mércores, 9 de maio de 2018

Acto público con Ana Pontón en Fene


O pasado 6 de Abril consumouse a alianza entre o PP e "Somos Fene" para desbancar do goberno municipal de Fene ao lexítimo goberno do BNG; nun noxento acordo que está en realidade máis vinculado a intereses que teñen a ver pouco cos intereses da veciñanza e moito con outros do ámbito persoal e particular das organizacións e persoas promotoras deste esperpento.



Ao marxe da aclaración necesaria ao conxunto da cidadanía de todo o relacionado con este asumto, a nosa organización entende que é preciso trasladar tamén ao conxunto da sociedade un compromiso que reafirme ao BNG na capacidade e na necesidade de continuar no proxecto ilusionante e transformador que o BNG comezara, nunha nova etapa, hai agora tres anos. 



Nesa liña, imos celebrar un primeiro acto aberto á cidadanía; que vai celebrarse o vindeiro venres dia 11 de Maio ás 19,30 h. na "Praza da Escola" en Perlío-Fene, e no que intervirán a portavoz nacional, Ana Pontón, e o compañeiro Juventino Trigo.






luns, 7 de maio de 2018

A ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE FENE ESIXE A DIMISIÓN DO PORTAVOZ SOCIALISTA NO CONCELLO

Chove sobre mollado. No Pleno do Concello de Fene do pasado xoves 3 de maio, o voceiro socialista Antón Noceda repetiu o seu espectáculo de persecución de traballadores pola súa orientación sindical e política. Un concelleiro que entrou na corporación no ano 2007 e que entre as súas teimas está a persecuión ideolóxica dos traballadores e traballadoras do concello de Fene. Este concelleiro dedícase con especial sectarismo e inquina a facer listaxes de traballadores “afíns e non afíns”, e a enviar correos electrónicos directamente a empregados e concelleiros poñendo en dúbida o labor de moito persoal municipal, sempre vinculado á posición ideolóxica e incluso á relación familiar de cada quen.

O concelleiro en cuestión estalle a facer o traballo suxo ao PP sendo un mamporreiro que acumula todo o seu desprestixio persoal e político na corporación, usando o insulto persoal e a descalificación como dialéctica habitual. Nos últimos anos, a súa ira e misoxínia foi contra a concelleira nacionalista Sandra Permui e o actual presidente do Comité de empresa.
Por todo isto, a Asemblea local nacionalista esixe a dimisión do portavoz socialista Antón Noceda. Todo indica que a dimisión á que se veu forzado en 2009, pola presión dos traballadores ao por aquel entón alcalde socialista Iván Puentes, non valeu para que reflexionara e variara a súa actitude cargada de manías persecutorias e paranoias actuando, antes e agora, con moi mala fe.
Antón Noceda pon o colofón á deriva do Partido socialista no concello, asinando unha moción de censura hai un ano e promovendo as dúas seguintes, xuntando interese e miserias de populares e tránsfugas da Marea de Fene.

A nivel institucional, o portavoz nacionalista Juventino Trigo advirte ao alcalde censor que debe impedir que os delirios e a persecución continúen, do contrario tomaranse as medidas máis efectivas para cada caso.

A nivel político, a Asemblea local do BNG de Fene trasladará a esixencia de dimisión do portavoz socialista á dirección galega do PSdeG-PSOE a través das canles orgánicas.