luns, 7 de maio de 2018

A ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE FENE ESIXE A DIMISIÓN DO PORTAVOZ SOCIALISTA NO CONCELLO

Chove sobre mollado. No Pleno do Concello de Fene do pasado xoves 3 de maio, o voceiro socialista Antón Noceda repetiu o seu espectáculo de persecución de traballadores pola súa orientación sindical e política. Un concelleiro que entrou na corporación no ano 2007 e que entre as súas teimas está a persecuión ideolóxica dos traballadores e traballadoras do concello de Fene. Este concelleiro dedícase con especial sectarismo e inquina a facer listaxes de traballadores “afíns e non afíns”, e a enviar correos electrónicos directamente a empregados e concelleiros poñendo en dúbida o labor de moito persoal municipal, sempre vinculado á posición ideolóxica e incluso á relación familiar de cada quen.

O concelleiro en cuestión estalle a facer o traballo suxo ao PP sendo un mamporreiro que acumula todo o seu desprestixio persoal e político na corporación, usando o insulto persoal e a descalificación como dialéctica habitual. Nos últimos anos, a súa ira e misoxínia foi contra a concelleira nacionalista Sandra Permui e o actual presidente do Comité de empresa.
Por todo isto, a Asemblea local nacionalista esixe a dimisión do portavoz socialista Antón Noceda. Todo indica que a dimisión á que se veu forzado en 2009, pola presión dos traballadores ao por aquel entón alcalde socialista Iván Puentes, non valeu para que reflexionara e variara a súa actitude cargada de manías persecutorias e paranoias actuando, antes e agora, con moi mala fe.
Antón Noceda pon o colofón á deriva do Partido socialista no concello, asinando unha moción de censura hai un ano e promovendo as dúas seguintes, xuntando interese e miserias de populares e tránsfugas da Marea de Fene.

A nivel institucional, o portavoz nacionalista Juventino Trigo advirte ao alcalde censor que debe impedir que os delirios e a persecución continúen, do contrario tomaranse as medidas máis efectivas para cada caso.

A nivel político, a Asemblea local do BNG de Fene trasladará a esixencia de dimisión do portavoz socialista á dirección galega do PSdeG-PSOE a través das canles orgánicas.



Ningún comentario:

Publicar un comentario