Ingresa o teu e-mail e recibe de xeito automático todas as novas que imos subindo.

xoves, 18 de febreiro de 2016

O goberno de Fene propón á Deputación varios proxectos de seguridade viaria en estradas provinciais

O responsable de infraestruturas viarias e varios técnicos visitaron a estrada da Armada

 e zonas de Barallobre e Magalofes


O goberno local de Fene recibiu na mañá de onte ao responsable provincial de Intraestruturas viarias, vías e obras provinciais e Medio Ambiente, José Manuel Pequeño. A cita tivo como obxectivo facer entrega de expedientes, memorias e proxectos elaborados polo goberno municipal e considerados como de alto interese para o municipio, como é a habilitación dunha senda peonil na estrada da Armada (Maniños), outra en Magalofes desde a igrexa ao local social e unha máis desde os institutos de Barallobre e ata o cemiterio municipal. Isto permitiría o tránsito de peóns de xeito seguro nestas zonas, onde o paso a pé é moi frecuente. Ademais, na contorna dos institutos tamén se proxecta a mellora da seguridade viaria con nova sinalización lumínica e pasos de peóns elevados.

O alcalde, Juventino Trigo, o tenente alcalde e concelleiro de servizos, Antón Noceda, e a concelleira de Tráfico e Seguridade Viaria, Sandra Permuy, acompañaron a José Manuel Pequeño e aos técnicos nunha visita ás tres zonas, onde puideron comprobar de primeira man a necesidade de acometer estas obras. De feito, segundo declarou o alcalde “amosaron moi boa disposición e actitude activa de colaboración”. Polo tanto, Juventino Trigo agarda “que poidan comezar moi pronto con algunha destas obras, todas elas vellas demandas veciñais e moi necesarias para garantir a seguridade das persoas que camiñan por estes lugares”.


Plans Provinciais ao día

Estas obras, a realizar de xeito directo pola Deputación, completaranse cos plans provinciais a executar polo Concello, que xa están a ser consensuados coas sociedades e listos para ser presentados e aprobados. Polo tanto, en palabras do alcalde “o actual goberno ten os plans provinciais de 2015 executados e moi avanzado o proxecto para 2016, o cal significa que estamos ao día na realización destas obras, a pesar do que queira dar a entender o Partido Popular, que o único que fai é falar do pasado”.




Ningún comentario:

Publicar un comentario