domingo, 20 de marzo de 2016

O BNG de Fene renovou o seu Consello Local

Con algunha nova incorporación e renovando a confianza para a dirección na persoa de Digna Faraldo, o novo Consello Local foi elixido en asemblea de militantes na tarde do pasado xoves, 18 de marzo, por unanimidade de votos dos e das asistentes. Nos primeiros minutos da súa elección, o novo órgano de dirección local do BNG xa asumiu como principal e inmediata a tarefa de servir de apoio ao grupo de concelleiros e concelleiras que forman parte do goberno do Concello, comezando por facer unha rolda de reunións coas sociedades e asociacións de Fene, tal e como o BNG vén facendo de xeito habitual pero, nesta ocasión, se cabe, con máis razón de ser, dada a responsabilidade actual do Bloque no Concello.


O novo Consello Local do BNG de Fene queda composto polas seguintes persoas:

Digna Faraldo, Cristina García, Luis Seijo, Sandra Permuy, Alberto Maceiras, Ledicia Trillo, Manuel Polo e Xesús Cea. Como suplentes, Xosé Antonio García e Rita Couto, e como membros “por dereito” pola súa condición de concelleiros/as, Juventino Trigo, Mariela Aguilar e Justo Martínez-Ardá. Ademais, Néstor Fernández continúa no órgano como representante de Galiza Nova. 






luns, 14 de marzo de 2016

Avanzan os traballos do obradoiro de emprego “INICIA” que se desenvolve en Fene

A Concelleira de Formación e Emprego, Sandra Permuy, realizou unha visita esta mañá aos traballos que realiza no Concello de Fene o alumnado do Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil “INICIA”, das especialidades de “Pintura industrial en construcción” e “Fabricación e montaxe de instalacións de tubería industrial”. En concreto, ramataron xa o pintado exterior da A.VV. Santo Samarco na parroquia de Sillobre e, actualmente, están coa colocación dos pasamáns das escaleiras de baixada do Colexio do Ramo, en Barallobre. A concelleira estivo acompañada pola directora do Obradoiro, Mª Carmen Yáñez, quen lle explicou in situ o progreso das actuacións.



O Obradoiro de Emprego “INICIA” foi concedido pola Consellería de Economía, Industria e Emprego, e desenvólvese a través dun convenio de colaboración entre os Concellos de Fene, Ares e Cabanas. Comenzou o 30 de setembro de 2015 e remata as súas actuacións o vindeiro 29 de marzo. Está integrado por 28 alumnos e alumnas (17 de Fene, 8 de Ares e 3 de Cabanas), unha directora, tres docentes das especialidades, unha docente de ensino básico e unha docente de formación empresarial.