martes, 18 de setembro de 2018

PP-Somos Fene rexeitan as alegacións da CIG ao orzamento sen dialogo algún


A intolerancia faise dona do bipartito fenés. Na mañá de hoxe, martes 18 de setembro, o alcalde convocou un Pleno  urxente para rexeitar as alegacións da CIG ao orzamento 2019. 

A convocatoria fíxose con total escurantismo, sen comentar previamente coa oposición o día e a hora. As alegacións tiñan un mes para ser aceptadas ou rexeitadas e o goberno local adiou o acordo ata a última semana, creando a urxencia pola súa incompetencia. Coa maioría absoluta garantida os Populares podían ter falado á representación laboral e convocado unha Comisión informativa para dar conta dos informes e propostas. En lugar disto optaron polo recurso da urxencia, que non existe, e do escurantismo e a intolerancia. 

Como lexítimos representantes do pobo de Fene, toda a corporación, ten dereito a ter  a documentación dos asuntos en prazo para poder  avaliar os mesmos e fixar posición. O goberno PP- Somos Fene  fai de novo un exercicio de prepotencia e de falla de respeito á oposición ocultando os asuntos ata 24 horas antes da sesión plenaria.

O diálogo e a  paz social teñen que ser a bandeira das relacións laborais no Concello, e a negociación do Capítulo I de persoal, así como das ofertas de emprego son obrigatorias, aínda tendo o goberno a última palabra, a negociación non se pode furtar como foi neste caso.

O Grupo municipal do BNG rexeita as formas e o fondo da actuación deste goberno  escurantista e intransixente e demanda unha relación dialogada e transparente.






martes, 4 de setembro de 2018

Lembrando a Pancho

Como cada 4 de setembro dende o BNG de Fene non queremos deixar que acabe este día sen facer unha lembranza do noso compañeiro Pancho Allegue, que falecía tal noite coma hoxe en 2005 dun paro cardíaco con só 46 anos de idade.

Sindicalista, traballador e defensor incansable do noso sector naval e concelleiro nacionalista de Fene durante 18 anos seguidos, será sempre un referente e un exemplo a seguir para todas e todos nós. O seu legado de traballo incansable, de proximidade co pobo e, sobre todo, de limpeza e honestidade, segue moi presente entre os compañeiros e compañeiras do Bloque de Fene.




Alá onde esteas, moitas grazas.