martes, 26 de abril de 2016

Asemblea Aberta en Fene


Este xoves, día 28 de abril ás 19 horas no local da Asemblea do BNG de Fene terá lugar unha asemblea aberta a toda a veciñanza de Fene e arredores englobada dentro do proceso "Adiante" que se está a facer en todo o país e que ten un dobre obxectivo: 

Por unha banda, iniciar, desenvolver e culminar o debate sobre a refundación do nacionalismo galego aprobado na XV Asemblea Nacional do BNG baixo a premisa de reactivar, reactualizar, reforzar e relanzar o proxecto nacionalista en Galiza. 

Por outra, que o proceso, ademais dun medio, sexa un fin en si propio que serva para dinamizar o funcionamento interno do BNG, motivar, reconectar e reilusionar o conxunto da militancia e poder incorporar homes e mulleres que, sen militaren na organización, comparten connosco a necesidade de que exista na Galiza unha expresión política propia nacionalista. Ademais debe ser unha oportunidade para demostrar -unha vez máis- que o BNG non ten parangón en termos de pluralidade de ideas, debate interno, asemblearismo e funcionamento democrático.

Acude e convida a quen consideres... ADIANTE!





luns, 11 de abril de 2016

Visita do Presidente da Xunta de Galiza ás escolas infantís do Concello




Discurso de recibimento e demandas do Alcalde de Fene, Juventino Trigo ante o Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijoó na súa visita ás escolas infantís do Concello:



"Como alcalde de Fene e en nome da Corporación Municipal que represento, quero dar a benvida e agradecer en primeiro lugar a visita que hoxe realiza a Fene o Señor presidente da Xunta de Galiza, D. Alberto Núñez Feijoo. 

Sr. Presidente; como vostede comprenderá, os alcaldes temos a obriga de pedir, reclamar e xestionar; e neste momento, como vostede mismo apreciará, necesitamos a urbanización da Estrada do Ramo, dependente da Xunta, para favorecer o acceso a toda esta zona dotacional do Ramo. 

Urxe a posta en marcha polo Consorcio da escola infantil do Carril prevista para setembro 2016; e polo tanto necesitamos sentarnos a falar coa Consellería da xestión desta nova escola, e solucionar o contencioso relativo aos gastos para a xestión da Escola Infantil de Perlío.

E por suposto, para encher estas escolas fan falla nenos e nenas, e para iso ten que haber emprego, algo tan escaso na nosa comarca; polo que lle pedimos un esforzo máximo nese cometido. 

Moitas Grazas."