venres, 14 de xuño de 2019

Resultado das reunións mantidas co PSOE en Fene



Proposta da Asemblea Local do BNG de Fene ao PSdeG-PSOE de Fene para acadar un goberno de esquerdas, plural e con obxectivos concretos. 


O pasado martes 4 de xuño houbo a primeira reunión logo das eleccións do 26 de maio entre BNG e PSOE de Fene. Emprazándonos ambas organizacións a ter un segundo encontro logo de realizar sendas asembleas locais.

Logo da nosa análise dos resultados onde BNG e PSOE subimos 3 actas pasando de 7 a 10 e o goberno bipartito PP-Somos Fene pasa de 9 a 6 resulta evidente a demanda do Pobo de Fene de chegar a un acordo amplo  da esquerda que supón máis do 66% do electorado fronte ao PP.

Neste contexto, no que o BNG empata a 6 actas co PP, é no que nos vemos coa responsabilidade de chegar a acordos para formar un goberno alternativo ao actual do PP. Partido incrustado na corrupción e na deriva dereitista que o leva a branquear á ultradereita, e que en Fene ten un trío dirixente á altura do peor PP.
  
A un ano das vindeiras eleccións autonómicas é fundamental deixar ao PP no mínimo poder local, sendo unha forza que se sustenta so no parasitismo institucional. Sendo lóxica a defensa dos intereses de cada organización sabemos que BNG e PSdeG-PSOE van ser necesarios nun cambio no goberno da Xunta, é polo que coincidimos ao cento por cento na idea de acadar o goberno das deputacións e alcaldías co apoio recíproco alí onde os números dean, sen ir máis lonxe, Ferrol, Cabanas e Fene.
  
No caso de Fene, o BNG solicítalle expresamente á Asemblea local do PSdeG-PSOE de Fene e ao seu futuro Grupo Municipal o apoio á investidura do candidato do BNG á alcaldía Juventino Trigo en base a un programa de goberno consensuado entre ambas organizacións.
   
Ademais do anterior, acordar un Programa de goberno con medidas concretas, o BNG propón ao PSdeG-PSOE unha mesa de negociación con interlocutores e calendarios consensuados  para avanzar  no modelo de relación que sustente a composición, os medios e a acción do goberno  nos vindeiros catro anos.

Neste momento o BNG conta xa co apoio expreso de IU de Fene para a investidura do vindeiro 15 de xuño. 


Proposta para o  PSOE no goberno ou na oposición


Na liña dos acordos da executiva nacional do BNG  propoñemos ao PSOE poñer o contador a cero e ofrecerlle, a cambio da investidura, as seguintes opcións:

· Negociar antes do 15 as liñas básicas do próximo goberno e a  entrada no goberno nos seguintes 30 días.

· Distribución de áreas  partindo da distribución das do último goberno facendo axustes en función de perfis, dispoñibilidade e interese político.

· Catro presidencias de comisións 2 PSOE / 2 BNG.

· Creación dunha comisión especial de remunicipalización de servizos presidida polo GM do PSOE. 

· Xunta de goberno 2/2 e ver si se inclúe a IU no acordo.


No caso de que o PSdeG-PSOE  decida non participar no goberno,  propoñemos chegar a acordo de lexislatura en temas puntuais, sobre as grandes liñas de goberno:

· Organización: as cuestións de asignación aos grupos municipais, concelleiros e concelleiras, dedicacións.

· Urbanismo: o PXOM, desenvolvemento e revisión.

 · Facenda: as modificacións de creto e os orzamentos.

· Servizos públicos: remunicipalización de servizos e distribución da auga  potable . Comisión especial.

· Novos equipamentos culturais, deportivos e sociais.

· Xestión con outras administracións.

· Contratación: formar parte das mesas de contratación.