mércores, 13 de xullo de 2016

Agustín Fernández Paz, o teu compromiso coa lingua e o contributo á cultura do país sempre nos acompañarán.

(nota da Alcaldía extraída da páxina www.fenecidadan.gal)

O alcalde de Fene, Juventino Trigo Rey, amosou a súa  enorme tristura polo falecemento do escritor Agustín Fernández Paz:  

Unha persoa á que no Concello de Fene lle estaremos sempre agradecidos.
Nos anos que residiu na comarca de Ferrolterra, Agustín, á fronte do colectivo de mestres Avantar, foi un dos artífices dos primeiros libros de texto para o ensino do galego, “O noso galego”, libros que en boa parte se xestaron nas instalacións do CEIP O Ramo. 
No ano 1984, cando o Concello de Fene, comezou o proceso de normalización lingüística na administración local, Agustín foi unha das persoas que asumiu os labores de normalización, modernización e adaptación á linguaxe non sexista da documentación administrativa así como da formación do funcionariado. Tamén nos primeiros anos de Radio Fene, Agustín e Inma dirixiron un programa divulgativo sobre a nosa lingua e cultura que levaba por título “A Fervenza”. 
Moitas máis foron as súas colaboracións co Concello, a última, por estas mesmas datas do ano 2007, Agustín foi o autor da declaración institucional do “Día da Patria Galega”, unha declaración que remataba cos versos de Manuel María, chairego como Agustín e o autor ao que neste 2016 se lle dedican as Letras Galegas, que reproduzo deseguido:

“Galicia somos nós:
a xente e maila fala.
¡Se buscas a Galicia
en ti tes que atopala!”



Agustín Fernández Paz



Ningún comentario:

Publicar un comentario