martes, 21 de outubro de 2014

O BNG de Fene rexeita a caza de xabarís con arcos por populista e ineficaz


As queixas da presenza de xabarís  son recorrentes nos últimos tempos na zona da ría do noso concello dende Maniños a Perlío. O GM do BNG no concello de Fene a través do seu portavoz Juventino Trigo trasladou reiteradamente este problema ao alcalde popular. A solución acordada polo Alcalde e a Xunta de Galicia de autorizar que arqueiros se aposten a agardar á xunta da noite a circulación destes animais para matalos é unha medida populista e ineficaz que carecede garantías, eficacia e que pode introducir inseguridade entre a veciñanza da zona.

As medidas que se deben adoptar con urxencia desde o concello son as que pasan pola redución o máximo posíbel dos hábitats do xabaril na zona urbana. Estas medidas pasaría pola limpeza das instalacións de Navantia Fene, a vía do tren e a súa contorna, o borde costeiro, as beiras de ríos, así como a limpeza de fincas privadas en estado de abandono.

Paralelamente  Medio ambiente da Xunta de Galicia debería avaliar o número de xabarís existentes na zona e tomar as medidas oportunas.

domingo, 21 de setembro de 2014

Asemblea Aberta este mércores en Fene

O BNG de Fene chama a toda a cidadanía a participar na Asemblea Aberta de Perlío


Dentro do proceso de Asembleas Abertas que o BNG está a realizar por todo o país, os nacionalistas de Fene convocan a todos os veciños e veciñas a participaren neste foro, que terá lugar o vindeiro mércores 24, ás 20 horas, na praza da Asociación de Veciños de Perlío. Como é habitual, será presentado e moderado por un militante de base da localidade e ten como obxectivo a participación de cantas máis voces,  movementos e colectivos, mellor.

Porque o desafío que emprendemos desde o BNG necesita do compromiso e da participación popular, precisa de moitas mulleres e homes, mozas e mozos orgullosos da súa condición de galegas e galegos.

Máis que nunca, é tempo de sumarmos esforzos, de comprometérmonos persoal e colectivamente e de xerarmos ilusión no afianzamento do proxecto de ruptura e transformación social que o nacionalismo representa na Galiza. Queremos mudalo todo, e mudalo desde nós, para construírmos futuro.

luns, 8 de setembro de 2014

DISCURSO DE JUVENTINO TRIGO NO ACTO DE HOMENAXE A PANCHO ALLEGUE FENE, 7 DE SETEMBRO DE 2014

Bo día.

Alicia e máis Rita xa describiron perfectamente a figura de Pancho e destacaron moitas das súas mellores virtudes, e pouco ou nada queda por dicir do seu extenso traballo en favor da cidadanía. Moito se ten falado, escrito e documentado sobre el, o cal indica o valioso que foi como persoa e como político, e indica tamén que, cando menos, toda a súa loita mereceu a pena. 

Juventino Trigo, portavoz do grupo municipal do BNG
Non é que melloraran moito as cousas nestes últimos nove anos, de feito empeoraron bastante, pero o seu traballo mereceu a pena porque agora, os que nos toca vivir esta situación temos un referente ao que seguir. 

En moitas ocasións teño pensado qué diría Pancho, ou qué faría Pancho se estivese aquí vendo como, cando estamos chegando ao final do veto de ASTANO, que non se levantou antes dos 10 anos por moito que insistimos os do Bloque, non hai ningún proxecto de barco para construír, non hai ninguén traballando para que vexamos unha quilla no dique, nin hai ganas de facer nada por remediar esta situación. Nin os sindicatos do poder, nin os partidos do poder... ninguén fai nada. Iso si, La Voz de Galicia saca un titular en portada e a toda páxina dicindo que Bruxelas confirma que o final do veto será o 1 de xaneiro de 2015, coma se iso fose un notición!, coma se non  o soubéramos desde hai 10 anos! E o caso é que moita xente segue picando e toma ese titular coma se fose unha novidade e unha boa noticia antes descoñecida...!!

Rita Couto, concelleira do BNG en Fene
En fin, eu penso que Pancho estaría tan indignado como calquera de nós, e que sacaría as pancartas de levantamento do veto e carga de traballo sempre que tivera ocasión, como facemos nós, e que faría todo o que estivese na súa man para instar aos poderes a que reaccionaran, e tamén aos traballadores e traballadoras, e á sociedade en xeral de toda Galiza, como facemos desde todos os lugares nos que o BNG ten representación. Porque Pancho, ante todo, pensaba sempre en clave de país, en clave galega, en clave nacionalista. Pancho sabía, como sabemos nós, que os problemas de Galiza só podemos resolvelos dende Galiza, que ninguén vai vir de fóra a mellorar as nosas vidas, e que a mellor arma contra as crises, contra os recortes, contra as inxustizas sociais, é o nacionalismo. E ese nacionalismo, entendido como a facultade de crer en nós mesmos, nas nosas potencialidades, é o que nos vai permitir seguir existindo como pobo. O único que loita, loitou sempre e loitará pola posta en valor da nosa lingua, da nosa cultura; pero tamén dos nosos recursos produtivos, da nosa economía, das nosas materias primas. E figuras como a de Pancho Allegue se suman á lista de referentes históricos cos que contamos os que traballamos hoxe baixo o paraugas do nacionalismo galego, e para nós, para o BNG, e para min mesmo, é unha honra poder dicir que temos como exemplo a Pancho á hora de tomar as nosas decisións máis importantes.

Alicia Martínez, ex concelleira do BNG
Só agardo que o que nos queda por facer, tanto en Fene coma en todo o país, siga tomando exemplo de referentes coma Pancho, que soubo trasladar as súas conviccións cun amplo consenso de toda a sociedade, cando menos aquí en Fene, onde unha inmensa maioría, aínda que non o coñecera persoalmente, o recorda con agarimo.


Por todo isto, aínda que a día de hoxe non están logrados os obxectivos de Pancho nin os do nacionalismo en xeral, teño que reiterar que o seu traballo, coma o de todos os nacionalistas, máis que nunca, paga a pena.

Moitas grazas.



mércores, 3 de setembro de 2014

Homenaxe a Pancho Allegue



O BNG de Fene organiza, como cada ano, un acto de homenaxe a Pancho Allegue. No noveno aniversario do seu falecemento convidámosvos a esta lembranza que terá lugar, como é habitual, ao pé do monumento dedicado á súa memoria no Parque de Castelao, o vindeiro domingo, 7 de setembro, ás 12 mañá.














luns, 11 de agosto de 2014

FENE SEN AUGA, RESPONSÁBEL O ALCALDE

O BNG de Fene lamenta que en pleno fin de semana varios milleiros de veciño e veciñas de Fene quedasen sen auga da traída. A falta de atención do alcalde popular Gumersindo Galego á proposta reiterada do portavoz nacionalista Juventino Trigo de que se repoña a tubería das Avenida das Pías foi a causa deste problema.

Como é coñecido o concello de Fene ten reposto as tuberías de fibrocemento antigas quedando so por substituír a Avd. das Pías polas dúas marxes dende a factoría naval ao cruce de Fene. Os cortes se subministro son cada vez máis frecuentes nesta zona debido precisamente á atiguedade da tubería.

As obras están valoradas polo goberno local en máis de 200.000 € e esta foi a razón de non querer acometela. Os nacionalistas incluso propuxemos facela en fases para non investir todo un Plan provincial nesta obra. Os populares que desbotaron a proposta do BNG, agora terán que explicarlle aos veciños e aos negocios como se vive e traballa nunha zona urbana cun servizo de auga interrompido na fin de semana.

Segundo o portavoz nacionalista Juventino Trigo "non é de recibo estar sen auga non tempos que corren cando se coñecía o problema e había cartos para acometela, por isto no BNG reiteraremos a necesidade de ir facendo esta reposición"


luns, 7 de xullo de 2014

O PP FAI TRAMPA COS ORZAMENTOS MUNICIPAIS


Grazas á última reforma da administración local impulsada polo PP a Xunta de Goberno dos concellos poden aprobar os orzamentos, retirándose unha competencia máis ao Pleno.


·O BNG votou non ao “paripé” do alcalde de levar uns orzamentos a Pleno que xa sabía que ía a aprobar na Xunta de Goberno onde non está a oposición.
·O PP levou ao Pleno de xullo uns orzamentos municipais tramposos. En si mesmo o documento era malo. Sóbense impostos e se rebaixan investimentos e servizos públicos.
·O PP incrementou os gastos correntes, moitos deles xa executados, que favorecen as contratacións irregulares de empresas e persoas.




Falta proxecto de concello, e sobre todo estes orzamentos non atacan o principal problema de Fene, o desemprego e a falla de actividade ecconómica.