Ingresa o teu e-mail e recibe de xeito automático todas as novas que imos subindo.

luns, 13 de xuño de 2016

1 ano de goberno encabezado polo BNG

Hoxe cúmprese un ano da investidura de Juventino Trigo como alcalde de Fene, lembramos o seu discurso:


Foto: Fenecom
Bo día a todos e todas, agradézovos en nome de toda a nova corporación a vosa asistencia a este acto tan importante.

O pobo de Fene expresou a súa vontade nunhas eleccións plurais,   abertas e con incerteza no resultado se cadra máis que noutras ocasións.
Algo semellante ao ano 1979 cando se constituíron as primeiras corporacións democráticas logo de 40 anos de ditadura.



É importante este acto porque refrenda algo elemental, a pluralidade de ideas e de opinións, formas de ver as cousas e de melloralas.

Cando remate este mandato que hoxe comeza, levaremos 40 anos continuados de concellos democráticos con alcaldes como Xosé Maria Rivera, Iván Puentes e Gumersindo Galego, que sendo de ideoloxías diferentes puideron exercer o seu cargo libremente.

É importante este acto, porque o alcalde de Fene en 1936 Ramón Souto xunto con gran parte da corporación, secretario incluído, foron asasinados o día da Galiza mártir, 17 de agosto do 1936 no castelo de San Felipe, porque pensaban diferente, e iso é algo que non podemos esquecer e que sempre o debemos ter na memoria.
Por isto o meu primeiro agradecemento é para todas as persoas que loitaron por facer un mundo mellor, pola igualdade de dereitos das persoas e dos pobos, a todas sen distinción vai este meu agradecemento.

O meu segundo agradecemento ten que ir para todo o pobo de fene que nun exercicio cívico exerceu o seu dereito ao voto e se comprometeu co proceso democrático.

O meu tercerio agradacemento vai a todos os compañeiros de corporación os que o foron, especialmente para Manuel Polo, Rita Couto e Inés Roca, e aos que vos incorporades; sei que coa vosa colaboración sacaremos a Fene adiante.

Para min é un día moi especial. Cando me chamaron os do BNG para encabezar a candidatura hai 4 anos eu non era militante do BNG, non participaba activamente en política. Pero sentín unha responsabilidade cara o noso pobo e sobre todo sentín unha cousa, xa está ben de criticar e non facer nada. Algo que por desgraza está moi ao día, criticalo todo e non comprometerse a nada.

Din o paso, aceptei, sabendo que era unha gran responsabilidade. Hoxe podo afirmar que o paso foi acertado, a miña aspiración política comeza e remata en Fene; propóñome ser alcalde de toda a veciñanza.
A porta do concello estará aberta e farei o que prometín en campaña, TRABALLAR, algo que levo facendo dende os 14 anos.      
Non o farei só, aquí estamos 17 mulleres e homes que conformamos a corporación e que estou seguro que defenderemos e proporemos o mellor para Fene.

Anúnciovos tamén que temos asinado dous acordos, un programa político entre EU, Somos Fene, PSdeG-PSOE e o BNG-AA,  e un acordo de goberno entre Somos Fene, PSdeG-PSOE e o BNG.
Quero agradecer especialmente a altura de miras e a enorme xenerosidade de EU e a súa concelleira, Mari Carmen Martínez, que coa súa actitude conseguiron que estes acordos saíran adiante.

Estes acordos garanten un goberno estable e con amplo apoio popular e que nace do acordo das partes asinantes. Resumidamente  neste acordo temos as seguintes liñas prioritarias de actuación.

1) PARTICIPACIÓN VECIÑAL, INFORMACIÓN, TRANSPARENCIA
2) EMPREGO
3) BENSTAR SOCIAL, DEPENDENCIA E IGUALDADE
4) UN CONCELLO SOSTIBLE CON SERVIZOS BÁSICOS UNIVERSAIS
5) CULTURA, LINGUA E DEPORTES  
6) URBANISMO, VIVENDA  E OBRAS
7) REDISTRIBUCION DE RECURSOS, TAXAS, IMPOSTOS, AXUDAS E BECAS.
8) XESTIÓN CON OUTRAS ADMINISTRACIÓNS

Como dixen antes, estas liñas de actuación xunto co organigrama serán feitos públicos polo conxunto do goberno. (xa está nas redes socias en gran parte)
En 15 días teremos o Pleno organizativo e nese se verá a forza deste goberno.
Hoxe remato xa, foi a elección da Alcaldía, cargo que exercerei para o ben de Fene, implicando o mellor de min pero sobre todo sacando o mellor da corporación que hoxe tomou posesión e do conxunto do persoal municipal sen o cal, as palabras dificilmente pasarían a ser realidades.

Moi bo día e VIVA FENE!!






Ningún comentario:

Publicar un comentario