Hoxe máis que nunca neste 1º de maio cómpre unha resposta masiva de tod@s traballador@s, e de toda a sociedade galega contra as políticas do PP
luns, 30 de abril de 2012
mércores, 25 de abril de 2012
O BNG DIANTE DOS PLENOS EN DEFENSA DO SECTOR NAVAL
Este xoves, 26 de abril, ás 6 da tarde estan convocados nos
Concellos de Ferrolterra Plenos Extraordinarios para a aprobación dunha
declaración institucional similar a outras xa aprobadas, baleira de contido e
que evita esixir do Goberno Central de da Xunta de Galiza compromisos concretos
na Defensa do Sector Naval na ría de Ferrol.
Fronte a ista forma de actuar o BNG impulsou un texto
alternativo que vai defender en todos os Plenos da nosa comarca e cuxas
demandas son:
1.- Esixir a celebración dunha entrevista urxente co
presidente da Sociedade Estatal de participaciones Industriales (SEPI),
conxuntamente cos representantes sociais, políticos e económicos de
Ferrolterra, Eume e Ortegal.
2.- Demandar do goberno do estado:
2.1.- A consignación necesaria dentro dos orzamentos xerais
para 2012 para a construción do dique flotante, a realizar por Navantia
Ferrol-Fene
2.2- Desenvolver unha intensa actividade comercial que
incida na promoción das capacidades e competitividade de Navantia e
sinaladamente dos estaleiros da Ría de Ferrol, buscando a captación de
contratos que xeren carga de traballo.
2.3- O inicio inmediato de negociacións na UE para conseguir
o levantamento do veto á construcción naval civil nos estaleiros públicos da
ría de Ferrol.
3.- Demandar do Goberno galego:
3.1- Que en cumprimento da Proposición non de Lei aprobada
por unanimidade no Parlamento galego o pasado 29 de febreiro, se presente o
proxecto de Centro de Reparacións Navais na ría de Ferrol, comprometido polo
Presidente da Xunta no coñecido como “contrato con ferrol”.
3.2.- Dar cumprimento efectivo da lei 4/2010, de 23 de xuño,
de fomento do sector naval de Galicia, nomeadamente do seu artigo 4; para o cal
deberá presentar no Parlemento Galego unha proposta concreta.
4.- Demandar das organizacións políticas, nomeadamente das
que detentan responsabilidades de goberno, o cumprimento estrito e inmediato
das demandas da comarca a respecto do sector naval e, nomeadamente, os asumidos
por unanimidade no Parlamento galego.
5.- O nomeamento da nova presidencia de Navantia.
domingo, 22 de abril de 2012
Nova alta na militancia do BNG de Fene
Hoxe fixemos entrega do carnet de militante do BNG ao concelleiro Justo Martinez Ardá durante unha cea para toda a militancia e simpatizantes de Fene no mesón A Pomba. Benvido!
venres, 20 de abril de 2012
Visita ás mariscadoras de Barallobre pechadas no Concello
Francisco Jorquera achegouse ao
Concello de Fene para amosar o seu apoio ao colectivo de marisadoras e
mariscadores da Confraría de Barallobre, que continúan o seu peche ante o
impago da Consellería polos seus labores de rexeneración, que acumula xa máis
de cinco meses de salarios. O deputado no Congreso informounos da presentación
dunha enmenda aos orzamentos do Estado para que se teña en conta a necesidade
urxente de rematar as obras para a depuración da Ría de Ferrol.
Ademais, Jorquera visitou, tamén
esta tarde, o Comité de Empresa de Infinita Renovables, afectada por un
expediente de regulación de emprego.
xoves, 19 de abril de 2012
Francisco Jorquera visitará mañá @s mariscador@s pechad@s na Casa do Concello
O BNG de Fene leva apoiando dende o primeiro día as reivindicacións das mariscadoras e mariscadores por medio dos membros do Grupo Municipal e do Consello Local.

martes, 17 de abril de 2012
O BNG ESÍXELLE AO ALCALDE DE FENE QUE CUMPRA CO COLECTIVO DE MARISCADORES PECHADOS NO CONCELLO
Os nacionalistas ofrecemos o noso apoio para
resolver o conflicto xerado polo impago dos traballos realizados polos
mariscadores e mariscadoras nos últimos 6 meses. Logo da moción aprobada por
unanimidade no Pleno do xoves pasado para o BNG non é de recibo que o Alcalde
non chame á Conselleira e actúe conforme se demandou no Pleno tanto polos
Grupos políticos como polos propios afectados.
O Portavoz nacionalista, Manuel Polo, instou ao
Alcalde a que pedise unha xuntanza coa conselleira para transmitirlle o acordo
aprobado xa que os incumprimentos da Consellería do Medio Rural e Mar son tan
graves que moitas das persoas afectadas
polos impagos estanse a ver nunha situación límite e non vale actuar; como fai
o Alcalde, pondose de perfil e como se non fose con el. O PP é responsábel
político desta desfeita e o Alcalde ten unha obriga co Pleno e cos seus veciños
e veciñas.
mércores, 11 de abril de 2012
O BNG DE FENE URXE UNHA SOLUCIÓN AO PASO ELEVADO SOBRE A VÍA DO TREN EN PERLÍO
O concelleiro nacionalista Juventino
Trigo presentou por rexistro, a pasada
semana, un escrito no que se recollen as demandas dos veciños/as de Perlío,
principalmente dos residentes das rúas da Torre e Hortelá, no relativo ao
estado da pasarela de paso sobre a vía do tren.
Unha vez comprobado o estado
da ponte elevada sobre a vía férrea que une Av. Antonia Montero con Rúa
Hortelá, onde varios metros de varandilla están soltos e incluso con perigo de
desprendemento, e a existencia de ocos na zona de paso, solicitamos que se
proceda a inmediata reparación dos elementos mais deteriorados da ponte que
supoñen un perigo inminente para os veciños e veciñas.
Desde o BNG recordamos que vai para
dous anos que o Ministerio de Fomento asinou un convenio co concello de Fene
para mellorar a permeabilidade da vía férrea en Perlío.
No Pleno ordinario deste xoves
voltaremos a preguntar por estas obras e
a súa situación.
xoves, 5 de abril de 2012
O BNG levará a Europa a problemática dos mariscadores da Ría de Ferrol
A
deputada europea, Ana Miranda, visitou onte á mañá aos membros da Confraría de
Barallobre pechados no Concello de Fene desde o pasado venres
O BNG, a través da
eurodeputada Ana Miranda, presentará unha iniciativa no Parlamento Europeo en
relación coa falta de saneamento da Ría de Ferrol, que está a provocar
situacións como a que estes días viven os mariscadores e mariscadoras da
Confraría de Barallobre.

O BNG está a apoiar
esta protesta desde o principio, con visitas continuas de membros do Consello
Local fenés e dos concelleiros e concelleiras. Ademais, o pasado sábado
recibiron a visita do deputados Bieito Lobeira e Fernando Branco, que xa están
a traballar en diversas iniciativas no Parlamento Galego. Do mesmo xeito, a
eurodeputada Ana Miranda achegouse hoxe ata Fene para apoiar as mariscadoras
e para proporlles a posibilidade de
presentar unha iniciativa ante a cámara europea en relación cos problemas de
saneamento da ría, algo que todos aceptaron de bo grao.
A patrona maior de
Barallobre, o vicepatrón, o biólogo e as mariscadoras presentes na reunión
amosáronse de acordo con Ana Miranda en sinalar a falta de saneamento como o
principal problema do sector e, polo tanto, a solución a longo prazo pasa por
apurar o remate urxente das obras das estacións depuradoras de augas residuais
da Ría de Ferrol, que acumulan varios anos de retraso e afogan ao colectivo.
Ana Miranda
informou tamén do trámite da denuncia presentada polas Confrarías ante a Unión
Europea en relación co saneamento, que se atopa preparada para entrar na orde
do día do pleno e que os propios mariscadores irán a defender en Bruxelas.
Ademais, faloulles das propostas do BNG para a negociación da reforma da
política pesqueira común en Europa, que pasan por incluír o marisqueo
sustentábel dentro das actividades que reciban fondos da Unión Europea.
luns, 2 de abril de 2012
O BNG acusa á Xunta de tentar eludir a súa responsabilidade política no incendio das Fragas do Eume
O goberno trata de reducir o acontecido a
un problema de orde pública e delincuencia cando son os recortes en prevención
e extinción os que teñen provocado esta catástrofe natural
Ocúltase información sobre as hectáreas
queimadas, xa que falan de 750 desde o sábado
Medio Rural non tiña activado nin sequera o
dispositivo anti-incendios de pre-campaña a pesar da situación meteorolóxica e
das continuas solicitudes do BNG no Parlamento
O BNG esixe un plan de recuperación urxente
e consensuado cos Concellos afectados
Monfero, 2 de
abril de 2012. A executiva comarcal do BNG de
Ferrolterra, representantes do BNG nos concellos da zona do Eume, e mailos deputados
Tereixa Paz e Fernando Branco Parga, estiveron esta mañá en Monfero para
amosar, en primeiro lugar, a súa solidariedade coa veciñanza das Fragas do Eume
e, ademais, para dar a coñecer a súa posición con respecto ao incendio neste
parque natural, que constitúe “unha catástrofe comparable á do Prestige”, en
palabras da responsábel comarcal, Mercedes Tobío.
A portavoz de Medio
Rural do BNG no Parlamento galego, Tereixa Paz, informou de que este grupo
parlamentar leva xa tempo solicitando ao goberno que active todos os medios e
brigadas do dispositivo anti-incendios dadas as circunstancias meteorolóxicas
de seca que nos afectan desde hai semanas. Porén, os distritos forestais
estaban baixo mínimos no momento do incendio das Fragas do Eume. En concreto, tal
e como asegurou Tereixa Paz, o distrito da zona afectada non contaba cos medios
económicos suficientes nin para mercar combustible para os vehículos e máquinas
encargadas dos labores preventivos.
“Os recortes en
prevención e extinción saen caros para o país”
Tereixa Paz
criticou a “ausencia total de políticas contra incendios en todos os Parques
Naturais do país”, así como a “ausencia de prevención”. Lembrou, en concreto,
que no presente orzamento da Xunta téñense reducido 22 millóns de euros en
prevención e outros 7 millóns en extinción, o que, como afirmou “está a saír
moi caro a todos os galegos e as galegas”.
Ademais, a portavoz
nacionalista de Medio Rural asegurou que o goberno pretende reducir esta
catástrofe a un problema de orde pública e de delincuencia, posto que a única
medida anunciada polo executivo de Feijoo é a do endurecemento das penas para
os pirómanos. Porén, para o BNG, estamos ante un problema derivado dunha
xestión nefasta da política anti-incendios e da prevención.
Neste sentido, a
portavoz do BNG no Concello de Monfero, Ana González, visiblemente afectada
pola catástrofe, esixiu que se depuren as responsabilidades políticas dos que
toman as decisións a respecto dos recortes en políticas anti-incendios. Así
mesmo, informou de que a zona ardida nas Fragas do Eume é a reserva integral do
parque natural, isto é, a zona de maior valor ecolóxico.
Como veciña de
Monfero, Ana González asegurou sentir “tristura, impotencia e rabia” polo que
considera unha catástrofe natural froito “da incompetencia política”. Unha mala
xestión que comeza, segundo ela, xa en 1997, coa declaración das Fragas do Eume
como parque natural sen contar coa veciñanza. Desde entón, en palabras de Ana
González, “non foron quen de involucrar á poboación no proxecto do Parque
Natural”, e que moitos consideran agora que lles “roubaron as Fragas e non
foron quen nin sequera de protexelas”.
Para a voceira
nacionalista de Monfero, é precisa unha investigación para identificar e
penalizar ás persoas que provocaron o lume, e critica duramente a falta de
medios que houbo nun primeiro momento e a falta de información sobre o avance
dos traballos, dado que a Xunta segue a falar de 750 hectáreas desde o sábado
cando o lume aínda non está extinguido.
Plan de
recuperación e depuración de responsabilidades
Nesta liña, a
portavoz parlamentar Tereixa Paz anunciou que o BNG solicitará a comparecencia
da Conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, no vindeiro pleno do 10 e 11 de
abril. Alí deberá explicar toda a xestión deste incendio e os plans que ten a
Xunta para a recuperación. Uns plans que, para o BNG, e en palabras de Ana
González, “deben ser urxentes, transparentes e contando coa opinión dos veciños
e veciñas dos Concellos afectados”.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)