mércores, 28 de novembro de 2018

Propostas do BNG de Fene para as obras do POS 2019

Posto que nos últimos meses nunca fomos convocados polo alcalde nin por concelleir@s do goberno para tratar as obras a executar no próximo POS 2019, hoxe o Grupo Municipal do BNG presentou no concello diversas propostas logo de ter mantidas reunións coa veciñanza e distintas asociacións. Unha parte das obras relacionadas xa teñen proxectos e outras os trámites realizados.

Ligazón ao album de Facebook: aquí















sábado, 17 de novembro de 2018

COMUNICADO DO CONSELLO LOCAL DO BNG DE FENE

Hai unha semana, o alcalde e líder do PP local, Gumersindo Galego, e Xoán Manuel Rodríguez Bastida, de Somos Fene, fixeron varias declaracións aos medios referidas a dúas sentenzas recibidas polo Concello en relación cos procedementos que se viñeron seguindo nos últimos meses para aclarar a pertenza ou non dos edís de Somos Fene ao grupo dos non adscritos e tamén para pronunciarse sobre a suspensión do pleno de moción de censura do mes de outubro por parte da presidenta da Mesa de Idade.


Antes de facer ningún comentario ao respecto, o Grupo Municipal do BNG quixo coñecer de primeira man o contido exacto de ambas sentenzas. Por ese motivo solicitámoslle formalmente á alcaldía que se nos facilitase copia das dúas resolucións, máis aínda cando o propio Gumersindo Galego anunciou na súa comparecencia ante os medios que as sentenzas estarían dispoñibles para toda a veciñanza de Fene. 


Porén, os días pasan e, igual que ocorre con outra información solicitada ao novo executivo PP-Somos Fene, só obtemos o silencio por resposta, negándosenos por omisión o acceso a información que temos dereito a recibir e que, curiosamente, si se lles traslada aos medios de comunicación (as sentenzas están na web de Radio Fene). Nada novo, tendo en conta o período de escurantismo no que entrou Fene tralo asalto ao poder dos populares e os seus socios da Marea o pasado 6 de abril.


Deste modo, a única referencia ao contido dos ditames xudiciais da que dispoñemos son as palabras de Galego e Bastida recollidas por Radio Fene a semana pasada, nas que fan varias afirmacións que deben ser respostadas pola nosa banda ante as numerosas imprecisións que conteñen e as graves acusacións que se dirixen a membros deste grupo municipal.


Na intervención gravada, Rodríguez Bastida relata de viva voz parte do texto da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que este órgano viría ratificar a súa pertenza ao Grupo Municipal Somos Fene.  Como se lembrará, o PDDG -partido polo que Bastida e César Castro concorreron as municipais- revogoulles a representatividade trala primeira tentativa de moción de censura, aló polo mes de xuño de 2017. A raíz da expulsión dos dous edís do seu partido matriz, que en ningún momento supuxo a perda das súas actas como concelleiros, deuse conta no pleno de agosto dese ano do seu paso ao grupo dos non adscritos. Esta medida adoptouse por unha resolución da alcaldía seguindo informes técnicos da Secretaría municipal -en aplicación da interpretación técnica da normativa electoral e a xurisprudencia existente-, non por unha decisión arbitraria e unilateral de Juventino Trigo nin do goberno do BNG como quere facer ver o representante de Somos Fene na súa intervención ante os medios.  


A resolución  foi recorrida no xulgado por Bastida e Castro e, finalmente, foi suspendida cautelarmente polo Contencioso Administrativo nº 1 de Ferrol. Ante esta situación, a Deputación da Coruña a instancias do Concello -non o BNG nin Juventino Trigo a título persoal-, Esquerda Unida e Participación Democrática Directa de Galicia acudiron ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para que se pronunciase sobre se Xoán Manuel Rodríguez e César Castro debían ser considerados ou non Grupo Municipal Somos Fene. Agora -sete meses despois de que a moción prosperase- o tribunal seica confirma a conformación do grupo cunha sentenza que é recorrible ante o Supremo, aínda que intuímos que o Concello non vai dar ese paso malia que o seu deber como institución sería esgotar a vía xurídica. Respectamos as sentenzas, aínda que non as compartamos por entender neste caso que si se vulnerou a normativa electoral e, sobre todo, porque o mantemento do grupo para Somos Fene sen que mediase sentenza firme significou a cadratura numérica coa que se perpetrou un asalto ao poder e unha traición ao electorado por parte de quen viñan para "mudalo todo". 


O Concello, como institución situada por riba das persoas que están gobernando, abandeirou daquela a defensa da legalidade. Unha defensa que tería que continuar ata o remate do seu percorrido por dúas razóns: despexar calquera tipo de dúbida legal e despexar calquera tipo de dúbida sobre o compromiso dos actuais gobernantes coa institución. Non vai ser así, xa vimos non hai moito tempo como o bipartito PP-Somos Fene botaba terra sobre o asunto das farolas deixando correr os prazos de recurso. O PP conseguiu tapar con argucias procedimentais as súas propias miserias, sen importarlle o máis mínimo a mancha que lle queda á institución nin as incógnitas que deberían ser resoltas por respecto á veciñanza.  


A intervención de Xoán Manuel Rodríguez Bastida diante dos micrófonos radiofónicos para explicar o contido da sentenza estivo secundada polo seu socio, Gumersindo Galego, quen cualifica a actuación do Concello ao apelar perante o TSXG como "un atropelo" dos dereitos dos edís de Somos Fene. O líder do PP suxire que ese foi un dos motivos para presentar a moción de censura, obviando na súa intervención que a primeira tentativa de rexistrala -en xuño de 2017- se produciu antes de que Bastida e Castro fosen expulsados do partido instrumental PDDG.  Gumersindo Galego defende que a moción foi adiante no momento en que estes concelleiros "tiñan devoltos os seus dereitos", pasando por alto tamén que daquela -e aínda hoxe- non existía sentenza firme sobre a súa condición de non adscritos.


Porén, o motivo dos comentarios do actual alcalde popular non vén ao caso da situación de Somos Fene, senón doutra sentenza do Contencioso Administrativo nº1 de Ferrol a raíz da denuncia do PP contra a decisión da Mesa de Idade de suspender o pleno de finais de outubro de 2017 en que se ía debater por primeira vez a moción de censura. De novo temos unha sentenza que respectamos, aínda considerando que vai en contra do interese xeral ao xulgar que a sesión debería ter continuado en vez de ser levantada co voto de calidade da presidenta da Mesa, a concelleira Mariela Aguilar. Gumersindo Galego, coa sentenza na man, carga duramente contra Aguilar acusándoa de actuar "en complot" con Participación Democrática Directa de Galicia e acusando aos representantes do BNG de "cometer ilegalidades", entre elas a de "prevaricación". Consideramos que se trata de acusacións moi graves e infundadas que o PP, segundo Galego, está disposto a levar aos tribunais "incluso pola vía penal". Animámolo a que o faga; tanto Mariela Aguilar como o resto de compoñentes do Grupo Municipal do BNG temos a conciencia moi tranquila, posto que actuamos antepoñendo sempre o interese xeral e o da institución a calquera desexo de manter o goberno, nun momento en que non existía seguridade xurídica firme sobre ningún dos argumentos defendidos polo PP, Bastida e Castro para respaldar o seu asalto ao poder en Fene.


Por último, tamén queremos comentar que, segundo asegurou Gumersindo Galego  nos micrófonos de Radio Fene a semana pasada, o Concello terá que pagar "cos cartos de todos os veciños" as costas xudiciais de ambos procedementos, laiándose de que Somos Fene e o PP tivesen que custearse os seus avogados. Bastida cifra seguidamente en 1.000 euros a contía económica que, supostamente, terá que pagar o Concello por apelar contra a sentenza do Contencioso que suspendeu cautelarmente a súa consideración como non adscritos. Cómpre precisar este dato, indicando que as costas se impoñen aos apelantes: Concello de Fene, Participación Democrática Directa de Galicia e María del Carmen Martínez (representante de Esquerda Unida) e que, polo tanto, o custe total debe ser asumido polas tres partes e non unicamente polo Concello. Ademais, tamén hai que lembrar que a imposición de costas servirá para sufragar a minuta dos avogados de Somos Fene e, no seu caso, tamén dos do PP.


En calquera caso, a xustiza pronunciouse, aínda que non dixese a súa última palabra. Desde o BNG de Fene insistimos en respectar as decisións xudiciais malia non compartilas, precisamente, por caber aínda posibilidade de recurso no tocante á sentenza do Contencioso e de recurso de casación no caso da sentenza do TSXG.


Digna Faraldo 
Responábel local do BNG en Fene