CANDIDATURA DO BNG DE FENE 2019
O noso candidado á alcaldía volve ser Juventino Trigo. Foi aprendiz de ASTANO e logo en 1987, como moitos máis, expulsado do sector naval.
Con 25 anos montou a Asesoría Perlío, negocio que dirixe na actualidade, é Graduado Social e Licenciado en Ciencias do Traballo.
Alcalde de Fene e concelleiro de Facenda e Promoción económica ata a Moción de censura do PP e Somos Fene (Agora agochados baixo as siglas de "Compromiso por Galicia")
No nº2, como non podería ser doutra maneira, ten que estar a nosa Sandra Permuy, que formou parte do goberno desde 2015 ata a moción de censura de hai un ano, asumindo un enorme peso e unha morea de traballo, e facéndoo xenial e sempre cun sorriso.
Foi concelleira de Seguridade, Formación e Emprego e Persoal, e desde que quedamos co goberno en minoría, tamén de Servizos.
Sandra é Educadora infantil de profesión, é de San Valentín, foi directiva do CPS e ten 44 anos.
O curriculum do nº3 da candidatura, tanto académico como social e político, dá para varias páxinas, así que tentaremos resumir. Manuel Polo Gundin é militante do BNG desde os 16 anos, e na actualidade membro do Consello Comarcal e Local. Foi concelleiro en Fene, no goberno e na oposición, durante 8 anos. É deportista, federado en atletismo veterán, e dedícase profesionalmente ao deporte, actualmente como técnico de deportes no Concello de Mugardos. É membro do colectivo dos 19 de Meirás, acusados pola familia Franco de varios supostos delictos por acudir ao Pazo de Meirás en día de visita. E ademais, é o presidente da Anpa O Pazo Ies de Fene. Vive en Perlío, ten 46 anos e é un traballador incansable e un puntal imprescindible para este equipo.
No posto nº 4 da candidatura temos a Cristina García, que leva con nós desde o 2015 traballando arreo neste proxecto desde o Consello Local do BNG.
Unha muller loitadora e con grande experiencia en mirar polos demais, xa que é auxiliar de axuda a domicilio no Concello de Fene.
Tamén é titulada en administración, ten 50 anos e vive en Fene.
No nº 5 da candidatura do BNG ás eleccións municipais temos a Justo Martínez Ardá, que foi o mellor concelleiro de Urbanismo dos últimos tempos, cun proxecto que foi bloqueado pola moción de censura materializada hai un ano de mans do PP e de Somos Fene coa complicidade do PSOE. Tamén foi concelleiro de Cultura, Deportes e Obras desde o 2016 ata abril de 2018, realizando diversas actuacións de grande importancia como a Gala do Deporte, o concerto de Sés en xullo do ano pasado, obras de acondicionamento de diversas estradas, etc. Justo é de Fene, con raíces en Limodre, e ten 41 anos. É diplomado en Maxisterio na especialidade de Educación Física, Delineante e Arquitecto Técnico, profesión esta que exerce como autónomo. Ademais, é fundador da Sociedade As Píntegas, con actividades como fútbol sala e chave, e xogador da S.D. Barallobre.
Ángeles Coira, coñecida como "Peque", é unha das independentes da candidatura do BNG e ocupa o posto nº 6.
Unha persoa comprometida e moi activa socialmente. Membro do grupo vocal Entrelas, colabora co coro infantil de Franza e é presidenta da ANPA do CEIP Centieiras.
É diplomada en Graduado Social, ten 50 anos e vive en Perlío.
No nº 7 da candidatura do BNG de Fene ás eleccións municipais incorporamos outra das novidades; o noso amigo Luis Seijo, veciño de Sillobre de 59 anos, prexubilado de ENDESA.
Foi directivo da sociedade Agarimo de Sillobre e presidente da AVV desa parroquia.
Ademais, é membro do noso Consello Local.
A máis nova da candidatura ocupa o posto nº 8, pero cos seus 27 anos, está máis que preparada. Alba García é de San Valentín, graduada en Terapia Ocupacional con Mestrado en Investigación e Asistencia Sanitaria.
Traballa como terapeuta ocupacional no CAPD Souto de Leixa, e forma parte do Social Media Comitee da Occupational Science Europe (OSE). Tamén é técnica en animación de actividades deportivas e de ocio e tempo libre. É militante de Galiza Nova e do BNG e participou nos Comités Abertos e en Erguer durante a súa etapa universitaria
O nº 9 da candidatura do BNG de Fene non precisa moita presentación, pero aló imos. Alberto Maceiras é músico, toca distintos instrumentos en varios grupos de folk, música infantil e poemas musicados, foi membro da Banda de Gaitas Airiños de Fene desde a súa fundación e durante máis de 30 anos, e é o saxofonista e zanfonista do grupo Encrucillada.
Ademais, é Técnico de Regulación e Control Automáticos, e membro do Consello Local do Bng de Fene.
Veciño de Perlío de 40 anos, Maka non podía faltar nesta lista.
Pepa Lopez Pico ocupa o posto 10 da nosa candidatura.
É a encargada do servizo de limpeza de edificios públicos do Concello de Fene, onde leva traballando moitísimos anos e desde onde comproba cada día o desgoberno do PP, as cacicadas, o desprezo aos traballadores/as, etc.
Veciña de Barallobre de 63 anos, Pepa é unha muller traballadora e activa que sempre está cando a precisamos.
Xubilado de ASTANO de 65 anos e veciño de San Valentín, é tamén o presidente da Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene desde o ano 2000.
Na foto, recolle un agasallo que lle entregamos sendo goberno polo XXX aniversario da Banda. Moitas grazas polo teu apoio e benvido, Valentín!!!
Na foto, recolle un agasallo que lle entregamos sendo goberno polo XXX aniversario da Banda. Moitas grazas polo teu apoio e benvido, Valentín!!!
O posto nº 12 ocúpao unha persoa comprometida co BNG desde hai moito tempo, que ten sido responsábel local e membro do Consello comarcal e nacional.
É mestra do CEIP Os Casais de Maniños e tamén integrante do colectivo literario Moraima.
A nosa Maribel Serantes é veciña de San Valentín, sevillana de nacemento, e ten 59 anos.
O nº 13 é un dos nosos puntais máis firmes, Paco Permuy.
Veciño de Magalofes de 68 anos, foi traballador de ASTANO e despois funcionario do Concello de Fene. Foi delegado sindical e presidente da Xunta de Persoal do Concello pola CIG desde o ano 2013 ata a súa xubilación en 2017.
Unha honra terte como compañeiro, Paco!
O posto nº 14 da candidatura do BNG ás eleccións municipais ocúpao a nosa responsable local, Digna Faraldo Purriños, artífice desta candidatura e "culpable" de todo o traballo realizado polo BNG de Fene desde 2012.
Digna é mestra, funcionaria do corpo de profesores técnicos de FP no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, de Ferrol, onde ocupa agora o cargo de xefa de estudos.
Veciña de Perlío de 59 anos con raíces en Sillobre. Unha crack sen a que todo isto non sería posíbel.
No posto 15, recuperamos a un bo e xeneroso que foi concelleiro de Cultura de Fene durante o mandato 1987-1991, e fundador da asociación de emisoras de radio municipais EMUGA.
É profesor xubilado do IES de Fene e Doutor en Químicas, veciño de Fene de 70 anos, aínda que oriundo de Palas de Rei.
Benvido de novo, Antonio Orozco e grazas por apoiar este proxecto coa túa experiencia.
No número 16 da lista temos a honra de contar cun dos nosos militantes máis antigos (desde 1983), que foi concelleiro delegado de varias áreas do goberno de Fene entre 1987 e 1999, e que regresa agora á candidatura achegando toda a súa experiencia política e social.
Trátase de Xusto Oreona Blanco, veciño de San Valentín e xubilado de ASTANO de 66 anos.
Grazas e benvido de novo, Oreona!!
No posto de honra, pechando a lista, tiña que estar a nosa Mariela, que coa súa decisión valente evitou que prosperara o segundo intento de moción de censura e, por iso, está agora denunciada pola vía penal por Gumersindo Galego, ademais de ter sufrido ameazas directas días antes da sesión do teceiro intento de moción de censura, que finalmente prosperou.
Mariela Aguilar é de Maniños, traballou toda a vida como autónoma, ten 71 anos e está xubilada. Foi e segue sendo unha persoa moi activa en sociedades (foi directiva da Acrd O Pote Maniños, da Asociación ambiental AETNA, comisión de Festas, etc.) e foi a mellor concelleira de Medio Ambiente de Fene dos últimos anos, desde 2015 ata a moción de censura presentada polo PP e Somos Fene (Agora agochados baixo as siglas de "Compromiso por Galicia") en abril do ano pasado.
Encabezando a lista de suplentes temos a Rita Couto, que nos achega a súa experiencia como Concelleira de Benestar social de Fene entre 2005 e 2009, sendo ademais primeira tenente alcalde de 2007 a 2009.
Rita é de Maniños aínda que actualmente vive en Barallobre, ten 44 anos, é diplomada en Ciencias Empresariais e traballa no sector do comercio.
Grazas de novo Rita, por estar sempre aí!!
Toca presentar a outro dos independentes da lista. Un traballador de ASTANO que segue en activo e que comezou de aprendiz con 15 anos, como moitos feneses.
Tocoulle vivir etapas tan duras como a da reconversión dos 80 e os sucesivos golpes ao sector naval que desde entón tivemos.
Como suplente nº 2 temos a Roberto Paz López, veciño de Fene de 58 anos e de sobra coñecido por tod@s vós.
Moitas grazas por crer no proxecto e no traballo do BNG de Fene!
Como suplente nº 3 da nosa candidatura ás eleccións municipais temos a Fina, Josefa Leal Casal.
Veciña de San Valentín de 62 anos, é auxiliar de enfermaría e traballa con persoas discapacitadas no CAMF de Ferrol. A nosa experta en igualdade e integración.
E finalmente, o suplente nº 4, Joám Luís Ferreiro Caramês, máis coñecido como Césio (Ferrol, 56 anos). Licenciado en ciencias biolóxicas, especialidade zooloxía. Biólogo da Confraría de Barallobre desde 2005 ata estes días, xa que é un dos afectados pola crise deste sector derivada da deixadez do PP á hora de facer política de país e para o país. É coordenador do grupo de traballo nacional de pesca do BNG, membro de diversas asociacións como Artábria ou a Sociedade Galega de Historia Natural, e colaborador con artigos en diversos medios de comunicación. Coñece como ninguén a nosa ría e será de gran axuda para facer todo o que estea na nosa man para mellorar a situación do noso sector marisqueiro. Benvido, Césio, e grazas por formar parte da nosa candidatura!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario