mércores, 10 de agosto de 2016

O alcalde de Fene cesa dos seus cargos aos concelleiros/as de Somos Fene e do PSOE por perda da súa confianza neles

O alcalde de Fene, o nacionalista Juventino Trigo, vén de revocar a delegación das súas competencias nos concelleiros do Partido Socialista e de Somos Fene, o que implica o cesamento nos seus cargos como concelleiros/a de goberno. É a principal consecuencia que se deriva da decisión destes edís de romper por sorpresa unhas negociacións traballadas e consensuadas durante catro meses e paralizar, no pleno ordinario do pasado 4 de agosto, o debate dos orzamentos para 2016, que suporían o maior orzamento da historia de Fene, cunha partida de investimentos en obras que alcanzaba case o millón e medio de euros, repartidos entre todas as parroquias de Fene e acordados co tecido asociativo.

foto: Galicia Ártabra
Deste xeito, as competencias exercidas por estes cinco edís cesados regresan de novo á alcaldía. O grupo nacionalista mantén ao 100% o acordo programático asinado en xuño de 2015 por Somos Fene, PSOE, IU e o propio BNG, no que se establecían unhas liñas de actuación moi claras relativas ao obxectivo básico da promoción do emprego, a mellora dos servizos sociais, a participación cidadá, etc. O programa de actuación política do goberno non vai cambiar; porén, a perda de confianza do alcalde nos seus concelleiros delegados provoca a imposibilidade de seguir contando cos mesmos para o exercicio da citada actuación. Así as cousas, o alcalde e o BNG manteñen a porta aberta ao diálogo con todos os grupos da corporación para que, unha vez aclaradas de xeito interno en cada organización as razóns polas que romperon os acordos e faltaron á súa palabra votando en contra dun instrumento básico de traballo como é o orzamento, se poidan establecer novos acordos para facilitar a gobernabilidade do municipio.

O grupo municipal do BNG amósase disposto a gobernar en minoría ou a asumir calquera consecuencia que se derive desta decisión. Tal e como declarou Juventino Trigo en rolda de prensa, “somos conscientes da aritmética municipal e da situación na que queda o pleno; son alcalde por elección maioritaria do pleno e sei perfectamente que preciso apoios para aprobar asuntos, pero non vou ser alcalde a calquera prezo, e prefiro ter que negociar cada decisión e triplicar o meu traballo e o dos meus compañeiros e compañeiras antes que someterme aos ditados de persoas que faltan á súa palabra e que perseguen outros intereses que nada teñen que ver co benestar da veciñanza”.






mércores, 3 de agosto de 2016

Fene leva a aprobación o maior orzamento da historia do municipio con preto de doce millóns de euros

O Pleno do Concello de Fene debaterá mañá xoves, ás 18 horas, a aprobación dunhas contas que acadan case os 12 millóns de euros para este ano 2016. Concretamente, 11.861.782,18 € de gastos e de ingresos. O documento recolle as principais propostas do goberno local, como son, a blindaxe da política social cun Plan de emprego financiado con 120.000 € e o incremento das partidas de benestar social, especialmente significativa a que corresponde á atención á dependencia. 

Outro capítulo de vital importancia é o das obras que, por primeira vez en moitos anos, acada os 1.458.700,57 €. Hai que retrotraerse aos anos 2006 e 2007 para encontrar cifras de investimentos de importancia semellante, coa diferenza de que naqueles anos estaban financiadas en parte con cretos bancarios e, na actualidade, o Concello de Fene sigue a reducir débeda bancaria nun -26%. As contas tamén recollen o incremento salarial do persoal no 1%, tratándose do primeiro incremento salarial dende 2011.

Os ingresos proveñen nun 58,25% dos impostos e taxas que paga a veciñanza e as empresas, un 30% de transferencias do Estado e un 9% de subvencións, que supoñen esta últimas máis dun 328% de incremento con respecto ao exercicio anterior.

Para o alcalde de Fene e responsable da área de Facenda, o nacionalista Juventino Trigo, “estas contas son un salto moi importante na prestación de servizos públicos e na execución de obra pública, cun notable esforzo na dinamización da economía e na creación de emprego”.