sábado, 22 de xuño de 2013

O PP DE FENE EMPANTANA O PLAN DE EMPREGO E A BAIXADA DE IMPOSTOS PARA OS ORZAMENTOS 2013

Pasaron 6 meses desde que o BNG entregase aos grupos municipais a proposta de crear un Plan de reactivación económica e do emprego.  Os nacionalistas obrigamos ao PP a crear unha Comisión especial para elaborar o Plan. Ademais o orzamento do  ano 2013  debería estar condicionado por estas medidas, tanto no aspecto de creación de emprego, cos proxectos a desenvolver, como na mellora da política fiscal potenciando as exencións para as rendas máis baixas e favorecendo reducións e bonificacións  ao comercio e hostalaría.

Os pasos que deron os populares nestes meses foron en dirección contraria, na elaboración de ordenanzas fiscais, nas contratacións de persoal  e na contratación de empresas foron  xusto na dirección contraria ao proposto polo BNG no Plan de reactivación económica e do emprego.

 Na contratación de empresas excluíuse a todas as empresas da comarca na adxudicación máis importante feita no que vai de ano. A exclusión produciuse pola esixencia dunha clasificación en materia de mantemento que so teñen grandes empresas e que era innecesaria para a limpeza e mantemento das instalacións deportivas municipais.

 Na contratación de persoal, crearon unhas bolsas de substitucións dando tan so 5 días naturais para anotarse con total nocturnidade e sen dar conta aos grupos políticos ata que xa estaba o proceso iniciado.

 Por último nas ordenanzas fiscais, o PP propuxo e logo retirou da orde do día do último Pleno, unha ordenanza de terrazas nas que dicía que reducía a taxa pero aplicaban o prezo máximo que indicaba o informe técnico. Para o BNG é o momento de colaborar coa hostalería rebaixando ao máximo a taxa de terrazas.

 
Logo de 3 meses de traballos o alcalde foi incapaz de traer unha proposta de Plan de  reactivación económica e polo emprego.

 
 
 

martes, 11 de xuño de 2013

UNANIMIDADE NO APOIO Á FOLGA COMARCAL POR PARTE DO PLENO DO CONCELLO DE FENE

Os nacionalistas convidamos a toda a Corporación a realizar unha declaración institucional de apoio á folga xeral do vindeiro 12 de xuño. A resposta do conxunto da corporación foi o apoio unánime do seguite texto aprobado no Pleno ordinario do xoves pasado:

Declaración institucional sobre a folga xeral comarcal do 12 de Xuño

A corporación municipal do concello de Fene, perante a convocatoria de folga xeral na comarca para o vindeiro 12 de Xuño, manifestamos:

- Que a situación da nosa comarca atópase nunha fase crítica, por mor das políticas de destrucción dos nosos sectores produtivos, que levaron a un progresivo aumento do índice de desemprego – neste momento, o 32%, 10 puntos por riba da media galega – o progresivo aumento da emigración da nosa mocidade e, en definitiva, á depauperación económica e social no ámbito comarcal.

- Que perante esta situación, os diversos gobernos – tanto o do estado como a Xunta – non están a prantexar iniciativas políticas na defensa dos nosos sectores produtivos; mesmo incumprindo claramente os compromisos que se tiñan feito no seu momento a respecto dalgún deles, como o naval, o eólico, etc……

- Que, como representantes da cidadanía afectada por esta situación, entendemos que non só non debemos de permanecer ao marxe; senón que mesmo cúmpre que adoptemos unha posición activa na denuncia desta situación e na exixencia de medidas concretas aos gobernos para trocar esta situación.

Neste sentido, os grupos municipais do PP, PSOE, BNG e IU manifestamos:

1.- O noso apoio á convocatoria de Folga Xeral para o dia 12 de Xuño, así como o compromiso de favorecer desde a institución municipal o chamamento á participación da mesma ao conxunto da cidadanía do noso concello.

2.- A exixencia aos gobernos do estado e a Xunta para a concreción de medidas e prazos concretos para abordar iniciativas na defensa do emprego e dos nosos sectores produtivos.

3.- O chamamento aos diversos sectores sociais, políticos, empresariais, sindicais, entidades e insituciónais da comarca para a conformación dun foro/ente que, ao fío da mobilización, se articule como instrumento de presión/negociación das demandas comarcais.

(O Pleno do concello está composto por 17 persoas, 6 do PP, 5 do Psoe; 5 do BNG e 1 de IU)