martes, 17 de abril de 2012

O BNG ESÍXELLE AO ALCALDE DE FENE QUE CUMPRA CO COLECTIVO DE MARISCADORES PECHADOS NO CONCELLO


Os nacionalistas ofrecemos o noso apoio para resolver o conflicto xerado polo impago dos traballos realizados polos mariscadores e mariscadoras nos últimos 6 meses. Logo da moción aprobada por unanimidade no Pleno do xoves pasado para o BNG non é de recibo que o Alcalde non chame á Conselleira e actúe conforme se demandou no Pleno tanto polos Grupos políticos como polos propios afectados.

O Portavoz nacionalista, Manuel Polo, instou ao Alcalde a que pedise unha xuntanza coa conselleira para transmitirlle o acordo aprobado xa que os incumprimentos da Consellería do Medio Rural e Mar son tan graves que  moitas das persoas afectadas polos impagos estanse a ver nunha situación límite e non vale actuar; como fai o Alcalde, pondose de perfil e como se non fose con el. O PP é responsábel político desta desfeita e o Alcalde ten unha obriga co Pleno e cos seus veciños e veciñas.

mércores, 11 de abril de 2012

O BNG DE FENE URXE UNHA SOLUCIÓN AO PASO ELEVADO SOBRE A VÍA DO TREN EN PERLÍO


O concelleiro nacionalista Juventino Trigo  presentou por rexistro, a pasada semana, un escrito no que se recollen as demandas dos veciños/as de Perlío, principalmente dos residentes das rúas da Torre e Hortelá, no relativo ao estado da pasarela de paso sobre a vía do tren. 
Unha vez comprobado o estado da ponte elevada sobre a vía férrea que une Av. Antonia Montero con Rúa Hortelá, onde varios metros de varandilla están soltos e incluso con perigo de desprendemento, e a existencia de ocos na zona de paso, solicitamos que se proceda a inmediata reparación dos elementos mais deteriorados da ponte que supoñen un perigo inminente para os veciños e veciñas.

Desde o BNG recordamos que vai para dous anos que o Ministerio de Fomento asinou un convenio co concello de Fene para mellorar a permeabilidade da vía férrea en Perlío.

No Pleno ordinario deste xoves voltaremos a preguntar  por estas obras e a súa situación.


xoves, 5 de abril de 2012

O BNG levará a Europa a problemática dos mariscadores da Ría de Ferrol



A deputada europea, Ana Miranda, visitou onte á mañá aos membros da Confraría de Barallobre pechados no Concello de Fene desde o pasado venres

O BNG, a través da eurodeputada Ana Miranda, presentará unha iniciativa no Parlamento Europeo en relación coa falta de saneamento da Ría de Ferrol, que está a provocar situacións como a que estes días viven os mariscadores e mariscadoras da Confraría de Barallobre.

Pechados no Concello de Fene desde a noite do pasado venres, o colectivo marisqueiro reclama á Xunta de Galicia os pagamentos atrasados desde o mes de outubro polas tarefas de mantemento da Ría; uns atrasos que están a provocar en moitas familias situacións límite derivadas da imposibilidade de afrontar as facturas máis básicas (hipotecas, auga, luz, etc...). Segundo asegurou a patrona maior de Barallobre, Virginia Souto, a Conselleira do Mar púxose en contacto con ela o pasado sábado e afirmou que cobrarían os seus cartos “en dúas ou tres semanas”. Porén, ante a negativa de pór esas palabras por escrito, o colectivo decidiu seguir co peche sen que, polo de agora, tivesen ningún outro tipo de contacto coa Xunta de Galicia.

O BNG está a apoiar esta protesta desde o principio, con visitas continuas de membros do Consello Local fenés e dos concelleiros e concelleiras. Ademais, o pasado sábado recibiron a visita do deputados Bieito Lobeira e Fernando Branco, que xa están a traballar en diversas iniciativas no Parlamento Galego. Do mesmo xeito, a eurodeputada Ana Miranda achegouse hoxe ata Fene para apoiar as mariscadoras e  para proporlles a posibilidade de presentar unha iniciativa ante a cámara europea en relación cos problemas de saneamento da ría, algo que todos aceptaron de bo grao.

A patrona maior de Barallobre, o vicepatrón, o biólogo e as mariscadoras presentes na reunión amosáronse de acordo con Ana Miranda en sinalar a falta de saneamento como o principal problema do sector e, polo tanto, a solución a longo prazo pasa por apurar o remate urxente das obras das estacións depuradoras de augas residuais da Ría de Ferrol, que acumulan varios anos de retraso e afogan ao colectivo.

Ana Miranda informou tamén do trámite da denuncia presentada polas Confrarías ante a Unión Europea en relación co saneamento, que se atopa preparada para entrar na orde do día do pleno e que os propios mariscadores irán a defender en Bruxelas. Ademais, faloulles das propostas do BNG para a negociación da reforma da política pesqueira común en Europa, que pasan por incluír o marisqueo sustentábel dentro das actividades que reciban fondos da Unión Europea.

Nesta reunión estiveron presentes tamén o deputado do Parlamento Galego, Fernando Branco, a responsábel local do BNG de Fene, Digna Faraldo, a resonsábel comarcal, Mercedes Tobío, o portavoz do Grupo Municipal, Manuel Polo, e os concelleiros Juventino Trigo, Rita Couto e Inés Roca.






luns, 2 de abril de 2012

O BNG acusa á Xunta de tentar eludir a súa responsabilidade política no incendio das Fragas do Eume


O goberno trata de reducir o acontecido a un problema de orde pública e delincuencia cando son os recortes en prevención e extinción os que teñen provocado esta catástrofe natural

Ocúltase información sobre as hectáreas queimadas, xa que falan de 750 desde o sábado

Medio Rural non tiña activado nin sequera o dispositivo anti-incendios de pre-campaña a pesar da situación meteorolóxica e das continuas solicitudes do BNG no Parlamento

O BNG esixe un plan de recuperación urxente e consensuado cos Concellos afectados


Monfero, 2 de abril de 2012. A executiva comarcal do BNG de Ferrolterra, representantes do BNG nos concellos da zona do Eume, e mailos deputados Tereixa Paz e Fernando Branco Parga, estiveron esta mañá en Monfero para amosar, en primeiro lugar, a súa solidariedade coa veciñanza das Fragas do Eume e, ademais, para dar a coñecer a súa posición con respecto ao incendio neste parque natural, que constitúe “unha catástrofe comparable á do Prestige”, en palabras da responsábel comarcal, Mercedes Tobío.

A portavoz de Medio Rural do BNG no Parlamento galego, Tereixa Paz, informou de que este grupo parlamentar leva xa tempo solicitando ao goberno que active todos os medios e brigadas do dispositivo anti-incendios dadas as circunstancias meteorolóxicas de seca que nos afectan desde hai semanas. Porén, os distritos forestais estaban baixo mínimos no momento do incendio das Fragas do Eume. En concreto, tal e como asegurou Tereixa Paz, o distrito da zona afectada non contaba cos medios económicos suficientes nin para mercar combustible para os vehículos e máquinas encargadas dos labores preventivos.

“Os recortes en prevención e extinción saen caros para o país”

Tereixa Paz criticou a “ausencia total de políticas contra incendios en todos os Parques Naturais do país”, así como a “ausencia de prevención”. Lembrou, en concreto, que no presente orzamento da Xunta téñense reducido 22 millóns de euros en prevención e outros 7 millóns en extinción, o que, como afirmou “está a saír moi caro a todos os galegos e as galegas”.

Ademais, a portavoz nacionalista de Medio Rural asegurou que o goberno pretende reducir esta catástrofe a un problema de orde pública e de delincuencia, posto que a única medida anunciada polo executivo de Feijoo é a do endurecemento das penas para os pirómanos. Porén, para o BNG, estamos ante un problema derivado dunha xestión nefasta da política anti-incendios e da prevención.

Neste sentido, a portavoz do BNG no Concello de Monfero, Ana González, visiblemente afectada pola catástrofe, esixiu que se depuren as responsabilidades políticas dos que toman as decisións a respecto dos recortes en políticas anti-incendios. Así mesmo, informou de que a zona ardida nas Fragas do Eume é a reserva integral do parque natural, isto é, a zona de maior valor ecolóxico.

Como veciña de Monfero, Ana González asegurou sentir “tristura, impotencia e rabia” polo que considera unha catástrofe natural froito “da incompetencia política”. Unha mala xestión que comeza, segundo ela, xa en 1997, coa declaración das Fragas do Eume como parque natural sen contar coa veciñanza. Desde entón, en palabras de Ana González, “non foron quen de involucrar á poboación no proxecto do Parque Natural”, e que moitos consideran agora que lles “roubaron as Fragas e non foron quen nin sequera de protexelas”.

Para a voceira nacionalista de Monfero, é precisa unha investigación para identificar e penalizar ás persoas que provocaron o lume, e critica duramente a falta de medios que houbo nun primeiro momento e a falta de información sobre o avance dos traballos, dado que a Xunta segue a falar de 750 hectáreas desde o sábado cando o lume aínda non está extinguido.

Plan de recuperación e depuración de responsabilidades

Nesta liña, a portavoz parlamentar Tereixa Paz anunciou que o BNG solicitará a comparecencia da Conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, no vindeiro pleno do 10 e 11 de abril. Alí deberá explicar toda a xestión deste incendio e os plans que ten a Xunta para a recuperación. Uns plans que, para o BNG, e en palabras de Ana González, “deben ser urxentes, transparentes e contando coa opinión dos veciños e veciñas dos Concellos afectados”.



domingo, 1 de abril de 2012

O BNG de Fene apoia as reivindicacións das mariscadoras de Barallobre


O colectivo de mariscadoras e mariscadores da Confraría de Barallobre continúa o peche no Concello de Fene comezado na noite do venres ao sábado. Reclaman, en primeiro termo, que se lles abonen os pagos que lles corresponden polos traballos de mantemento, pendentes dende o mes de novembro, cando o Parlamento Galego aprobou unha Proposición non de Lei presentada polo BNG na que se aseguraban estes pagamentos.

En segundo lugar, o colectivo reclama que se realicen dunha vez os necesarios traballos de rexeneración da Ría, limpeza e sobre todo, axilización das obras para a posta en marcha das estacións depuradoras de augas residuais, que acumulan un atraso inasumíbel.

Membros da Asemblea Local do BNG de Fene expresaron persoalmente o seu apoio ás mariscadoras achegándose ata o Concello durante o día e a noite de onte, e o seguirán a facer mentres dure o peche. Así mesmo, a Responsábel Comarcal do BNG de Ferrolterra, Mercedes Tobío, e mailos deputados autonómicos Fernando Branco e Bieito Lobeira, estiveron onte en Fene para secundar as reivindicacións do colectivo.