A día dous de xullo o Concello de Fene carece de organización do goberno , nin delegacións das áreas, nin órganos colexiados constituídos, tendo unha previsión de convocatoria de Pleno de organización o vindeiro venres 5 de xullo.
Nesta situación, na que a alcaldía ten todas as competencias, vemos con asombro como a Concelleira do PP, Rocío Bértoa, se autoproclama Concelleira de Cultura nas novas que se distribúen en medios institucionais como a páxina web do Concello de Fene. Unha tomadura de pelo total de alguén que non respecta os prazos nin as normas que rexen a institución.
A falta de traballo, propostas e rigor anuncia desde xa un mandato sen seriedade nin respecto á institución e á veciñanza.
O Alcalde, Gumersindo Galego, leva dúas semanas sen dar pau á auga, sen traballar, non sendo até hoxe que fixo unha proposta de organización de comisións e pleno para nugalláns. Primeiro propón reducir as Comisións informativas de 4 a 3 e trasladándoas para a tarde do martes, cada trinta minutos. Sesións express para limitar o acceso á información e á participación da oposición e reducir o traballo do goberno.
A proposta do PP vai contar coa oposición frontal do BNG, non admitindo recortes nos dereitos á información e á participación das concelleiras e concelleiros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario