venres, 20 de marzo de 2015

Os candidatos do BNG de Fene e Cabanas visitan o Punto limpo de Carballo


Iago Varela, Juventino Trigo, Evencio Ferrero e Luís Lamas
Os alcaldables nacionalistas de Fene, Juventino Trigo, e de Cabanas, Iago Varela, coñeceron esta tarde o funcionamento do punto limpo do Concello de Carballo, que consideran un modelo a seguir para a posta en marcha do de Vilar do Colo. Foron recibidos polo alcalde da localidade, o tamén nacionalista Evencio Ferrero e o concelleiro Luís Lamas.








Os candidatos de Fene e Cabanas coñeceron de primeira man como foi a posta en marcha do punto limpo e o seu funcionamento ordinario. Para Juventino Trigo "o Concello o de Carballo é un modelo na xestión de residuos. Nada que ver coa inoperancia do alcalde de Fene, que ten paralizado o punto limpo por non querer xestionalo como é debido". 





Anualmente, Carballo distribúe 50 composteiros para ir reducindo a factura medioambiental e económica. Pola contra, o PP de Fene eliminou o programa de compostaxe posto en marcha polo BNG. 












luns, 16 de marzo de 2015

O BNG de Fene traballa nunha candidatura activa e preparada para gobernar

Juventino Trigo encabeza de novo a lista electoral do BNG de Fene para as vindeiras eleccións municipais. Xunto a el, e como resultado das asembleas abertas celebradas ao longo das últimas semanas, aparecen persoas moi relacionadas co tecido asociativo do municipio, así como persoas simpatizantes que accederon a participar deste proxecto, elaborado coa firme decisión de gobernar Fene o próximos catro anos.

Sandra Permuy, de San Valentín, ocupa o segundo posto da candidatura. Justo Martínez-Ardá, actual concelleiro, séguea no terceiro. Mariela Aguilar, simpatizante do BNG e presidenta da Asociación Ecoloxista AETNA, vai no cuarto posto, e compaxinará este labor co seu traballo na sociedade e na Comisión de Festas de Maniños. Do mesmo xeito, Alberto Maceiras, de Perlío, pecha este primeiro tramo, no que se combinan de xeito notable a profesionalidade, a aposta pola cultura, polos servizos sociais e pola a atención á veciñanza.

Para o alcaldable, Juventino Trigo, esta candidatura “é o resultado dun proceso aberto cos veciños e veciñas de Fene e, en consecuencia, tanto no primeiro tramo coma no resto da lista temos xente  preparada e moi activa en temas sociais e culturais”.



mércores, 25 de febreiro de 2015

Fene, presente no debate de política xeral do Estado

Intervención de Olaia F. Davila no debate de política xeral do Estado, onde Fene, como tantas outras veces, estivo presente (a partir do minuto 5:28 para os que teñan presa)

Se o bloque está, Galiza e Fene tamén están!










venres, 13 de febreiro de 2015

ILP polo dereito a contemplar a obra plástica de Castelao

Onte na Sociedade O Pote de Maniños tivo lugar unha interesante charla sobre a Iniciativa Lexislativa Popular polo dereito a contemplar a obra plástica de Castelao organizada pola Sociedade Medulio con comentarios dos pintores Ladislau da Regueira e Antonio Rivas e a contextualización histórica de Francisco Rodríguez. 


Desde o BNG de Fene apoiamos totalmente esta iniciativa así como poñemos a disposición de quen nolo solicite a folla para asinar para que esta proposta sexa debatida no Parlamento.

















mércores, 21 de xaneiro de 2015

O BNG de Fene denuncia o abandono dos pasos de peóns sobre a vía do tren

O Concello de Fene ten abandonado o mantemento dos pasos de peón sobre a vía do tren. En Fene concello existen varios pasos peonís, como o de Barallobre e Perlío, ambos nun estado de abandono que poden provocar accidentes.

No ano 2010 o Concello asinou un convenio co Ministerio de Fomento que 5 anos despois segue sen estar materializado.

A desidia na xestión e a falla de preocupación polo lamentábel estado da vía do tren e as infraestruturas que a rodean é total.

O portavoz do BNG Juventino Trigo, afirmou que “reiterou en numerosas ocasións a necesidade de proceder ao arranxo dos diferentes pasos sobre a vía para garantir a seguridade dos peóns e este goberno foi incapaz de dar unha solución definitiva nin foi quen de esixirlle ao ADIF uns arranxos imprescindibles”.



Paso sobre a vía en Barallobre


domingo, 28 de decembro de 2014

Asemblea Aberta e despedida do ano no noso local

Este luns 29 de decembro o BNG de Fene impulsaremos unha nova Asemblea Aberta no noso local de Fene (Avda. Naturais 41-43 traseira) tras as organizadas en Perlío, Limodre, Maniños, Barallobre, San Valentín, Sillobre, San Marcos e Magalofes seguimos a perfilar a candidatura e ideas para o programa das vindeiras eleccións municipais de maio de 2015.


Ao remate teremos os nosos tradicionais pinchos para despedir este ano e brindar polo novo. Ambos os dous actos son de carácter totalmente aberto a toda a cidadanía. Acude e participa!














luns, 1 de decembro de 2014

O PP racha o consenso para aprobar plans de obras no Concello de Fene

O BNG lamenta a ruptura unilateral, do Alcalde de Fene, do acordo que existiu en Fene nos últimos anos de consensuar as obras e servizos a implementar nos diferentes Plans de obras.

Para o portavoz nacionalista Juventino Trigo ”Galego entra en campaña chantaxeando á oposición cun plan de asfaltados que pretende dar a dedo, xogo no que o BNG non vai entrar” continúa Trigo afirmando “aprobaron en xullo o orzamento na xunta de goberno e agora pretenden que o BNG lles resolva as súas chapuzas, sen transparencia, participación cidadá e dos grupos da corporación, nada”.

Propostas alternativas, o BNG tiña expresado a necesidade de repoñer a tubaxe da auga da traída da Avenida das Pias, esta obra supera os 300.000€ e o Alcalde perdeu unha oportunidade. Hai que lembrar que logo de varias roturas menores o pasado mes de agosto máis de 5.000 persoas quedaron unha fin de semana sen auga por unha rotura importante.

No Pleno extraordinario celebrado o venres 28 de novembro, o Alcalde Gumersindo Galego trasladou 3 propostas, das cales dúas obtiveron a unanimidade de Pleno por estar acordadas, como foron:
  • O primeiro ponto o POS (plan de obras e servizos do ano 2015), Plan de obras financiado pola deputación provincial en máis de 200.000€. 
  • O terceiro tema foi unha proposta alternativa prensentada o luns pasado polo BNG e que agora recolle o goberno para modificar unhas partidas orzamentarias por 28.000€.
  • E o segundo tema da orde do día unha modificación de creto, que rexeitou a oposición, de 375.000 € para asfaltados. 
Este último plan de obras municipal foi unha chantaxe á oposición, “OU ISTO OU OS CARTOS PARA OS BANCOS" foron as palabras do alcalde.