Programa Electoral 2019-2023
















PROGRAMA ELECTORAL DO BNG DE FENE

2019 - 2023





Fene con proxecto de futuro
Sabemos da forza do pobo Fene. Coñecemos o noso concello e sabemos que ten potencialidades para funcionar mellor e para ter un proxecto de futuro forte, inclusivo e de calidade. Queremos contar con toda a veciñanza para facer un concello aberto e transparente onde os recursos públicos se invistan con criterios de equidade. Traballaremos para trazar contigo ese Fene de futuro no que dea gusto vivir, traballar, estudar e soñar. Un concello aberto ás iniciativas, á intelixencia, ao respecto, receptivo ao pobo que representa e que responda ás demandas sociais.

Propoñémosche rematar cos anos máis grises da política fenesa. Se apoias ao BNG tes garantía que apostas polo traballo, pola rebeldía, pola participación e por un Fene con proxecto de futuro. Garantimos esforzo, honradez e transparencia, como xa temos demostrado. Queremos un concello para vivir, sostíbel, onde as persoas teñan prioridade nos espazos urbanos e nas programacións municipais, cun deseño universal e onde a igualdade sexa o normal.

O Fene do futuro precisa de emprego e de dinamización da economía local, Fene é un concello de servizos que xera emprego e riqueza. Seguiremos a apoiar a todos as pequenas empresas e persoas autónomas que dinamizan o comercio, a hostalaría e os diferentes servizos. Seguiremos a apoiar o marisqueo, mellorando as instalacións e colaborando na promoción dos produtos do mar. Reclamaremos un Plan integral para os estaleiros da ría, motores da nosa economía durante moitos anos.

Temos proxectos de auga e saneamento, proxectos para a casa do parque Castelao, proxectos para un auditorio municipal, proxectos para a formación e o emprego, proxectos de apertura das rúas que deseña o PXOM, proxectos de parques como o do Río Cádavo de Fene a Perlío ou a área recreativa de San Valentín, proxectos para as persoas maiores como un Centro de Día, proxectos como a creación de pasos seguros na vía do ferrocarril.
É o momento de apostar por un Fene verde, integrador, máis xusto e con máis igualdade, que sexa a vila para soñar o futuro das vindeiras xeracións nunha Galiza que avance libre.


Fene con máis e mellores servizos públicos
Recuperaremos e reforzaremos os servizos públicos con reposición de postos de traballo a través de ofertas públicas de emprego e daremos estabilidade ao emprego actual. Darémoslle prioridade á xestión directa dos servizos fronte as privatizacións. Impulsaremos os servizos de auga e saneamento a todo Fene.

Fene democrático, participativo e transparente
Darémoslle de novo poder de participación e decisión á veciñanza nos temas importantes. Favoreceremos o debate público nas tomas de decisión que afecten a medio e logo prazo ao conxunto do concello. Potenciaremos a web da transparencia e a comunicación do goberno local coa veciñanza.

Fene con emprego e igualdade de oportunidades 
Crearemos Plans de emprego municipais en coordinación con outras administracións con obxectivos claros de inclusión social e de igualdade. Apoio aos nosos sectores produtivos, hostalaría, comercio, empresa, marisqueo, naval. Potenciación do Parque Empresarial de Vilar do Colo.

Fene sostíbel para vivir
Remataremos a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal para ter un Fene sostíbel, con espazos públicos e equipamentos para as persoas, un concello onde se recuperen e integren espazos naturais e urbanos, ríos, ribeiras, fragas e terreos agrícolas.

Fene acolledor da diversidade dende a nosa identidade
Potenciaremos, coma sempre fixemos, a nosa lingua e cultura, o ensino, as actividades e as programacións deportivas e culturais como espazos de convivencia. Compartir tempo e actividades para coñecer a nosa cultura e recoñecer a diversidade.




Propostas por áreas


1.-Servizos municipais públicos eficientes
Potenciaremos uns servizos municipais públicos e eficientes rematando coas externalizacións e privatizacións, recuperando para o servizo público o abastecemento e saneamento. Na perspectiva de compatibilizar a optimización dos recursos propios, humanos e materiais, con medidas adicionais que fomenten a contratación con criterios obxectivos e suxeitos á legalidade das PEMES que realizan traballos de servizos e subministros para o Concello.

Elaboraremos un plan cuadrienal para completar a rede de servizos básicos (auga, rede de saneamento, alumeado e asfaltado de camiños).

Modernizaremos o alumeado público a través dun plan cuadrienal que nos permita:

-Unha maior eficiencia e aforro enerxético
-O uso de enerxías limpas e renovábeis.
-Renovaremos o parque móbil municipal
-Melloraremos na recollida do lixo, potenciando a recollida selectiva.

Teremos unha previsión axeitada da limpeza e acondicionamento de zonas verdes e praias.
Adaptaremos á normativa comunitaria e faremos un mantemento e reposición de elementos de xogo nos parques infantís.

Faremos un plan de actuación de mellora dos edificios municipais.

Manteremos fontes e lavadoiros públicas en bo estado.

Ampliaremos o aparcadoiro do cemiterio municipal e abordaremos unha nova fase de construción de nichos e columbarios.

Participaremos no mantemento e mellora da rede de transporte metropolitano e xestionaremos a súa ampliación coa creación de novos itinerarios de buses urbanos.

Reforzaremos o servizo da policía local dotándoa dun mando e dun certo nivel de especialización por áreas.

Melloraremos os medios materiais e de formación de Protección Civil.


2.-Urbanismo

O Plan Xeral de Ordenación Municipal debe ser o guieiro básico da actuación do Concello. Fene redactou o seu primeiro Plan en 1975, aprobando revisións en 1985 e no 2003. Dende o ano 2008 está paralizada a terceira revisión do plan. O PXOM é un elemento de planificación que ten que elaborarse colectivamente e de xeito acordado para logo presidir todas as iniciativas municipais.

Ofrecemos xa que logo, unha revisión participativa, aberta a toda a sociedade, con explicacións exhaustivas nas parroquias e na Casa do Concello das ideas-forza da revisión do documento urbanístico. O Plan do 2003 continua en vigor, entre tanto non se aprobe a nova revisión, e quedan aínda pendentes as seguintes iniciativas que coidamos, deben tamén ser incluídas no documento do futuro, sempre co horizonte de transformar o municipio para xerar un medio urbano de calidade nun contorno natural coidado:

Os núcleos de Foxas en Fene, do Chao da Aldea en Maniños e outras centralidades parroquiais deben remodelarse como zonas de calidade e que actúen como elementos de atracción de poboación e configuración de sectores comerciais de futuro. Seguiremos insistindo na reclamación da Rolda Oeste, xa que pensamos que é un elemento imprescindible para "facer cidade", para liberarse do tráfico non desexado e afondar na promoción dunha maior calidade ambiental urbana. Na mesma dirección consideramos urxente a apertura de comunicacións entre a avenida do Tarrío e a avenida Marqués de Figueroa, da rúa do Concello á dos Muíños e a rúa paralela á vía do tren en Perlío. Eses viais contribuirán a criar malla urbana. Mellorarase así a accesibilidade, un recurso económico e social de primeira orde. Melloraranse as comunicacións e sen dúbida, a vida cotiá de toda a cidadanía.

Temos, ademais, que liberar á centralidade de Fene e Perlío dos riscos que supón a existencia da vía do tren atravesando o noso municipio. O tren é un beneficio incuestionable pero divide o noso núcleo urbano e dificulta a circulación das persoas. Demandaremos das administracións competentes a substitución de infraestruturas que permitan cruzar as vías sen perigo físico para as persoas e faciliten a estruturación do núcleo urbano do noso concello.

É necesario programar a medio e a longo prazo co fin de conseguir as propiedades onde actuar, os terreos onde acometer actuacións e executar oportunidades que moitas veces xorden con excesiva presa. O concello debe ser titular de terreos clasificados como viais, prazas, equipamentos, dotacións, zonas verdes e de lecer. Reforzaremos a xestión e merca de terreos e inmobles para facer efectivo o PXOM.

Realizaremos un Plan de ruínas para rematar coa situación de abandono de numerosas vivendas.

Poremos en marcha un plan de municipalización de camiños privados conforme o PXOM con cesións voluntarias.

Transformaremos camiños actuais en sendas seguras para peóns e ciclistas onde teñan prioridade sobre o automóbil.

Crearemos unha Unidade de Xestión Urbanística como Órgano consultivo da sociedade fenesa cara as posibles actuacións e iniciativas na planificación e ordenación do territorio municipal.


3.-Medio Ambiente

Dotarase a área de persoal técnico e policial, campañas de concienciación e recursos específicos.

Potenciarase a educación ambiental a través dos centros educativos cunha visión integral do territorio partindo da realidade dos diferentes ecosistemas, a ría, os ríos, os montes, e a súa relación co ser humano.

Potenciarse a recollida selectiva e promovendo a compostaxe caseira.

Avaliarse a eficiencia enerxética de todos os equipamentos, edificios, alumeados, parques, municipais.

Elaborarase unha ordenanza municipal de parques e xardíns, regulamentando o seu uso e incluíndo un protocolo de plantación.

Protexerase e posta en valor das ribeiras dos ríos, nomeadamente, o Belelle, o Ba, o Cádavo, o Magalofes e o Xarrón.

Vixía e seguimento das plantacións e talas forestais así como a reposición de camiños logo dos traballos forestais.

Faremos campañas específicas sobre especies invasoras (velutinas, eiruga asiática, herba da pampa..)

Axilizaremos a posta en marcha do punto limpo en Vilar do Colo. Unha ferramenta imprescindible para o bo funcionamento de calquera proposta en materia de reciclaxe.

As nosas mascotas merecen un tratamento axeitado. Crearemos un rexistro canino. Como propietarios deberemos entender a necesidade da creación de normas de comportamento que eviten que o pracer de compartir as nosas vidas cos animais poida ser unha incomodidade para os nosos veciños. Estudaremos a habilitación dun parque canino con medidas e equipamento específico para exercicio e aprendizaxe.

Crearemos o Catálogo Local de Arbores e masas arbóreas senlleiras.

Deseñaremos un miradoiro no antigo vertedoiro do monte Marraxón.

O Soterramento das liñas de alta tensión non é so unha cuestión con importancia medioambiental senón tamén unha cuestión de calidade de vida. Seguiremos facendo as xestións oportunas para que as administracións competentes asuman e realicen o soterramento das liñas de Alta Tensión.

Ademais das actuacións do propio Concello precisaremos a implicación dos veciños e veciñas, para elo a continuidade nas campañas de concienciación en temas medioambientais serán un sinal de identidade das nosas políticas na materia. O fomento do transporte público ten sido unha das bandeiras das nosas propostas para o concello nos últimos anos. A nosa reivindicación dun transporte público axeitado ás necesidades da poboación de Fene.



4.-Promoción Económica

A economía de Fene xira en torno a catro sectores básicos: industrial, construción naval, o marisqueo e sector servizos.
Continuaremos reivindicando a posta en produción de Astano. A comarca de Ferrol en xeral e Fene en particular levan 250 anos vivindo da construción naval. Resulta difícil imaxinar un futuro de costas á ría.

Ademais a superficie do estaleiro, os seus máis de 900.000 metros cadrados situados á beira do mar, son un recurso industrial de primeira magnitude que non pode continuar infrautilizado, senón que debe xerar riqueza para toda a comarca.
Completar a rexeneración da ría e xerar novas áreas produtivas para o marisqueo, é outra necesidade imperiosa. Logo da posta en marcha da EDAR norte e sur compre rexenerar paulatinamente a ría recuperando zonas de lodos e demandando a retirada de recheos colocando tubaxes ou piares para facilitar a recuperación natural (a ponte do tren e a ponte das Pías). So unha insistente e intensa presión cidadá logrará que se avance coa rexeneración.

Ademais o Parque Empresarial de Vilar do Colo está chamado a ocupar o papel para o que estaba pensado, un polo de desenvolvemento económico e industrial, diversificador da oferta empresarial do noso Concello.

Para iso presentaremos propostas para impulsar o seu desenvolvemento:

A administración debe ser eficiente, eficaz e áxil, coa mentalidade sempre de servizo á cidadanía, por iso axilizaremos a concesión de licencias de obras e actividades. O Concello debe ademais adquirir terreos para demandar da Xunta de Galiza a construción de vivendas sociais.

No sector servizos, apostaremos pola mellora do casco urbano de Fene e o apoio ao comercio e servizos locais, buscando un atractivo para a configuración de zonas comerciais puxantes. Planificaremos actividades conxuntamente co comercio local e tomaremos medidas como a apertura de novas rúas para desconxestionar e configurar malla urbana así como o establecemento de novas áreas de aparcamento.

As medidas de apoio  a emprendedores/proxectos empresariais feitos por mozos e mozas ou que xeren emprego xuvenil serán promovidas a través de asesoramento e apoio gratuíto, para a realización do proxecto, busca de financiamento, etc.

Elaboraremos un Plan de Dinamización Turística de Fene, en coordinación coa comarca, para definir os recursos turísticos de Fene e planificar as actividades de promoción, continuando o proxecto Fene Vivo iniciado no ano 2017. O Camiño de Santiago, O Museo do Humor, O Parque de educación viaria, As visitas a Astano, o entorno do Belelle e a Fervenza, o do río Ba, a arquitectura indiana e tradicional son elementos que son necesarios ofrecer dun xeito planificado así como as numerosas actividades que organizan as sociedades e o propio concello e que son referentes no seu ámbito.

As praias de Limodre son tamén un factor de atracción de importancia, polo que é necesario acometer en serio a mellora dos seus accesos e habilitar áreas de estacionamento. Outra actuación de importancia é a zona portuaria de Barallobre - Maniños onde desenvolveremos proxectos para configurar unha zona de lecer e de deporte ligado ao mar A creación dun estacionamento de autocaravanas será outra medida que atraia visitantes a Fene.

O noso patrimonio seguirá a xogar un importante papel e velar polo súa conservación e mantemento. Outro activo importante é toda a programación de eventos e actividades das sociedades e do propio Concello ao longo do ano.

Pero ningunha destas medidas poderá separarse do camiño cotiá do noso Concello. O traballo do día a día tamén axuda ao desenvolvemento económico de Fene. O coidado das infraestruturas, o mantemento a atención aos distintos servizos públicos con planificación de actuacións nas distintas áreas farán de Fene un Concello coidado e acolledor.



5.-Formación Ocupacional e Emprego

Preténdese recuperar o papel pioneiro que xogou o Concello de Fene no terreo da Formación Ocupacional, estudando as fórmulas de relanzamento da Area de Formación e Emprego “Pancho Allegue.”

Algunhas das liñas de actuación serán as seguintes:

Estudar a realización de accións formativas para desempregados/as con financiamento municipal, aproveitando os recursos e instalacións das que dispón o Concello, naquelas especialidades que poidan atopar saída  laboral e que sirvan a súa vez para paliar as carencias da formación regrada e o abandono desta por unha parte da xuventude.
Solicitar á Xunta de Galicia unha nova Escola Obradoiro ou Obradoiro de emprego como fórmula para ofrecer formación ás persoas en desemprego, na procura dunha saída laboral.
Dar continuidade aos convenios de colaboración ao obxecto de contratar persoal desempregado para a realización de obras de interese social.

Proseguir as actividades de promoción e fomento dos emprendedores , entre as que se inclúen a asesoría e acompañamento de proxectos, accións formativas e informativas de promotores, elaboración de plans empresariais, seguimento e titorización dos proxectos empresariais en xestación e formación e divulgación de fórmulas cooperativas e de economía social.

Crear un Plan de emprego municipal coordinado cos diferentes plans provinciais e autonómicos. Potenciar as bolsas de substitucións do persoal municipal.



6.-Sanidade, Benestar social, Cooperación e Solidariedade.

Poder ofrecer óptimos niveis de calidade de vida aos veciños e veciñas de Fene ten sido, historicamente, o motor das nosas propostas en materia de Benestar social.

Creemos que o benestar vai moito máis aló dos servizos básicos por iso buscamos poñer en marcha propostas públicas de calidade que faciliten que Fene sexa referente en canto a calidade de vida. Políticas dirixidas a diversos aspectos da vida social, colectiva e individual, dos veciños e veciñas de Fene.

Para eles e elas faremos propostas en sanidade, benestar social e noutros aspectos fundamentais como a cooperación e solidariedade dos feneses e fenesas cos menos favorecidos alén as nosas fronteiras municipais e dentro delas.



6.1.-Sanidade

Dende o BNG entendemos que a saúde ten máis que ver co que entende a OMS, como o benestar físico, psíquico e social das persoas, que o que ten que ver coa a ausencia de enfermidade. Por iso, na nosa estratexia política estes aspectos teñen unha importancia fundamental para acadar un desenvolvemento óptimo do que ao noso entender é calidade de vida.

Así as cousas a saúde, entendida tanto no seu aspecto colectivo como individual, é unha das prioridades das nosas propostas programáticas e por iso non queremos renunciar a ningún dos proxectos pensados para unha mellor calidade asistencial á nosa veciñanza.
As nosas propostas céntranse en desenvolver e mellorar a asistencia coa que contamos e ir máis alá do paliativo, chegar aos veciños e veciñas propostas de carácter preventivo que permitan unha mellor calidade de vida.

Esixiremos diante da Xunta de Galiza o mantemento do número de profesionais en Fene ampliando os servizos asistenciais e mellorando o Centro de Saúde de Tarrío.
Esixiremos da Xunta de Galiza a continuidade de funcionamento do Centro de Saúde de Maniños.

Seguiremos a traballar na oferta de programas de educación para a saúde así como campañas de fomento de hábitos de vida saudábeis.
Achegaremos á xente información e a formación sobre temas de saúde terá novamente cabida nas Xornadas e Saúde.

Programas preventivos de adicións, con ofertas específicas dirixidas á mocidade.

Seguiremos traballando cos centros de ensino para promocionar hábitos saudábeis e unha cultura da prevención dende a infancia. Estenderemos un programa informativo, educativo e de asesoramento na materia das relacións afectivo-sexuais dirixida aos diferentes grupos de idade.



6.2.-Benestar

Impulsaremos e potenciaremos os Servizos Sociais existentes ata convertelos nunha canle normalizadora na que os distintos aspectos do procesos de integración teñan confluencia, inserción económica e social, cultural e comunitaria dos veciños e veciñas de Fene que están en risco de exclusión ou que, polas súas características poden situalos en situación de fraxilidade social.

Promoveremos actividades de ocio saudable que faciliten as relacións interxeracionais.

Crearemos servizos imprescindíbeis para a sociedade de Fene como un Centro de día para a Terceira Idade.

Seguiremos impulsando a eliminación de barreiras arquitectónicas para facer de Fene un pobo accesible.

Promoveremos programas conxuntos e transversais de promoción e dinamización social, prevención primaria e secundaria, sensibilización social, conciliación, normalización lingüística, difusión, coñecemento e tolerancia intercultural. Programas que faciliten o coñecemento interpersoal e o desenvolvemento individual a través da relación e a convivencia entre as persoas.

Demandaremos á Xunta a transformación do actual Centro da Terceira Idade nun centro sociocomunitario con cabida para intervencións e actuacións multisectoriais e interxeracionais. Converterase nun centro de iniciativas no que se promoverán servizos especialmente dirixidos a este grupo poboacional, información sobre servizos e recursos sociais, información sobre avellentamento saudábel, ou a posibilidade de converter o centro nunha “escola de convivencia” e fonte de coñecementos na que os nosos maiores poidan transmitir as súas experiencias, habelencias e saber ás novas xeracións.
Seguiremos traballando para axudar ás persoas en situación de dependencia, mellorando e ampliando os servizos existentes.

Seguir a introducir propostas que faciliten a conciliación da vida laboral e familiar, como a posibilidade de implantación de servizos de atención á infancia, o servizo de canguros ou o acompañamento á actividades.

Os programas específicos dirixidos á mocidade seguirán a ter un papel principal nas nosas propostas, programa de prevención das adicións, información afectivo-sexual, etc.

O apoio municipal ao acceso á vivenda plasmarase na procura de terreos para a construción de vivendas sociais. Unha parte desta oferta irá dirixida a menores de 30 anos.

A axuda para a rehabilitación e adaptación de vivendas ás necesidades de mobilidade dos seus habitantes será outro dos eixos nas nosas propostas en canto a accesibilidade.



6.3.-Cooperación e Solidariedade

Fene ten demostrado ser un pobo solidario. Os seus veciños e veciñas téñense amosado sempre dispostos a responder aos requirimentos de cooperación e solidariedade que se lle teñen proposto.

Baixo esta óptica a participación no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade será un activo nas nosas políticas de cooperación, incrementaremos a achega económica do Concello. Ademais seguiranse apoiando iniciativas serias e rigorosas dirixidas aos menos favorecidos.

Outro dos eixos sobre os que se ten apoiado a actividade municipal ten sido o apoio ás iniciativas de voluntariado, cos voluntarios e voluntarias de Fene téñense realizado moitos programas de cooperación e solidariedade. A nosa proposta é seguir traballando con eles e elas e prestixiar o seu esforzo na nosa sociedade.

Crearemos unha Oficina do Voluntariado a través da que poder focalizar tódalas iniciativas de voluntariado así como os proxectos solidarios que poidan xurdir das propias persoas que participen neste programa. Para o desenvolvemento destes programas creemos importante investir na formación básica dos voluntarios e voluntarias apoiando a súa capacitación para poder afrontar unha atención de calidade.



7.-Igualdade, Mocidade, Participación Cidadá e sustentabilidade

Os tres temas que agrupamos neste apartado teñen, ao noso xuízo, necesidade dun tratamento transversal xa que precisan incidir en tódalas áreas municipais para acadar un desenvolvemento efectivo. Este é o caso das temáticas en materia de igualdade, mocidade e participación cidadá.

Ningunha delas faría a súa función nin un desenvolvemento efectivo das súas propostas se fixésemos delas un tratamento illado e sen integración nas distintas áreas da organización municipal.



7.1.-Participación cidadá

Dende a nosa perspectiva o Concello é a casa de todos e cada un dos veciños e veciñas de Fene por iso as portas de todas as áreas municipais teñen que ser exemplos de transparencia e espazos de participación colectiva ou individual. A accesibilidade aos concelleiros e concelleiras do BNG e ao seu alcalde será unha constante na nosa forma de traballar durante o noso mandato.

Ademais seguiremos traballando conxuntamente e consultando co movemento asociativo do Concello así como a través dos distintos órganos de participación cidadá establecidos nas distintas áreas.

O principal instrumento da acción municipal, o orzamento anual, converteranse en auténticos instrumentos de participación, orzamentos verdadeiramente participados e abertos á intervención da cidadanía.

Os proxectos municipais serán de todos e todas, de público coñecemento máis aló das páxinas dos boletíns oficiais ou as actas municipais. Crearemos un Aula de difusión de grandes e pequenos proxectos nos que presentar á cidadanía os plans en execución ou en carteira.



7.2.-Igualdade

Garantir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres será un dos eixos que marcarán as políticas a desenvolver polos concelleiros e concelleiras do BNG. 

A necesaria integración de visión de xénero en todas e cada unha das actuacións municipais será unha das máis valiosas ferramentas coas que lograremos unha axeitada atención aos temas de xénero.

Daremos continuidade aos Plans Municipais de Igualdade elaborados no pasado. Avaliar o seu funcionamento e, á luz das conclusións da avaliación, planificar futuras actuacións.
Abriremos novos canles de participación a través do Consello Sectorial da Mulleres de Fene.

Seguiremos a fornecer e impulsar o sistema creado de servizos de atención á Muller. Como non podería ser doutro xeito darémoslle continuidade ás políticas de prevención da violencia de xénero.

Buscaremos a implicación dos centros de ensino para continuar a programación de actividades de sensibilización sobre a coeducación e a educación non sexista.
Estableceremos nos programas específicos para a mocidade módulos nos que se traten os aspectos de xénero.



7.3.-Mocidade

Para os homes e mulleres que traballamos no BNG de Fene a atención á mocidade é un dos aspectos que nos parecen máis importante no desenvolvemento dun pobo, por iso entendemos que ten que ser tratado como un elemento transversal a tódalas áreas do goberno local.

Por iso quixemos facer propostas específicas nas distintas áreas.

En moitas ocasións o asociacionismo xuvenil so ten como eiva a dificultade de atopar lugares de encontro, por iso para nos será un compromiso habilitar un espazo dirixido especialmente á mocidade e ao asociacionismo xuvenil no centro sociocultural que promoveremos.

Facilitarase o acceso ás instalacións deportivas e socioculturais municipais para a mocidade.

Darémoslle un novo pulo á oficina de información xuvenil, en canto a fomentar a información sobre oferta educativa, profesional, ou sobre axuda a xoves emprendedores/as ou que xeren emprego xuvenil.
Impulsaremos un programa específico de lecer para as tardes e as noites do fin de semana.

Estableceremos unha nova vía de colaboración do concello cos centros educativos para o desenvolvemento de actividades culturais e formativas de interese artístico, lingüístico, etnográfico, económico ou ambiental.

Parque de Educación Vial servirá como canle impulsor de medidas e campañas que fomenten a condución segura.

Crearemos un Hub dirixido á mocidade onde se integre a web municipal, as redes sociais do Concello e a radio municipal que servirán de plataforma de difusión de fácil acceso e onde a mocidade poida participar, crear e atopar información de interese.



7.4.-Sustentabilidade

Toda a acción do goberno terán que conter estes principios. A xestión municipal deberá optimizar todos os gastos e todos os consumos. A idea do sustentábel vai máis alá dun obxectivo ambiental, que tamén, ten que ter un alcance no económico, no urbanístico, no emprego público, na atención á cidadanía, e en calquera outro ámbito de actuación da política municipal.
A calidade debe ir parella á suntentabilidade, todos os procedementos estarán guiados pola eficacia a eficiencia e a satisfacción.



8.-Cultura, Ensino, Deportes, Normalización Lingüística e Tecnoloxías da comunicación

Máis alá da cobertura das necesidades básicas as persoas precisamos elementos que contribúan ao que demos en chamar benestar social. O acceso a unha formación educativa completa e de calidade, o acceso e a promoción da nosa cultura ou a posibilidade de acceso á práctica deportiva son elementos que contribúen ao desenvolvemento dos pobos e, ademais o son na medida na que podemos ser partícipes delas.



8.1.-Cultura

A nosa realidade cultural é un dos nosos sinais de identidade como pobo. Un dos elementos que máis dificultaba un salto cualitativo nas expectativas culturais nestes momentos en Fene é a falta de infraestruturas con equipamentos culturais axeitados que permita por en valor as diferentes manifestacións e producións culturais e o noso potencial creativo. Trátase ademais dunha das demandas máis persistentes do movemento asociativo cultural nos últimos anos.
Así pois a principal liña de actuación neste área será construír e poñer en funcionamento o centro sociocultural polivalente que permita que Fene poida desenvolver unha programación cultural ampla e diversificada, creadora de hábitos e consumos culturais e que poida responder aos intereses máis variados. Esta infraestrutura precisara dun importante esforzo de xestión diante doutras administracións que non dubidaremos en afrontar.
A Casa da Cultura e o Museo do Humor manterán unha programación propia en tanto non se realice o centro sociocultural.
Nun paso máis na cooperación co movemento asociativo parroquial e cultura, que sempre formou parte da nosa actuación no goberno, promoveremos un convenio de colaboración con estas entidades para poder programar actividades nas súas instalacións.
En Fene existe unha programación estable que merece unha reformulación. A sociedade de Fene pode e debe xogar un importante papel á hora de transformar os programas clásicos no noso Concello. Presentaremos propostas para acordar a recuperación do Entroido tradicional intentando retomar o carácter de festa popular e participativa en troques do espectáculo visual no que se ten convertido nos últimos anos.
Escolas Culturais, Ciclo de Nadal, etc., programas clásicos que teñen que entrar no debate e reformulación xeral para os programas estables para adaptarse ás necesidades que os cambios sociais teñen xerado en Fene.
Propostas multidepartamentais, que impliquen a tódolos departamentos que traballan en temas sociais, con criterios que primen a conciliación, a diversidade e a utilización da nosa lingua como elemento vertebrador teñen que xogar un papel preponderante nas nosas propostas de contarmos co voso apoio o vindeiro 26 de maio.



8.2.-Ensino

As evidentes ameazas que o ensino público de Fene ven sufrindo nos últimos anos fainos ser belixerantes na defensa non so da necesidade da mellora do ensino público senón, e sobre todo, da defensa da propia existencia dos centros de ensino públicos. Esixiremos da Xunta de Galiza a mellora do equipamento e a dotación de medios humanos e materiais de todos os centros de Fene.
Como non podía ser doutro xeito, adoptando unha política de defensa activa, seguiremos colaborando no deseño, planificación e apoio aos servizos complementarios, como os comedores escolares, as actividades extraescolares, así como o axeitado mantemento dos centros.

8.3.-Deportes

A práctica de actividades físico-deportivas é un elemento de benestar social e unha das bases do desenvolvemento persoal e de fomento de hábitos saudábeis.
A política de facilitar o deporte para todos e todas que ten caracterizado as propostas do BNG para Fene seguirá a ser o núcleo do noso programa para deportes. Políticas tendentes á facilitar o acceso de toda a poboación, non so aos deportes maioritarios senón tamén a prácticas deportivas anovadoras para a poboación de Fene, de xeito que todos e todas teñan posibilidade de coñecelos e practicalos.
Ademais intentaremos dar resposta a novas prácticas e actividades deportivas que demandarán de nos propostas para os vindeiros catro anos.


Actividades:
Diversificar as escolas deportivas municipais e o deporte en idade escolar.
Planificar os eventos propios e colaborar coas sociedades deportivas na organización de actividades colectivas como rutas ciclistas, sendeiristas, torneos e outras.

Programación de liguiñas e torneos recreativos de Fútbol 7, fútbol sala, ou balonmán, baloncesto para as persoas adultas.

Promoción dos deportes tradicionais galegos, impulsando a súa recuperación, a organización de competicións a nivel local ou comarcal e a colaboración con agrupacións de deporte de base que están a traballar nese sentido, coma é o caso da chave ou a billarda.

Manter o deporte na rúa como unha festa do deporte anual.

Colaborar cos centros de ensino para a promoción deportiva en horario escolar.

Promoción do transporte saudábel coa potenciación do uso da bicicleta.

Dinamización dos parques biosaudábeis, pistas polideportivas e pavillóns para actividades saudábeis e programas de deporte para todas as persoas.

Promoción da igualdade de xénero no deporte, impulsando actividades concretas con asociacións e colectivos xuvenís específicos.

Recuperaremos o campamento de verán como unha actividade de ocio activo que serva para que os nenos e nenas de 9 a 16 anos coñezan Galiza nunha actividade de convivencia.

Recoñecer ao colectivo de deportistas, clubs, persoal técnico e directivo anualmente.


Instalacións:
Remodelación e mellora das instalacións existentes estudando a súa adaptación para deportes que actualmente non contan con infraestruturas municipais, coma o pádel, skate, escalada,btt, ou outros.

Ampliación dos vestiarios da piscina municipal.

Creación de circuítos saudábeis sobre rúas e camiños onde se poda camiñar, correr ou ir sobre rodas con seguridade e preferencia sobre os automóbiles.

Crear un módulo cuberto para o atletismo nas pistas de Barallobre que serviría tamén como aula de prácticas para educación física do alumando do IES.

Crear de novas instalacións para deportes náuticos en Barallobre.



8.4.-Normalización Lingüística

No BNG temos asumido que as Administracións locais teñen a responsabilidade de promoción do uso normal do galego.

A normalización do uso da nosa lingua na administración municipal ten sido un dos obxectivos do noso traballo á fronte do concello pero aínda queda moito por facer para que o galego ocupe o lugar que, por dereito propio lle corresponde.
Seguiremos a impulsar unha administración que de exemplo en canto a un uso normalizado da nosa lingua.

Promoveremos programas de extensión do uso oral do galego entre o persoal da Administración pública e das empresas concesionarias  a través dun plano de formación lingüística ao servizos dos traballadoras e traballadores.

Seguiremos a ofertar actividades de dinamización lingüística entre a infancia e a mocidade como o “Verán máis alá” que fortalezan a creación de novos ámbitos de uso da lingua.
Programaremos actividades de dinamización lingüística co movemento asociativo.

Apoiaremos e promoveremos as propostas que xurdan dende distintos sectores ou entidades cara ao fomento social da lingua.



8.5.-Tecnoloxías da Información e a Comunicación

Intensificar as iniciativas de formación-dinamización dixital con cursos e obradoiros dirixidos á poboación en xeral e colectivos con demandas específicas.
Divulgar e promover, mediante a formación e distribución de ferramentas informáticas e o uso de software libre.

Dar a coñecer e promover o uso, coa organización de obradoiros e xornadas, as ferramentas informáticas en galego e os recursos na nosa lingua que hai na Internet.

Formar á poboación en xeral nos novos usos da internet, administración electrónica, compras on-line, as redes sociais e a importancia da pegada dixital e a seguridade na rede.
Desenvolver o web http://www.fene.gal para facilitar xestións on-line e implantar totalmente a administración electrónica.

A Radio Fene debe continuar o seu papel pioneiro dentro do movemento das emisoras municipais galegas, impulsar a programación conxunta das radios públicas locais de toda Galiza.

Así mesmo debe reforzar o seu papel de canle de comunicación e información para toda a veciñanza, o conxunto do movemento asociativo e á propia corporación municipal. 

Consideramos tamén de importancia o seu apoio ao tecido deportivo de Fene, e nese sentido débese recuperar a programación específica que se mantiña nese terreo. A radio debe xogar un papel fundamental na educación dos nosos nenos e nenas promovendo a radio na escola como parte da súa educación.



9.-Facenda

O rigor no cumprimento da actual normativa en materia orzamentaria será un primeiro obxectivo que nos permitirá investir os remanentes en aplicar moitas medidas das que recollemos neste programa.

Revisaremos as ordenanzas fiscais actualizando e mellorando os seus contidos e obxectivos sempre desde un punto de vista progresivo e con exencións para as rendas máis baixas.

Realizaremos orzamentos anuais explicados e compartidos coa veciñanza, estes orzamentos incluirán plans plurianuais de actuación.

Subiremos progresivamente as subvencións de concorrencia competitiva ás sociedades. As subvencións nominativas serán so para actos de interese xeral de carácter puntual.



10.-A Mancomunidade de Municipios de Ferrolterra e a colaboración entre concellos

Fene ten que liderar as iniciativas da marxe sur da ría, a  nivel supramunicipal existen moitas posibilidades de actuación conxunta que facilitarán acadar servizos dificilmente alcanzables en solitario. O punto limpo (Fene, Cabanas, Ares, Mugardos e Neda) o servizo de auga potable ou a EDAR, o parque empresarial de Vilar do Colo (Fene, Cabanas) son exemplos do que se pode facer en conxunto e coa colaboración municipal.

A Mancomunidade ten que cumprir un importante papel nun futuro a curto, medio e longo prazo. A asunción progresiva de servizos por parte do ente mancomunado e o apoio desa liña de actuación desde a Xunta de Galiza, permitirán aforros económicos. O turismo, a recadación de tributos ou o servizo de recollida selectiva do lixo poden ser das primeiras iniciativas a mancomunar.



11.-Medidas parroquiais

No programa do BNG queremos comprometer obras concretas en cada unha das parroquias do Concello. Compromisos reais de obras reais a realizar ou xestionar diante doutras administracións durante os vindeiros catro anos.



Limodre
· Mellora de accesos ás praias.
· Reordenación e mellora do cruce Limodre- Redes.
· Beirarrúas, auga e saneamento ate o límite con Cabanas
· Beirarrúas ata a Armada
· Mellora do vial a Vilar do Colo con luz e senda peonil.
· Balizado das praias para protexer ás persoas bañistas das embarcacións.

Maniños
· Re-urbanización do Chao da Aldea e do entorno do parque do Río da Pena.
· Novo vial dende A Fraga ata o camiño do Pereiro.
· Remate das beirarrúas na estrada da Armada.
· Conexión do paseo marítimo dende o peirao de Maniños ata Mugardos.
· Nova ponte sobre a vía na Vrea
· Conexión de Prismos e Cornide
· Dotar de uso ao muíño do río Baa
· Mellorar a contorna da praia

Barallobre
· Zona lúdico- deportiva no peirao de Barallobre.
· Reordenación do entronque da estrada provincial Barallobre – San Marcos coa N-651.
· Senda Peonil do Pazo a o cemiterio municipal
· Modulo de atletismo nas pistas de atletismo.

Magalofes
· Axilización do abastecemento de auga a Magalofes.
· Sendas peonís en Rego da Moa e nacemento do Río Magalofes ata o Castro e que baixe polos muíños ata Santa Ana
· Beirarrúas dende o local social á igrexa e senda no conxunto da estrada provincial
· Evitar a desaparición dos baldíos sinalizándoos e plantándoos con especies autóctonas
· Conseguir a cesión da propiedade dos terreos onde está situado o Castro.

Sillobre
· Habilitación de sendas peonís nos camiños existentes e nas beiras dos ríos Xarrón e Belelle.
· Axilización do Saneamento e a traída da auga ao conxunto da parroquia.
· Acondicionamento do vertedoiro de Marraxón como miradoiro
· Dotar ao núcleo da parroquia dun aparcadoiro
· Colaborar coa Comunidade de Montes de Marraxón na posta en valor do monte impulsando proxectos de plantación de árbores, educativos e ambientais
· Novos usos aos terreos abandonados da canteira.
· Mellora e recuperación dos camiños municipais en mal estado

Perlío – Fene – San Valentín
· Construción do centro de día para a terceira idade.
· Adquisición de terreos para o Auditorio e realizar o proxecto.
· Rematar a casa do Parque Castelao e darlle un uso social.
· Xeración de novas áreas de estacionamento.
· Construción dun pumptrack para bicicletas e un parque de patinaxe.
· Construción dos pasos seguros na liña do ferrocarril.
· Dotar dunha gran zona de lecer en San Valentín que inclúa espazo para mascotas.
· Crear un parque infantil axeitado á demanda social, educativo, integrador, seguro e para dirixido a unha ampla franxa de idade
· Unir o parque do río Cádavo en Fene con Perlío
· Novo rúa de unión da avenida do Tarrío con Marqués de Figueroa.
· Re-urbanización do entorno da Casa da Cultura e Fonte do Campo.
· Rúa paralela ao Río Cádavo conectando a rúa do Concello e a rúa dos Muíños.
· Ampliación do camiño da Casanova e remodelación do cruce coa Avenida Naturais de Fene.
· Rematar a re-urbanización de San Valentín.
· Retomar as xestións para o soterramento das liñas de alta tensión.
· Mellora da Seguridade Vial.
· Aparcadoiro de autocaravanas.
· Adecuación como rueiros seguros na rúa Travesa, camiño de Mundín, rúa Maroño, camiño do Sartego e Fonte do Campo.
· Solicitar ás administracións titulares a urbanización e posterior entrega ao
concello de Marques de Figueroa, Rúa da Fraga e a Porta do sol.










Ningún comentario:

Publicar un comentario