mércores, 10 de agosto de 2016

O alcalde de Fene cesa dos seus cargos aos concelleiros/as de Somos Fene e do PSOE por perda da súa confianza neles

O alcalde de Fene, o nacionalista Juventino Trigo, vén de revocar a delegación das súas competencias nos concelleiros do Partido Socialista e de Somos Fene, o que implica o cesamento nos seus cargos como concelleiros/a de goberno. É a principal consecuencia que se deriva da decisión destes edís de romper por sorpresa unhas negociacións traballadas e consensuadas durante catro meses e paralizar, no pleno ordinario do pasado 4 de agosto, o debate dos orzamentos para 2016, que suporían o maior orzamento da historia de Fene, cunha partida de investimentos en obras que alcanzaba case o millón e medio de euros, repartidos entre todas as parroquias de Fene e acordados co tecido asociativo.

foto: Galicia Ártabra
Deste xeito, as competencias exercidas por estes cinco edís cesados regresan de novo á alcaldía. O grupo nacionalista mantén ao 100% o acordo programático asinado en xuño de 2015 por Somos Fene, PSOE, IU e o propio BNG, no que se establecían unhas liñas de actuación moi claras relativas ao obxectivo básico da promoción do emprego, a mellora dos servizos sociais, a participación cidadá, etc. O programa de actuación política do goberno non vai cambiar; porén, a perda de confianza do alcalde nos seus concelleiros delegados provoca a imposibilidade de seguir contando cos mesmos para o exercicio da citada actuación. Así as cousas, o alcalde e o BNG manteñen a porta aberta ao diálogo con todos os grupos da corporación para que, unha vez aclaradas de xeito interno en cada organización as razóns polas que romperon os acordos e faltaron á súa palabra votando en contra dun instrumento básico de traballo como é o orzamento, se poidan establecer novos acordos para facilitar a gobernabilidade do municipio.

O grupo municipal do BNG amósase disposto a gobernar en minoría ou a asumir calquera consecuencia que se derive desta decisión. Tal e como declarou Juventino Trigo en rolda de prensa, “somos conscientes da aritmética municipal e da situación na que queda o pleno; son alcalde por elección maioritaria do pleno e sei perfectamente que preciso apoios para aprobar asuntos, pero non vou ser alcalde a calquera prezo, e prefiro ter que negociar cada decisión e triplicar o meu traballo e o dos meus compañeiros e compañeiras antes que someterme aos ditados de persoas que faltan á súa palabra e que perseguen outros intereses que nada teñen que ver co benestar da veciñanza”.






1 comentario:

  1. Menos mal que vos desfixéchedes destes socios. Uns xa demostraron o que fixeron no goberno de Puentes e os outros dous oportunistas que van ao concello a amañar o deles. Impresentables.

    ResponderEliminar