luns, 5 de setembro de 2016

PARALIZACIÓN DO DEBATE SOBRE OS MAIORES ORZAMENTOS DA HISTORIA DE FENE

No pleno do pasado 4 de agosto co voto en contra do Partido Popular e a abstención de Somos Fene e PSOE impediuse a inclusión na orde do día dos Orzamentos para o ano 2016. Isto supuxo a paralización do debate dos orzamentos para 2016 que suporían o maior orzamento da historia de Fene, cunha partida de investimentos en obras que alcanzaba case o millón e medio de euros, repartidos entre todas as parroquias de Fene e acordados co tecido asociativo resulta inexplicable.

Ante esta situación, o alcalde de Fene, o nacionalista Juventino Trigo, decidiu cesar dos seus cargos aos concelleiros/as de Somos Fene e do PSOE por perda da súa confianza neles, o que implica o cesamento nos seus cargos como concelleiros/a delegados no goberno. É a principal consecuencia que se deriva da decisión destes edís de romper por sorpresa unhas negociacións traballadas e consensuadas durante catro meses.

O BNG mantén ao 100% o acordo programático asinado en xuño de 2015 por Somos Fene (SF), PSOE, IU e o propio BNG, no que se establecían unhas liñas de actuación moi claras relativas ao obxectivo básico da promoción do emprego, a mellora dos servizos sociais, a participación cidadá, etc. O programa de actuación política do goberno non vai cambiar; porén, a perda de confianza do alcalde nos seus concelleiros delegados provoca a imposibilidade de seguir contando cos mesmos para o exercicio da citada actuación. Así as cousas, o alcalde e o BNG manteñen a porta aberta ao diálogo con todos os grupos da corporación para que, unha vez aclaradas de xeito interno en cada organización as razóns polas que romperon os acordos e faltaron á súa palabra votando en contra dun instrumento básico de traballo como é o orzamento, se poidan establecer novos acordos para facilitar a gobernabilidade do municipio.

O grupo municipal do BNG amósase disposto a gobernar en minoría ou a asumir calquera consecuencia que se derive desta decisión. Tal e como declarou Juventino Trigo en rolda de prensa, “somos conscientes da aritmética municipal e da situación na que queda o pleno, son alcalde por elección maioritaria do pleno e sei perfectamente que preciso apoios para aprobar asuntos, pero non vou ser alcalde a calquera prezo, e prefiro ter que negociar cada decisión e triplicar o meu traballo e o dos meus compañeiros e compañeiras antes que someterme aos ditados de persoas que faltan á súa palabra e que perseguen outros intereses que nada teñen que ver co benestar da veciñanza”.

As razóns de fondo

A Responsábel local do BNG, Digna Falado, afirma que a obstrución á xestión do Alcalde a quen prexudica é ao pobo de Fene. As razóns de fondo derivan de que os portavoces do PSOE e SF miraron polos seus intereses particulares, mentindo e faltando á súa palabra. Por unha banda, o portavoz socialista como delegado de Obras e Servizos leva un ano sen poder facer uso da súa dedicación exclusiva, desatendendo as competencias. E o portavoz de Somos Fene nin aclara nin resolve os embargos sucesivos das súas remuneracións municipais por parte do xulgado por impago a traballadores, feito que ocultou ao asinar o pacto de goberno. Ademais, Somos Fene solicitou a última hora unha dedicación exclusiva para o seu concelleiro César Castro, asegurando que de non concederlla votarían non ao orzamento.
Desatención da veciñanza, desinterese total polo traballo municipal, primar intereses particulares e faltar á palabra dada paralizan a acción dun goberno que non se pode permitir estas actuacións, e que debe seguir traballando para consolidar en Fene as políticas progresistas e de traballo para o pobo que comezaron co alcalde Juventino Trigo.

Reflexionando

Que ocorre agora? O BNG vai seguir gobernando, mantendo o acordo programático asinado e esforzándonos en chegar a acordos.

Pódese gobernar con 4 edís? Con dificultade pero é posíbel. O BNG gobernou Fene de 1979 a 1983 con 4 concelleiros e logo viñeron 5 maiorías absolutas.

Que ocorre cos Orzamentos 2016? Pois neste ano manteranse prorrogados os de 2015 coas incorporacións de diñeiro procedente de subvencións, convenios ou outros ingresos.

Que fixo o PP? A río revolto… O PP pasou de aceptar o debate dos orzamentos o luns a votar en contra o xoves, veulles moi ben non debater o proxecto de orzamento, non tiveron que explicar como votar non a un documento moi bo.

Esixe o BNG dimisións dos exsocios? Non, son as organizacións de cada quen as que deben pedir contas aos seus cargos.

Quen se prexudica máis coa falla de orzamento? As persoas no desemprego, incluíamos un Plan de emprego que terá que agardar ao vindeiro ano.

E as obras acordadas coas sociedades e os outros grupos políticos en que quedan? Faranse todas xa que teñen orixe en Plans de obras que financia a Deputación e a Xunta.



Ningún comentario:

Publicar un comentario