulleres e os homes que, dende hai séculos, temos a conciencia e o orgullo de pertencer a un pobo e a unha terra cunha fala de noso.

Unha comunidade que aspira a ser dona dos seus destinos, a exercer o seu dereito a decidir onde e como investir, de que xeito protexer os seus sinais de identidade ou como imos aproveitar os nosos recursos para garantirlle ás novas xeracións un futuro digno na nosa terra.

Patria que construímos todos os días falando en galego, tentando mellorar as condicións de vida da nosa veciñanza, coidando o medio ambiente ou non perdendo a perspectiva que, antes ca nós, houbo mulleres e homes que sementaron o que hoxe somos.

Pobo que recoñece e festexa os seus símbolos, máxime na súa “festa maior”, e que os nosos devanceiros desexaban ollar como un país en azul e branco, polo que vos aninamos pendurar a nosa bandeira nas rúas, fenestras e balcóns.

Terra para a que temos que soñar o noso mañá porque, en versos de Manuel María:



“Galicia somos nós:

a xente e maila fala.

¡Se buscas a Galicia

en ti tes que atopala!”






Fene, 10 de xullo de 2015





mércores, 1 de xullo de 2015

Fene organiza o seu goberno baixo a fórmula do tripartito

BNG, PSOE e Somos Fene veñen de chegar a un acordo para a organización do goberno tripartito. Un acordo que será referendado polo pleno municipal que será convocado para os próximos días. Non hai cambios no orzamento destinado ás dedicacións dos concelleiros/as, manténdose as dúas que había no anterior mandato; unha delas recae na alcaldía e outra no grupo municipal do Partido Socialista, e poderán distribuíla en exclusividade ou parcialidade entre os membros do seu grupo.

En canto ás delegacións de áreas, o Bloque Nacionalista Galego, ademais da alcaldía, encargaráse de Facenda, Urbanismo, Patrimonio, Vivenda, Persoal, Seguridade, Medio Ambiente, Formación e Emprego. Os edís do Partido Socialista levarán ás áreas de Cultura, Educación, Obras, Servizos, Igualdade e Servizos Sociais. Somos Fene ocuparáse de Promoción Económica, Xuventude, Deportes, Participación Cidadá, Transparencia e Comunicación.

Formarán a xunta local de goberno o alcalde Juventino Trigo, o socialista Antón Noceda, Xoan Manuel Rodriguez Bastida de Somos Fene, Sandra Permui do BNG e outro membro do PSOE aínda por decidir. 

O acordo alcanzado vai ser revisado de xeito semestral a través dunha comisión de seguimento na que estarán presentes os tres grupos, e que poderá ser convocada por calquera deles e en calquera momento.









domingo, 14 de xuño de 2015

Discurso de Investidura de Juventino Trigo, novo alcalde de Fene

Bo día a todos e todas, agradézovos en nome de toda a nova corporación a vosa asistencia a este acto tan importante.

O pobo de Fene expresou a súa vontade nunhas eleccións plurais,   abertas e con incerteza no resultado se cadra máis que noutras ocasións.
Algo semellante ao ano 1979 cando se constituíron as primeiras corporacións democráticas logo de 40 anos de ditadura.



É importante este acto porque refrenda algo elemental, a pluralidade de ideas e de opinións, formas de ver as cousas e de melloralas.

Cando remate este mandato que hoxe comeza, levaremos 40 anos continuados de concellos democráticos con alcaldes como Xosé Maria Rivera, Iván Puentes e Gumersindo Galego, que sendo de ideoloxías diferentes puideron exercer o seu cargo libremente.

É importante este acto, porque o alcalde de Fene en 1936 Ramón Souto xunto con gran parte da corporación, secretario incluído, foron asasinados o día da Galiza mártir, 17 de agosto do 1936 no castelo de San Felipe, porque pensaban diferente, e iso é algo que non podemos esquecer e que sempre o debemos ter na memoria.
Por isto o meu primeiro agradecemento é para todas as persoas que loitaron por facer un mundo mellor, pola igualdade de dereitos das persoas e dos pobos, a todas sen distinción vai este meu agradecemento.

O meu segundo agradecemento ten que ir para todo o pobo de fene que nun exercicio cívico exerceu o seu dereito ao voto e se comprometeu co proceso democrático.

O meu tercerio agradacemento vai a todos os compañeiros de corporación os que o foron, especialmente para Manuel Polo, Rita Couto e Inés Roca, e aos que vos incorporades; sei que coa vosa colaboración sacaremos a Fene adiante.

Para min é un día moi especial. Cando me chamaron os do BNG para encabezar a candidatura hai 4 anos eu non era militante do BNG, non participaba activamente en política. Pero sentín unha responsabilidade cara o noso pobo e sobre todo sentín unha cousa, xa está ben de criticar e non facer nada. Algo que por desgraza está moi ao día, criticalo todo e non comprometerse a nada. 

Din o paso, aceptei, sabendo que era unha gran responsabilidade. Hoxe podo afirmar que o paso foi acertado, a miña aspiración política comeza e remata en Fene; propóñome ser alcalde de toda a veciñanza. 
A porta do concello estará aberta e farei o que prometín en campaña, TRABALLAR, algo que levo facendo dende os 14 anos.       
Non o farei só, aquí estamos 17 mulleres e homes que conformamos a corporación e que estou seguro que defenderemos e proporemos o mellor para Fene.

Anúnciovos tamén que temos asinado dous acordos, un programa político entre EU, Somos Fene, PSdeG-PSOE e o BNG-AA,  e un acordo de goberno entre Somos Fene, PSdeG-PSOE e o BNG.
Quero agradecer especialmente a altura de miras e a enorme xenerosidade de EU e a súa concelleira, Mari Carmen Martínez, que coa súa actitude conseguiron que estes acordos saíran adiante.

Estes acordos garanten un goberno estable e con amplo apoio popular e que nace do acordo das partes asinantes. Resumidamente  neste acordo temos as seguintes liñas prioritarias de actuación.

1) PARTICIPACIÓN VECIÑAL, INFORMACIÓN, TRANSPARENCIA
2) EMPREGO
3) BENSTAR SOCIAL, DEPENDENCIA E IGUALDADE
4) UN CONCELLO SOSTIBLE CON SERVIZOS BÁSICOS UNIVERSAIS
5) CULTURA, LINGUA E DEPORTES   
6) URBANISMO, VIVENDA  E OBRAS
7) REDISTRIBUCION DE RECURSOS, TAXAS, IMPOSTOS, AXUDAS E BECAS.
8) XESTIÓN CON OUTRAS ADMINISTRACIÓNS

Como dixen antes, estas liñas de actuación xunto co organigrama serán feitos públicos polo conxunto do goberno. (xa está nas redes socias en gran parte)
En 15 días teremos o Pleno organizativo e nese se verá a forza deste goberno.
Hoxe remato xa, foi a elección da Alcaldía, cargo que exercerei para o ben de Fene, implicando o mellor de min pero sobre todo sacando o mellor da corporación que hoxe tomou posesión e do conxunto do persoal municipal sen o cal, as palabras dificilmente pasarían a ser realidades.

Moi bo día e VIVA FENE!!




mércores, 10 de xuño de 2015

Os grupos de esquerda de Fene chegamos a un acordo programático para formar goberno

Tralas reunións mantidas estes días entre todos os grupos políticos de esquerdas que acadaron representación na corporación de Fene, queda definido un programa de mínimos, acordado e consensuado entre as catro formacións (BNG, PSOE, Somos Fene e EU), e que deberá servir de base para a posta en marcha dun goberno estable, solvente e de esquerdas para o Concello de Fene.

Unha vez redactado este programa de actuación procederase á súa publicación para que sexa coñecido por toda a veciñanza e, a seguir, as catro forzas emprázanse para concretar un organigrama que defina ese goberno de esquerdas cos grupos que o pobo de Fene quixo conformar a corporación o pasado 24 de maio.






sábado, 23 de maio de 2015

Reflexionando...

O PP aproveita o último día de campaña para facer un último pleno extraordinario para tratar un tema que non corría presa. Só para ,de novo, facerse a víctima ante as súas trapalladas e xa ao momento mandar nota a unha prensa que publica sen preguntar aos outros grupos.

Nós agradecemos enormemente o traballo á nosa candidatura, militantes e simpatizantes, que con tanta ilusión e gañas traballaron. Despedímonos cantando o "Uah" de Suso Vaamonde, onde nunha das súas estrofas nos anos 70 facía alusión a "para caciques Pontevedra", alí o BNG foi quen de mudar a realidade e botalos, fagamos o mesmo en Fene!!

E non teñas medo que rache, que é de coiro de cacique!






venres, 22 de maio de 2015

Fin de campaña. Acto en Perlío

Chegamos ao fin da campaña, unha campaña que contou con actos e con presenza da nosa xente por todas as parroquias, hoxe rematamos en Perlío, ás 21 horas na Praza da Escola falarán:


Alberto Maceiras (nº 5)
Sandra Permuy (nº 2)















Justo M. Ardá (nº 4)


Juventino Trigo















E logo tod@s a comer liscos ás festas de Perlío, desta vez non quixemos organizar ningúns petiscos de balde xa que na pista do C,C.R.D. de Perlío a comisión de festas organiza unha "liscada" para recaudar cartos para as mesmas! Vémonos!

PERLÍO _DEPENDE_DE_NÓS


xoves, 21 de maio de 2015

Hoxe acto en Fene

Hoxe tócalle o turno á parroquia de Fene, onde faremos o noso penúltimo acto da campaña, será no Parque Castelao (monumeto ao Pallaso) ás 20 horas en no mesmo falarán:


Cristina García (nº 8)
Justo M. Ardá (nº 3)
Juventino Trigo (Candidato á alcaldía de Fene
Mercedes Tobío (Portavoz Comarcal)






























FENE _DEPENDE_DE_NÓS





Recta final

Entramos na recta final da campaña, e desde aquí mandamos unha forte aperta de agradecemento a toda a xente que estes días estase a volcar con nós. Candidat@s, militantes e simpatizantes que fostes e ides porta a porta levando as nosas propostas e papeletas (nos non usamos o "mailing", non pedimos créditos aos bancos, temos ao noso "exército" de voluntarios).









MOITAS GRAZAS! FENE _DEPENDE_DE_NÓS



luns, 18 de maio de 2015

Hoxe acto en San Marcos

Hoxe tócalle ao lugar de San Marcos, o noso acto será na AVV Santo Sanmarco ás 19h. e, tras un cambio a última hora, falarán:




Ledicia Trillo (nº 6)
Juventino Trigo
Manuel Polo (nº 7)


SAN_MARCOS _DEPENDE_DE_NÓS




sábado, 16 de maio de 2015

E mañá ás 12 do mediodía... Barallobre

Continuamos recorrendo todas as parroquias do Concello, desta vez tócalle a Barallobre. Este domingo ás 12 do mediodía Acto Público na Liga de Amigos, falarán:

Pepa López (nº 12)

Justo Martínez-Ardá (nº 3)
Juventino Trigo






BARALLOBRE_ DEPENDE_DE_NÓS



venres, 15 de maio de 2015

Actos en San Valentín e Sillobre

Este sábado 16 faremos dous actos, pola mañá, ás 12:30h será o acto adiado no seu día en repulsa ao asasinato machista de Ourense e será no CPS de San Valentín. E pola tarde tócalle o turno á parroquia de Sillobre, ás 19:00h na AVV.

En San Valentín falarán:


Alba García (nº 10)
Sandra Permuy (nº 2)











Juventino Trigo



E en Sillobre falarán:




Alberto Maceiras (nº 5), Sandra Permuy (nº 2) e Juventino Trigo, candidato á alcaldía





SAN_VALENTÍN _E _SILLOBRE _DEPENDEN _DE _NÓS








xoves, 14 de maio de 2015

Acto en Maniños

Mañá venres ás 20:00h na Sociedade O Pote tócalle o turno á parroquia de Maniños neste acto falarán:


Ledicia Trillo (nº 6)
Mariela Aguilar (nº 4)


Juventino Trigo



MANIÑOS_DEPENDE_DE_NÓS