mércores, 11 de xullo de 2018

O ALCALDE DE FENE MENOSPREZA ÁS ARTISTAS CONTRATADAS POLO CONCELLO

Gumersindo Galego, nunhas declaracións a un medio de comunicación, cualifica as actividades programadas para o ciclo do Día da Patria Galega de “actividades para minorías, sen interese cultural nin para Fene, nin para a comarca”


Galego Feal, que na súa anterior etapa á fronte da alcaldía xa exerceu como censor, vetando unha exposición de Davila no Museo do Humor, exposición que logo recuperaría o goberno do BNG con grande éxito de público, e da súa falla de respecto pola creación artística, intentando chantar unha fotografía de El Rei na instalación de Patricia Dopico que preside o salón de plenos, intento abortado polo pleno da corporación municipal, volve á carga descualificando as actividades programadas para o ciclo do “Día da Patria Galega”.

Só quen despreza canto ignora é quen de se referir aos espectáculos de Circo Chosco; Ith; corais de San Valentín, Maniños, Sillobre e Eterna Xuventude; Tradicoro; rondallas Estrelecer e Perla do Río; Nautilus Band ou Ses como “para minorías” ou “carentes de interese cultural”.

Dende o BNG queremos transmitirlle ás artistas contratadas o noso público recoñecemento polo seu labor creativo ao tempo que instamos ao alcalde de Fene a rectificar as súas declaracións, pedíndolle desculpas públicas a todas elas.

Recomendámoslle ao alcalde de Fene que en lugar de proferir ex-abruptos asuma as súas responsabilidades e recoñeza publicamente os erros cometidos polo seu goberno coa máis que tardía e deficiente publicidade do ciclo do Día da Patria Galega.

Ao mesmo tempo, queremos agradecerlle á veciñanza que, malia á pésima publicidade, acudiu estes días á Praza do alcalde Ramón Souto González, constatando en vivo e en directo a calidade dos espectáculos contratados. Ao tempo, facemos un chamamento a veciños e veciñas a abarrotar o vindeiro venres, 13 de xullo, o parque lineal do Río Cádavo, na lectura da declaración institucional, e a Praza Ramón Souto González no concerto de Ses co que remata o ciclo do “Día da Patria Galega”.







Ningún comentario:

Publicar un comentario