Proposta da Asemblea Local do BNG de Fene ao PSdeG-PSOE de Fene para acadar un goberno de esquerdas, plural e con obxectivos concretos.
O pasado martes 4 de xuño houbo a primeira reunión logo das eleccións do 26 de maio entre BNG e PSOE de Fene. Emprazándonos ambas organizacións a ter un segundo encontro logo de realizar sendas asembleas locais.
Logo da nosa análise dos resultados onde BNG e PSOE subimos 3 actas pasando de 7 a 10 e o goberno bipartito PP-Somos Fene pasa de 9 a 6 resulta evidente a demanda do Pobo de Fene de chegar a un acordo amplo da esquerda que supón máis do 66% do electorado fronte ao PP.
Neste contexto, no que o BNG empata a 6 actas co PP, é no que nos vemos coa responsabilidade de chegar a acordos para formar un goberno alternativo ao actual do PP. Partido incrustado na corrupción e na deriva dereitista que o leva a branquear á ultradereita, e que en Fene ten un trío dirixente á altura do peor PP.
A un ano das vindeiras eleccións autonómicas é fundamental deixar ao PP no mínimo poder local, sendo unha forza que se sustenta so no parasitismo institucional. Sendo lóxica a defensa dos intereses de cada organización sabemos que BNG e PSdeG-PSOE van ser necesarios nun cambio no goberno da Xunta, é polo que coincidimos ao cento por cento na idea de acadar o goberno das deputacións e alcaldías co apoio recíproco alí onde os números dean, sen ir máis lonxe, Ferrol, Cabanas e Fene.
No caso de Fene, o BNG solicítalle expresamente á Asemblea local do PSdeG-PSOE de Fene e ao seu futuro Grupo Municipal o apoio á investidura do candidato do BNG á alcaldía Juventino Trigo en base a un programa de goberno consensuado entre ambas organizacións.
Ademais do anterior, acordar un Programa de goberno con medidas concretas, o BNG propón ao PSdeG-PSOE unha mesa de negociación con interlocutores e calendarios consensuados para avanzar no modelo de relación que sustente a composición, os medios e a acción do goberno nos vindeiros catro anos.
Neste momento o BNG conta xa co apoio expreso de IU de Fene para a investidura do vindeiro 15 de xuño.
Proposta para o PSOE no goberno ou na oposición
Na liña dos acordos da executiva nacional do BNG propoñemos ao PSOE poñer o contador a cero e ofrecerlle, a cambio da investidura, as seguintes opcións:
· Negociar antes do 15 as liñas básicas do próximo goberno e a entrada no goberno nos seguintes 30 días.
· Distribución de áreas partindo da distribución das do último goberno facendo axustes en función de perfis, dispoñibilidade e interese político.
· Catro presidencias de comisións 2 PSOE / 2 BNG.
· Creación dunha comisión especial de remunicipalización de servizos presidida polo GM do PSOE.
· Xunta de goberno 2/2 e ver si se inclúe a IU no acordo.
No caso de que o PSdeG-PSOE decida non participar no goberno, propoñemos chegar a acordo de lexislatura en temas puntuais, sobre as grandes liñas de goberno:
· Organización: as cuestións de asignación aos grupos municipais, concelleiros e concelleiras, dedicacións.
· Urbanismo: o PXOM, desenvolvemento e revisión.
· Facenda: as modificacións de creto e os orzamentos.
· Servizos públicos: remunicipalización de servizos e distribución da auga potable . Comisión especial.
· Novos equipamentos culturais, deportivos e sociais.
· Xestión con outras administracións.
· Contratación: formar parte das mesas de contratación.