Toda a actualidade do Grupo Municipal, Consello Local e Asemblea do BNG de Fene.
mércores, 4 de setembro de 2019
NOVA PÁXINA DO BNG DE FENE
A partir do 4 de setembro mudamos a actividade deste blog ao dominio http://fene.bng.gal.
sábado, 24 de agosto de 2019
martes, 2 de xullo de 2019
O BNG de Fene lamenta as autoproclamacións da Concelleira do PP Rocío Bértoa
A día dous de xullo o Concello de Fene carece de organización do goberno , nin delegacións das áreas, nin órganos colexiados constituídos, tendo unha previsión de convocatoria de Pleno de organización o vindeiro venres 5 de xullo.
Nesta situación, na que a alcaldía ten todas as competencias, vemos con asombro como a Concelleira do PP, Rocío Bértoa, se autoproclama Concelleira de Cultura nas novas que se distribúen en medios institucionais como a páxina web do Concello de Fene. Unha tomadura de pelo total de alguén que non respecta os prazos nin as normas que rexen a institución.
A falta de traballo, propostas e rigor anuncia desde xa un mandato sen seriedade nin respecto á institución e á veciñanza.
O Alcalde, Gumersindo Galego, leva dúas semanas sen dar pau á auga, sen traballar, non sendo até hoxe que fixo unha proposta de organización de comisións e pleno para nugalláns. Primeiro propón reducir as Comisións informativas de 4 a 3 e trasladándoas para a tarde do martes, cada trinta minutos. Sesións express para limitar o acceso á información e á participación da oposición e reducir o traballo do goberno.
A proposta do PP vai contar coa oposición frontal do BNG, non admitindo recortes nos dereitos á información e á participación das concelleiras e concelleiros.
venres, 14 de xuño de 2019
Resultado das reunións mantidas co PSOE en Fene
Proposta da Asemblea Local do BNG de Fene ao PSdeG-PSOE de Fene para acadar un goberno de esquerdas, plural e con obxectivos concretos.
O pasado martes 4 de xuño houbo a primeira reunión logo das eleccións do 26 de maio entre BNG e PSOE de Fene. Emprazándonos ambas organizacións a ter un segundo encontro logo de realizar sendas asembleas locais.
Logo da nosa análise dos resultados onde BNG e PSOE subimos 3 actas pasando de 7 a 10 e o goberno bipartito PP-Somos Fene pasa de 9 a 6 resulta evidente a demanda do Pobo de Fene de chegar a un acordo amplo da esquerda que supón máis do 66% do electorado fronte ao PP.
Neste contexto, no que o BNG empata a 6 actas co PP, é no que nos vemos coa responsabilidade de chegar a acordos para formar un goberno alternativo ao actual do PP. Partido incrustado na corrupción e na deriva dereitista que o leva a branquear á ultradereita, e que en Fene ten un trío dirixente á altura do peor PP.
A un ano das vindeiras eleccións autonómicas é fundamental deixar ao PP no mínimo poder local, sendo unha forza que se sustenta so no parasitismo institucional. Sendo lóxica a defensa dos intereses de cada organización sabemos que BNG e PSdeG-PSOE van ser necesarios nun cambio no goberno da Xunta, é polo que coincidimos ao cento por cento na idea de acadar o goberno das deputacións e alcaldías co apoio recíproco alí onde os números dean, sen ir máis lonxe, Ferrol, Cabanas e Fene.
No caso de Fene, o BNG solicítalle expresamente á Asemblea local do PSdeG-PSOE de Fene e ao seu futuro Grupo Municipal o apoio á investidura do candidato do BNG á alcaldía Juventino Trigo en base a un programa de goberno consensuado entre ambas organizacións.
Ademais do anterior, acordar un Programa de goberno con medidas concretas, o BNG propón ao PSdeG-PSOE unha mesa de negociación con interlocutores e calendarios consensuados para avanzar no modelo de relación que sustente a composición, os medios e a acción do goberno nos vindeiros catro anos.
Neste momento o BNG conta xa co apoio expreso de IU de Fene para a investidura do vindeiro 15 de xuño.
Proposta para o PSOE no goberno ou na oposición
Na liña dos acordos da executiva nacional do BNG propoñemos ao PSOE poñer o contador a cero e ofrecerlle, a cambio da investidura, as seguintes opcións:
· Negociar antes do 15 as liñas básicas do próximo goberno e a entrada no goberno nos seguintes 30 días.
· Distribución de áreas partindo da distribución das do último goberno facendo axustes en función de perfis, dispoñibilidade e interese político.
· Catro presidencias de comisións 2 PSOE / 2 BNG.
· Creación dunha comisión especial de remunicipalización de servizos presidida polo GM do PSOE.
· Xunta de goberno 2/2 e ver si se inclúe a IU no acordo.
No caso de que o PSdeG-PSOE decida non participar no goberno, propoñemos chegar a acordo de lexislatura en temas puntuais, sobre as grandes liñas de goberno:
· Organización: as cuestións de asignación aos grupos municipais, concelleiros e concelleiras, dedicacións.
· Urbanismo: o PXOM, desenvolvemento e revisión.
· Facenda: as modificacións de creto e os orzamentos.
· Servizos públicos: remunicipalización de servizos e distribución da auga potable . Comisión especial.
· Novos equipamentos culturais, deportivos e sociais.
· Xestión con outras administracións.
· Contratación: formar parte das mesas de contratación.
sábado, 18 de maio de 2019
O PP de Fene, incapaz de xestionar o servizo de auga e saneamento
Gumersindo Galego oculta ao BNG unha sentenza sobre a xestión da auga do alcalde nacionalista Juventino Trigo.
O actual alcalde, o popular Gumersindo Galego, foi incapaz entre 2011 e 2015 e agora dende o 6 de abril do 2018 de xestionar o servizo municipal de auga e saneamento. Existindo un contrato de concesión coa empresa Viaqua, e existindo unha prórroga que rematou en novembro pasado, que fixo o actual alcalde? O BNG na alcaldía en 2015 e 2016 decidiu non pagar un canon que como os gobernos anteriores tampouco pagaron dende 2008 polo complexo do cálculo e a falla de informes técnicos aclaratorios suficientes. A empresa reclamou e dúas ocasións, a primeira no mandato de Gumersindo Galego en 2011 e a segunda a principios do ano 2018. Na primeira a empresa reclamaba máis de 300.000€, o xulgado deulle a razón á empresa e instou ao Concello a calcular o canon a pagar. É neste punto e non outro no que o alcalde nacionalista e logo voceiro do BNG na oposición dixo que había que chegar a un acordo con Viaqua, xa que a sentenza é de obrigado cumprimento. A segunda ocasión na que reclama Viaqua é pouco antes da moción de censura, reclama porque o goberno do BNG tampouco pagou o canon en tanto non se resolvera a execución da sentenza do primeiro xuízo. Agora parece que o xulgado lle da a razón ao Concello aos impagos do goberno do BNG. Do que podemos deducir que no primeiro caso de impago algo fixeron mal os de PP para perder ese primeiro xuízo.
Gumersindo Galego minte cando afirma que Trigo quería pagar, e por outro lado so acredita a súa incapacidade de xestionar un servizo básico. No seu mandato non se estendeu a rede de auga nas zonas altas do concello nin se puxo sobre a mesa a alternativa á actual concesión prórroga. Por último reiteramos o noso mal estar polas formas deste goberno escurantista. O BNG infórmase deste asunto pola prensa e non polo alcalde que mal dirixe o Concello de Fene e que usa a institución dun xeito partidista enlamando con mentiras e falsas acusacións.
xoves, 9 de maio de 2019
COMEZA A CAMPAÑA!
Esta medianoite comeza a Campaña para as Eleccións Municipais e Europeas, o noso primeiro acto será xa mañá á mañá na Confraría de Barallobre onde acompañaremos á nosa Eurodeputada Ana Miranda ás 11 da mañá, posteriormente terá lugar unha rolda de prensa.
ESTAMOS PREPARAD@S E SAIMOS A GAÑAR!
Fene coas ideas claras, AGORA FENE.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)