martes, 18 de setembro de 2018

PP-Somos Fene rexeitan as alegacións da CIG ao orzamento sen dialogo algún


A intolerancia faise dona do bipartito fenés. Na mañá de hoxe, martes 18 de setembro, o alcalde convocou un Pleno  urxente para rexeitar as alegacións da CIG ao orzamento 2019. 

A convocatoria fíxose con total escurantismo, sen comentar previamente coa oposición o día e a hora. As alegacións tiñan un mes para ser aceptadas ou rexeitadas e o goberno local adiou o acordo ata a última semana, creando a urxencia pola súa incompetencia. Coa maioría absoluta garantida os Populares podían ter falado á representación laboral e convocado unha Comisión informativa para dar conta dos informes e propostas. En lugar disto optaron polo recurso da urxencia, que non existe, e do escurantismo e a intolerancia. 

Como lexítimos representantes do pobo de Fene, toda a corporación, ten dereito a ter  a documentación dos asuntos en prazo para poder  avaliar os mesmos e fixar posición. O goberno PP- Somos Fene  fai de novo un exercicio de prepotencia e de falla de respeito á oposición ocultando os asuntos ata 24 horas antes da sesión plenaria.

O diálogo e a  paz social teñen que ser a bandeira das relacións laborais no Concello, e a negociación do Capítulo I de persoal, así como das ofertas de emprego son obrigatorias, aínda tendo o goberno a última palabra, a negociación non se pode furtar como foi neste caso.

O Grupo municipal do BNG rexeita as formas e o fondo da actuación deste goberno  escurantista e intransixente e demanda unha relación dialogada e transparente.






Ningún comentario:

Publicar un comentario