Programa de actuación

PROGRAMA DE ACTUACIÓN NO CONCELLO DE FENE 2015-2019

Fene é peza fundamental na estructura municipal galega, foi referencia e debe volver a selo de políticas de vangarda e concello de referencia da banda sur da ría de Ferrol. Un concello que padece a crise dun xeito especialmente duro con moitas persoas no desemprego e moitas familias con problemas económicos. Neste contexto se celebraron o pasado 24 de maio unhas eleccións municipais nas que a inmensa maioría do noso pobo optou por forzas de esquerda e nacionalistas dando unha mensaxe clara de que nos temos que entender dentro da pluralidade.

As organizacións políticas que obtivemos representación no Concello de Fene, BNG, PSdeG-PSOE, Somos Fene e EU entendemos que nun escenario de ausencia de maiorías absolutas é necesario chegar acordos o máis amplos e consensuados posibles para que o pobo de Fene conte cun goberno que represente á pluralidade política e ao tempo un goberno que desterre do noso concello o caciquismo, a ocultación da xestión e a privatización de servizos públicos.

As catro organizacións políticas que asinamos este documento apostamos por ser referencia na rexeneración ética e pola participación veciñal comezando pola complicidade co tecido asociativo, a transparencia na xestión, a xeración de emprego e a defensa dos sectores productivos especialmente o sector naval o marisqueo e a diversificación industrial, apoiamos con firmeza a extensión dos servizos públicos básicos (auga, saneamento, alumeado e beirarrúas) a toda a poboación, reclamaremos outro modelo de xestión do lixo e apoiaremos alternativas concretas de melloras ambientais, apoiaremos uns servizos públicos de benestar social, culturais e deportivos con alcance universal, plurais e cunha aposta clara pola lingua galega. 

A constitución dun goberno plural debe sosterse na defensa do ben común, no impulso da cohesión social a igualdade e a redistribución dos recursos.

Comprometémonos a apoiar as seguintes liñas estratéxicas:

1) PARTICIPACIÓN VECIÑAL, INFORMACIÓN E TRANSPARENCIA
  • Dotármonos de mecanismos e estruturas que impulsen a participación dos veciños e veciñas e se consiga unha profunda democratización do Concello. 
  • Facilitar e impulsar a participación das veciñas e veciños nos plenos.
  • Crear órganos de participación social: Consello da Cultura, Consello do Deporte, Consello da Xuventude, Xunta veciñal de Seguridade, Consello do Urbanismo Sostible e Medio Ambiente e todos aqueles outros que co tempo se vexan necesarios e/ou propostos polos veciños.
  • Os orzamentos e as ordenanzas fiscais serán participativos e contarán coa explicación social dos mesmos.
  • Información actualizada, accesible a toda a veciñanza e fácil de entender.
  • Información dos proxectos de interese xa dende as fases de deseño e elaboración, aceptando o debate e as achegas da veciñanza.
  • Levar a cabo a máxima transparencia que permite a lei coas facturas e gastos do concello.
  • Impulsar un verdadeiro Servizo de Información Municipal fomentando a comunicación bidireccional coas posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías da información e a comunicación a web municipal e a radio. Sen esquecernos dos métodos tradicionais de información como as publicacións periódicas e os taboleiros informativos polas parroquias. 
  • Retransmisión dos plenos pola radio municipal.
  • Dotarse dun servizo de atención á veciñanza que asesore e xestione as demandas dos veciños en materia de consumo.


2) EMPREGO
  • Reivindicaremos como factor principal para a economía local e comarcal a carga de traballo nas instalacións do estaleiro no sector naval e de bens de equipo manténdose no sector público sen impedimentos para proxectos industriais complementarios.
  • Crear unha mesa polo emprego con empresarios, sindicatos e entidades sociais para traballar conxuntamente na creación de emprego.
  • Crearemos un Plan de emprego municipal e bolsas de substitucións no Concello municipalizando servizos subcontratados.
  • Melloraremos a área de formación Pancho Allegue impulsando cursos de calidade.
  • Para continuar fomentando o emprego no concello nos pregos de condicións que se establezan para as empresas que realicen obras no concello, se valorará, atendendo sempre á lexislación vixente en cada momento, que teñan en plantilla ou contraten a veciños do concello e estean activos durante todo o tempo que dure a obra. Tamén evitaremos as subcontratacións dos traballos adxudicados poñéndoo literalmente nos pregos de condicións, xa que a subcontrata dos traballos baixan a calidade dos mesmos e son unha forma de explotación das grandes empresas sobre as pequenas.
  • Poremos en marcha un plan de reactivación económica de axuda a PEMES e persoas autónomas.
  • Crear unha oficina específica de atención aos novos emprendedores que os axude a axilizar (no menor tempo posible) a posta en marcha das súas empresas.
  • Crear un  Censo  Activo  de  Desempregados  e  Bolsa  de Emprego Xove, promovendo un  seguimento  e  atención personalizada dos desempregados do Concello.
  • Potenciaremos o Polígono de Vilar do Colo favorecendo a implantación de empresas.
  • Consensuar cos veciños áreas de expansión do polígono industrial Vilar do Colo para impulsar e facilitar a implantación de medianas e grandes empresas. 
  • Colaboraremos coa Confraría para a mellora na comercialización do Marisco de Barallobre.
  • Levar a cabo as novas contratacións incluíndo cláusulas sociais e de apoio á economía local e comarcal. 
  • Establecer procedementos de inspección de todas as contratacións públicas do concello garantindo que se cumpran as condicións dos convenios laborais.


3) BENESTAR SOCIAL, DEPENDENCIA E IGUALDADE (SERVIZOS SOCIAIS)
  • Dotaremos de máis recursos ao sistema público de Servizos Sociais.
  • Crear un Fondo Municipal de Garantías de Servizos Básicos que interveña garantindo o subministro destes servizos básicos como a auga, luz e gas ás persoas sen recursos do concello.
  • Estratexia de acción transversal coas concellarías con competencias para actuar neste ámbito de protección e promoción das persoas desfavorecidas.
  • Impulsar programas de intervención familiar para prever e evitar situacións de exclusión.
  • Poremos en marcha a escola infantil do Carril.
  • Esixir á Xunta de Galicia a creación dun centro de día para maiores.
  • Activaremos axudas municipais ás persoas con menos recursos.
  • Promover a creación dun Consello de Persoas Maiores.
  • Impulsar a plena inclusión na sociedade das persoas con diversidade funcional en igualdade de condicións. Aplicación do marco normativo da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (ONU).
  • Impulsar a creación dun Servizo de Atención a Nenos e Nenas con Diversidade Funcional en colaboración con outros concellos, institucións públicas e entidades sociais.
  • Promover políticas activas de igualdade. Cumprir o Plan Municipal de Igualdade de oportunidades.
  • Atención as mulleres en risco de exclusión social e en risco por violencia de xénero.
  • Promoveremos dende os servizos sociais do concello un Centro de Recursos Comarcal, cun centro operativo en Fene,  no que teñan cabida todas as entidades sociais e conxuntamente garanten as demandas básicas (alimentación, vestimenta, mobiliario, etc.) dos máis desfavorecidos pola crise económica.


4) UN CONCELLO SOSTIBLE CON SERVIZOS BÁSICOS UNIVERSAIS
  • Achegar a auga e o saneamento a todas as vivendas especialmente a Magalofes e Sillobre mercando os terreos necesarios para poñelos a disposición da Xunta de Galicia.
  • Restablecer á xestión pública do servizo da auga e sumidoiros encanto sexa posible.
  • Por en marcha o Punto limpo de Vilar do Colo.     
  • Ampliar o cemiterio municipal con columbarios, nichos e maior aparcamento.     
  • Mellorar progresivamente o alumeado público e a súa eficiencia enerxética utilizando criterios de sostibilidade: cambio de luminarias por outras máis eficientes sen cambio dos custosos soportes. 
  • Potenciaremos a separación das augas pluviais da rede de saneamento.    
  • Protección das áreas de interese ambiental ríos e ribeira e impulsar o mantemento dos montes.  
  • Reforestación rural e urbana con especies autóctonas adaptadas a cada contorno.    
  • Instaurar un Plan Integral de Mantemento de Parques e Servizos e a posteriori seguir completando o Parque lineal do Río Cádavo para ir construíndo a  gran  zona  verde  de  Fene desde  Vilanova  ata  ASTANO,  que  incluirá dotacións  para  o  goce  do  conxunto  da comunidade:  parque  infantil,  parque para a 3º idade, zonas verdes, puntos de  encontro, zonas de xogo, circuítos de saúde,  etc.     
  • Os novos parques e xardíns que se constrúan seguirán un modelo adaptado ao noso clima e baseado en especies autóctonas.   
  • Dotar progresivamente aos parques do concello de elementos accesibles para os nenos e nenas con diversidade funcional.
  • Potenciaremos medidas para a redución da contaminación atmosférica, do chan, da auga, electromagnética, acústica, lumínica e de calquera outra característica con medidas restrictivas e controis rigorosos.
  • Potenciar programas de educación e sensibilización ambiental, apoiando ás asociacións e movementos sociais de protección do medio ambiente e da natureza.
  • Auditorías enerxéticas dos edificios, das instalacións municipais e do parque móbil.
  • Reducción do consumo. Require a implicación individual e colectiva.
  • Entender as augas pluviais e residuais como recursos susceptibles de ser tratados para a súa reutilización ou reincorporación ao medio.
  • Implementar medidas de eficiencia na xestión da auga.
  • Impulsar sistemas descentralizados e participativos na xestión da auga. 
  • Impulsar programas de minimización na orixe dos residuos e de fortalecemento da reciclaxe.
  • Xestionar de forma eficiente os sistemas de recollida, garantindo unha recollida selectiva.
  • Impulsar un Plan Municipal para desenvolver un sistema integrado da xestión de residuos segundo as competencias municipais, mediante a implantación de sistemas de devolución e retorno (SDDR) e o porta a porta 4R (orgánica, vidro, papel e envases lixeiros non incluídos no SDDR).
  • Fomentar programas para a xestión dos residuos orgánicos para a súa utilización como compost e sistemas de xeración de enerxía de biogás.
  • Reducir considerablemente o impacto visual dos contedores.  
  • Mellorar  e  ampliar  a  recollida  do lixo e  en  especial  a selectiva,  incrementaremos  os puntos  de  recollida  con  colectores  para orgánicos, papel, pilas, vidro, latas, “bricks”, plástico, aceites e inertes. 
  • Construír sistemas de depuración natural de augas residuais.
  • Artellar mecanismos de coordinación co comercio local para implantar sistemas de recollida.


5) EDUCACIÓN, CULTURA, LINGUA E DEPORTES

A cultura galega é o eixo da diversidade cultural, sendo un elemento de cohesión do pobo e de transformación social. Dado que as culturas vanse formando e actualizando día a día, reivindicamos a diversidade cultural e garantimos a liberdade de toda expresión cultural que non atente contra os dereitos das persoas.
Para o concello defendemos un modelo cultural que busque a transformación e o empoderamento da cidadanía, que permita desenvolver aos veciños e veciñas a súa creatividade persoal e participar na vida sociocultural. 
Por todo iso impulsamos a cultura dirixida á cidadanía, xerada no propio municipio a partir do traballo veciñal, contando co impulso e complicidade do Concello.

  • Estudar a posibilidade de complementar as axudas ó ensino universitario para que ningún mozo/a de Fene quede sen ter as oportunidades que ofrece o ensino universitario por mor dos efectos da crise económica.
  • Fomentar os proxectos que teñan como obxectivo fortalecer a comunidade lingüística e a cultura galega, priorizando e promovendo os proxectos culturais en galego.
  • Recuperar, manter, transformar e dar a coñecer o noso patrimonio cultural e histórico.
  • Ofrecer á veciñanza espazos para poder desenvolver as súas inquedanzas artísticas e permitir a utilización dos espazos públicos.
  • Facilitar horarios alternativos de estudo na biblioteca municipal, especialmente en datas próximas aos exames.
  • O galego é a lingua propia de Galiza, o símbolo principal da identidade como pobo. Ademais de ser unha ferramenta para a cohesión é un elemento fundamental da nosa cultura.
  • No noso concello o galego atópase minorizado entre os nenos e nenas e na mocidade. Pretendemos que o galego sexa a lingua normalizada de toda a cidadanía, a lingua habitual para todas as cuestións cotiás, o Concello dedicará todos os recursos posibles para dar pasos firmes e eficientes para a súa normalización.
  • Impulsar accións de sensibilización dirixidas á xente castelán falante para fomentar a empatía co idioma galego.
  • Análise completa da situación da práctica do exercicio físico e o deporte no concello: practicantes por sexo e idade, especialidades deportivas, clubes e asociacións, deportistas profesionais, instalacións e infraestruturas, persoal profesional, demandas específicas, etc.
  • Poremos en marcha programas concretos con asignación de partidas económicas nos orzamentos, para que toda a cidadanía poida ter acceso a práctica do exercicio físico e os deportes.
  • Crear o Consello Deportivo Municipal como un espazo común que reúna aos axentes de deportes do concello, representantes de clubes, asociacións deportivas e deportistas para debater propostas, deseñar estratexias e adoptar decisións participativas.
  • Recuperar as Olimpíadas Populares da Xuventude como forma de cohesión social interparroquial.


6) URBANISMO, VIVENDA E OBRAS
  • Na elaboración dos plans de ordenación urbana primarase a participación da cidadanía dende o principio coa fin de establecer criterios, e manterase durante todo o proceso. A participación será ao nivel máximo que permitan as leis, e as decisións adoptadas serán vinculantes en todas as fases do proxecto. 
  • No vindeiro PXOM apostaremos pola ronda oeste e a transformación da porta do Sol nunha rúa urbana integrada. Manteremos o parque lineal do río Cádavo como espazo verde público. Potenciaremos as centralidades nas parroquias e a posibilidade de crecemento urbano de calidade fronte a cantidade. Regularizarase o Polígono de Vilar do Colo incluíndo industrias e dotacións que se atopan na contorna, así como certas parcelas anexas. 
  • Recuperar a rede de camiños públicos como patrimonio ancestral do concello e impulsar a súa utilización como vías de comunicación, de paseo de lecer e de práctica de exercicio físico.  
  • Recuperar e destacar edificios e construcións de valor histórico e identitario para o concello.  
  • Abrir o cauce do río Cádavo entre as vivendas sindicais e as vivendas de ASTANO dando unha solución definitiva aos problemas das inundacións. 
  • Impulsar a restauración da  Casa de Cela destinándoa a diversos usos municipais.  
  • Os diferentes Plans de obras partirán da participación veciñal e de máximo consenso político priorizando a extensión de servizos básicos a renovación dos existentes e a xestión con outras administracions.
  • Implantar sistemas de xestión e control da calidade na execución das obras do concello. 
  • Coñecer a demanda de vivenda e promover a creación de vivenda social axustada á demanda.


7) REDISTRIBUÍNDO RECURSOS, TAXAS, IMPOSTOS, AXUDAS E BECAS.

  • Crear exencións ás rendas máis baixas e fraccionar o pagamento de taxas e impostos.
  • Apoiar o emprendemento con bonificacións nos impostos e taxas municipais.
  • Potenciar os vehículos eléctricos, híbridos e de baixas emisións mediante bonificacións no Imposto de vehículos de tracción mecánica.
  • Ampliar as becas ao transporte escolar.
  • Reformar o IBI procurando a contención do imposto e bonificación aos inmobles de interese público e estudando a revisión á baixa.



8) XESTIÓN CON OUTRAS ADMINISTRACIÓNS

  • Rematar as transferencias pendentes en sanidade e educación como son o mantemento dos centros de saúde e a limpeza e conserxería do CPI a Xunqueira.
  • Municipalizar as rúas da Fraga e a Pablo Ares Feal e a do Peirao de Perlío. Transferir o vial central do Vilar do Colo á Xunta de Galiza.
  • Xestionar beirarrúas nas estradas provinciais.
  • Executar o convenio con ADIF para mellorar os pasos á vía en Perlío.
  • Xestionar a inclusión nos Plans provinciais de estradas a mellora da seguridade viaria e as beirarrúas na estradas provinciais.
  • Xestionar coa SEPES o remate da segunda fase do polígono de Vilar do Colo.