Ingresa o teu e-mail e recibe de xeito automático todas as novas que imos subindo.

xoves, 29 de outubro de 2015

Juventino Trigo recibe ao presidente da Deputación Provincial

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, recibiu este mediodía ao presidente da Deputación provincial, Valentín García Formoso, na que foi a primeira visita institucional do novo mandatario provincial ao Concello de Fene.

Juventino Trigo aproveitou esta primeira toma de contacto para trasladarlle algunhas das suxestións do goberno local en relación con proxectos que levan moitos anos paralizados.

Tratouse tamén o tema do punto limpo de Vilar do Colo, proxecto mancomunado que o Concello de Fene pretende levar adiante cos Concellos de Cabanas, Ares e Mugardos.  Sobre esta cuestión, o alcalde de Fene pediu a Valentín García que a Deputación da Coruña elabore, no menor tempo posible, o informe que o Concello precisa para poder sacar adiante o proxecto e poñer en funcionamento o tan demandado punto limpo.

En Fene son varias as estradas propiedade da Deputación Provincial. O alcalde de Fene trasladou a Valentín García a necesidade de acometer a construcción de beirarruas na estrada da Armada, a continuidade da de Barallobre dende a igrexa parroquial ao Instituto ou a arteria viaria principal de Magalofes. A seguridade dos peóns está en xogo en calquera delas.

En relación cos diversos Plans Provinciais previstos para o 2016 -dos cales o Concello de Fene recibirá en torno a 340 mil euros do Plan de Acción Social e 250 mil do Plan de Obras e Servizos- falouse na xuntanza da posibilidade de que o Concello de Fene destine parte destes investimentos á renovación  de servizos e beirarrúas na Avda das Pías, dende San Valentín ao cruce de Fene.

Á marxe das obras pendentes e dos novos proxectos que o Goberno Municipal de Fene pretende abordar coa colaboración da Deputación, o alcalde de Fene expuxo ao presidente do organismo provincial a situación do naval en Fene e demandou a Valentín García un plan de acción comun do Concello coa Deputación para exixir carga de traballo para o asteleiro de Fene.

O presidente da deputación coruñesa asinou no libro de honra do concello de Fene ao remate da visita institucional.





Ningún comentario:

Publicar un comentario