venres, 18 de setembro de 2015

DISCURSO DE JUVENTINO TRIGO NO ACTO DE HOMENAXE A PANCHO ALLEGUE FENE, 6 DE SETEMBRO DE 2014

Bo día,

O ano pasado dicía eu aquí, neste mesmo escenario, que o traballo de Pancho e dos nacionalistas coma el, pagaba a pena, porque aínda que non se tiñan logrado todos os obxectivos, si se avanzaba na loita polo noso, polo país. Hoxe teño que reiterarme nesa afirmación, dado que o traballo constante e continuado durante os últimos anos fixo que a sociedade de Fene devolvese á alcaldía ao Bloque Nacionalista Galego, algo do que Pancho, como xa dixo a miña compañeira, estaría moi orgulloso.

Agora toca devolver a Fene ese lugar de vangarda no que o deixou Pancho e o seu equipo, e se cabe, tamén melloralo, adaptándoo aos tempos de hoxe e á sociedade actual, que en dez anos ten cambiado en moitos aspectos. Devolverlle o prestixio das escolas obradoiro, devolverlle a excelencia nos servizos sociais, facer que sexa de novo un exemplo a seguir na defensa da lingua e da nosa cultura, erradicar as políticas de favores e favoritismos, coidar as nosas escolas públicas, favorecer o crecemento do emprego de xeito transparente e sen amiguismos, etc.

Como sabedes, moitas destas cousas xa se están a facer, e se están a facer xa porque en Fene non é difícil, e non é difícil porque xa se ten feito, e se ten feito grazas a concelleiros e concelleiras nacionalistas como Pancho Allegue, que entre outros moitos méritos, ten o de sentar as bases en Fene dun xeito de facer política diferente ao dos poderes establecidos, centrado nas persoas e no seu benestar por riba de todo. Política con maiúsculas, dedicando a súa vida ao pobo a cambio de nada, poñendo incluso cartos do seu peto para moitas loitas. Un político que de seguro sentiría noxo ao ver os niveis de corrupción da política actual, tanto da política “de altura” como de algúns alcaldes e concelleiros de pobos non moi distintos ao de Fene. E un político que de seguro non aceptaría hoxe ningún tipo de lección sobre “como facer política para as persoas”, ou sobre “como traballar para o pobo”, porque é o que fixo durante toda a súa vida. 

Pancho foi concelleiro do goberno de Fene durante 18 anos, e 18 anos dan para moito, incluso para estar cansado. Porén, el non estaba cansado de ser concelleiro, e neses 18 anos, nunca perdeu as forzas -cando menos publicamente-. Soubo adaptarse a todos os tempos que lle tocou vivir, e sempre estivo disposto a loitar polo país, por Fene e polo que para el era de xustiza: o noso sector naval, as condicións laborais dos traballadores, a creación de emprego, a formación da xente nova...

Non é fácil estar 18 anos nun posto de responsabilidade e non deixar ningunha lembranza negativa, pero el conseguiuno. Pancho deixou pegada, por suposto que si, pero unha pegada de éxitos, de traballo e de esforzo. 

Sempre digo, nos anos que levo participando desta homenaxe, que Pancho é o mellor exemplo a seguir para os que agora somos concelleiros e concelleiras do BNG de Fene. Nesta ocasión, como alcalde, volvo dicir o mesmo e se cabe con máis forza. É un orgullo, ademais dunha gran sorte, contar coa figura de Pancho para tela en conta á hora de tomar decisións, para tomala como exemplo de loita incansable cando fallan as forzas, e para tela presente á hora de facer política para as persoas, como el fixo sempre.

Persoas coma Pancho, nacionalistas de pro, defensores a ultranza de Galiza e do galego, da lingua, da cultura, do noso medio natural e dos nosos sectores produtivos, son as que fan que sigamos a existir como pobo, que sigamos sendo nós e que a nosa voz se escoite, aínda que non tan alto como moitos quixéramos, máis alá das nosas fronteiras.

Por isto, o traballo de persoas como Pancho transcende máis alá da vida e da morte e convértese nun legado de valor incalculable que no presente podemos e debemos aproveitar ao máximo, sobre todo, quenes temos responsabilidades de cara á cidadanía.

Nada máis e moitas grazas.







venres, 4 de setembro de 2015

O BNG de Fene organiza unha homenaxe a Pacho Allegue polo décimo aniversario do seu pasamento

O Concello participa do evento de xeito institucional, e contarase coa presenza da deputada europea do BNG, Ana Miranda



Como cada ano, o Bloque Nacionalista Galego de Fene organiza unha homenaxe a Pancho Allegue polo aniversario da súa morte, o 4 de setembro de 2005. Nesta ocasión, cumpríndose dez anos daquela data, e con novo alcalde do BNG, o Concello participa de xeito institucional na homenaxe cunha ofrenda floral.

O acto desenvolverase o vindeiro domingo, 6 de setembro, ás 12 horas, no Parque Castelao de Fene, ao pé do monolito dedicado á memoria de Pancho Allegue, e está convidada toda a corporación municipal, así coma o tecido asociativo do Concello. Ademais, estará presente a eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

Pancho Allegue fora concelleiro do goberno nacionalista de Fene presidido por Xosé María Rivera Arnoso durante 18 anos, destacando sobre todo pola súa loita sindical no sector naval e pola creación e posta en marcha das escolas obradoiro e talleres ocupacionais no Concello, que foron pioneiros e destacados en toda Galiza. 

Finou de xeito repentino, por mor dunha parada cardíaca, o 4 de setembro de 2005, con 46 anos de idade.