mércores, 13 de xullo de 2016

Agustín Fernández Paz, o teu compromiso coa lingua e o contributo á cultura do país sempre nos acompañarán.

(nota da Alcaldía extraída da páxina www.fenecidadan.gal)

O alcalde de Fene, Juventino Trigo Rey, amosou a súa  enorme tristura polo falecemento do escritor Agustín Fernández Paz:  

Unha persoa á que no Concello de Fene lle estaremos sempre agradecidos.
Nos anos que residiu na comarca de Ferrolterra, Agustín, á fronte do colectivo de mestres Avantar, foi un dos artífices dos primeiros libros de texto para o ensino do galego, “O noso galego”, libros que en boa parte se xestaron nas instalacións do CEIP O Ramo. 
No ano 1984, cando o Concello de Fene, comezou o proceso de normalización lingüística na administración local, Agustín foi unha das persoas que asumiu os labores de normalización, modernización e adaptación á linguaxe non sexista da documentación administrativa así como da formación do funcionariado. Tamén nos primeiros anos de Radio Fene, Agustín e Inma dirixiron un programa divulgativo sobre a nosa lingua e cultura que levaba por título “A Fervenza”. 
Moitas máis foron as súas colaboracións co Concello, a última, por estas mesmas datas do ano 2007, Agustín foi o autor da declaración institucional do “Día da Patria Galega”, unha declaración que remataba cos versos de Manuel María, chairego como Agustín e o autor ao que neste 2016 se lle dedican as Letras Galegas, que reproduzo deseguido:

“Galicia somos nós:
a xente e maila fala.
¡Se buscas a Galicia
en ti tes que atopala!”



Agustín Fernández Paz



luns, 11 de xullo de 2016

A Xunta de Galiza recorta en formación para o emprego en Fene e nos concellos agrupados

A Concelleira de emprego e portavoz do BNG de Fene, Sandra Permuy, lamenta o recorte en formación para o emprego realizado pola Consellería de traballo da Xunta de Galiza.
Para a portavoz nacionalista é sorprendente que neste ano non se concedese o Obradoiro que estaba solicitado para o programa de garantía xuvenil que si se tiña realizado en anos anteriores. Este Obradoiro xuvenil garantía a formación a rapaces e rapazas que non tiñan rematada a ESO.
Por outro lado nos Obradoiro de emprego ordinarios nas que se viña traballando coa agrupación de Ares e Cabanas e que neste ano se sumaron Mugardos e Neda a redución foi de 3 obradoiros en 2015 a 2 obradoiros en 2016 pasando de 28 a 20 alumnos e alumnas.

ANO
TIPO 
 OBRADOIRO
CONCELLOS
ALUMNOS / ESPECIALIDADES
PARO CONCELLOS
TOTAL PARO CONCELLOS PARTICIPANTES
2014
Obradoiro ordinario
Fene / Ares / Cabanas
21alumnos / 3 especialidades
Ares :574  / Fene:1340 / Cabanas: 268
2.182
2015
Obradoiro programa garantía xuvenil
Fene / Ares / Cabanas
28 alumnos / 3 especialidades
Ares :492  / Fene:1203 / Cabanas: 240
1.935
2016
Obradoiro ordinario
Fene / Ares / Cabanas / Neda
Mugardos
20 alumnos / 2 especialidades
Ares :461 / Fene:1098 / Cabanas: 196/Neda:406 / Mugardos:456
2.617



Desde o goberno municipal traballarase na formación polo emprego tomando iniciativas potentes ademais de esixir á Xunta que cumpra coas persoas desempregadas do noso concello.


Sandra Permuy, Concelleira de Emprego