venres, 20 de marzo de 2015

Os candidatos do BNG de Fene e Cabanas visitan o Punto limpo de Carballo


Iago Varela, Juventino Trigo, Evencio Ferrero e Luís Lamas
Os alcaldables nacionalistas de Fene, Juventino Trigo, e de Cabanas, Iago Varela, coñeceron esta tarde o funcionamento do punto limpo do Concello de Carballo, que consideran un modelo a seguir para a posta en marcha do de Vilar do Colo. Foron recibidos polo alcalde da localidade, o tamén nacionalista Evencio Ferrero e o concelleiro Luís Lamas.








Os candidatos de Fene e Cabanas coñeceron de primeira man como foi a posta en marcha do punto limpo e o seu funcionamento ordinario. Para Juventino Trigo "o Concello o de Carballo é un modelo na xestión de residuos. Nada que ver coa inoperancia do alcalde de Fene, que ten paralizado o punto limpo por non querer xestionalo como é debido". 





Anualmente, Carballo distribúe 50 composteiros para ir reducindo a factura medioambiental e económica. Pola contra, o PP de Fene eliminou o programa de compostaxe posto en marcha polo BNG. 












luns, 16 de marzo de 2015

O BNG de Fene traballa nunha candidatura activa e preparada para gobernar

Juventino Trigo encabeza de novo a lista electoral do BNG de Fene para as vindeiras eleccións municipais. Xunto a el, e como resultado das asembleas abertas celebradas ao longo das últimas semanas, aparecen persoas moi relacionadas co tecido asociativo do municipio, así como persoas simpatizantes que accederon a participar deste proxecto, elaborado coa firme decisión de gobernar Fene o próximos catro anos.

Sandra Permuy, de San Valentín, ocupa o segundo posto da candidatura. Justo Martínez-Ardá, actual concelleiro, séguea no terceiro. Mariela Aguilar, simpatizante do BNG e presidenta da Asociación Ecoloxista AETNA, vai no cuarto posto, e compaxinará este labor co seu traballo na sociedade e na Comisión de Festas de Maniños. Do mesmo xeito, Alberto Maceiras, de Perlío, pecha este primeiro tramo, no que se combinan de xeito notable a profesionalidade, a aposta pola cultura, polos servizos sociais e pola a atención á veciñanza.

Para o alcaldable, Juventino Trigo, esta candidatura “é o resultado dun proceso aberto cos veciños e veciñas de Fene e, en consecuencia, tanto no primeiro tramo coma no resto da lista temos xente  preparada e moi activa en temas sociais e culturais”.