xoves, 17 de xaneiro de 2013

O BNG APOIA ÁS PERSOAS AFECTADAS POLAS PREFERENTES QUE SE PECHARON NA SUCURSAL DE NGB EN FENE

Os nacionalistas de Fene apoiaron durante a xornada de hoxe ás persoas pechadas no caixeiro automático que a entidade NGB ten na avenida Naturais de Fene.
 
As persoas afectadas, nai e fillo, protestan pola desatención e abandono que sofren tanto da entidade bancaria como da arbitraxe  posta en marcha polo goberno de Feijoo para recuperar os seus aforros.
 
Este é o primeiro caso que se da en Fene  dunha acción desesperada para poder acceder aos cartos aforrados durante anos.
 
Para o portavoz nacionalista Manuel Polo e a concelleira Ines Roca, que apoiaron coa súa presenza á familia afectada, “é unha vergoña que unha entidade constituída ao amparo do aforro de todas e todos nós trate así á xente”.


Chegada da prensa


xoves, 10 de xaneiro de 2013

O BNG DE FENE APOSTA POR UN PLAN DE EMPREGO E A BAIXADA DE IMPOSTOSPARA OS ORZAMENTOS 2013

O ano 2013 comeza con 1486 persoas desempregadas no concello de Fene. A falla de concreción de traballo no naval/industrial, o problemas no marisqueo e a ausencia de expectativas vitais levan a moita xente a marchar de Fene e a outra moita a sufrir no desemprego. Este dato é o que máis preocupa ao BNG, por isto os nacionalistas enviamos unha proposta concreta para loitar polo emprego e a reactivación económica no vindeiro trienio 2013- 2015 comezando polo orzamento de 2013 en dúas liñas fundamentais, a primeira a creación de emprego a través dun Plan especial de emprego, de 3 anos de duración e cunha dotación anual mínima de 500.000 €. A proposta irá orientada á contratación de persoal de limpeza para edificios municipais, peonaxe de servizos, obras, xardinería e auxiliares de axuda no fogar.

A proposta xeraría entre 35 e 50 contratos anuais de persoas veciñas do concello seleccionadas a través dun proceso transparente baseado en criterios sociais e de capacitación profesional, favorecendo a inclusión social das persoas máis desfavorecidas, persoas desempregadas con cargas familiares, maiores de 45 anos e as desempregadas de longa duración.

A segunda medida a contemplar é un Plan fiscal que contemple a redución de taxas e impostos para o vindeiro trienio 2013-2015, a aposta nacionalista será o incremento das exencións totais ou parciais ás persoas con menos recursos e por outro lado un plan específico para autónomos e Pemes. Rebaixar a carga fiscal durante 3 anos a todo o tecido empresarial e comercial a excepción das cadeas de alimentación, bancos e entidades financeiras e grandes empresas será outra aposta do BNG para os vindeiros anos. Por último e na liña de favorecer a activación económica proporemos tamén unha bonificación no ICIO (imposto de construción) de ata o 95% tanto a particulares como a empresas.

A proposta fíxoselle chegar a todos os grupos políticos coa intención de poder chegar a un acordo nestas liñas básicas para os vindeiros 3 anos.