domingo, 18 de outubro de 2015

O PLENO DO CONCELLO DE FENE APROBA O ORZAMENTO PARA 2015

Nunha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Fene, celebrada o pasado 15 de outubro, foron aprobados dous asuntos de gran importancia económica. Estes acordos veñen a normalizar unha situación de falta de xestión das contas que impedían cumprir coas normas económico finacieiras impostas polo goberno central en 2012 aos concellos, asemade permite  pagar facturas pendentes e dotar de orzamento áreas que xa o tiñan esgotado.

Por unha banda o Pleno aprobou o orzamento 2015 co voto favorábel do goberno conformado polo BNG, PSOE e SF, como non podía ser doutro xeito o proxecto económico tamén contou co apoio do PP xa que fundamentalmente se tratou de aprobar o gasto executado polos populares.



Este orzamento é un arranxo dunha situación de caos xerada por un PP que ata maio deste ano gastou por riba do propio orzamento prorrogado de 2014 deixando gasto sen consignación orzamentaria. 

O orzamento descende lixeiramente con respecto a 2014 pasando de  10.927.183,02 € a 10.731.643,27 debido a que o goberno de Gumersindo Galego (PP) no ano 2014 aprobou un orzamento no que incluía uns 400.000 € de ingresos pola taxa de uso da EDAR que finalmente non implantaron por un cálculo puramente electoral. A ausencia deste ingreso veu a descadrar máis o orzamento prorrogado neste ano 2015. 

Para o goberno local este é un primeiro paso para avanzar en políticas a favor dos veciños deixando atrás o caciquismo e a xestión irresponsable, no ano 2014 o PP aprobou o orzamento na Xunta de goberno local sen contar por primeira vez na historia da democracia coa aprobación do Pleno. En palabras do alcalde Juventino Trigo “fixeron o que quixeron e fixerono mal”.

O segundo asunto aprobado foi unha modificación de creto de 62143,40 € para pagar as facturas pendentes do ano 2014, este asunto levouse a Pleno para evitar un prexuizo maior ás empresas que realizaron os traballos. Este punto, non exento de polémica, foi apoiado polos portavoces dos grupos que conforman o goberno e polo grupo municipal do PP. A razón desta postura, obrigar aos resposables das contratacións irregulares a aprobalas no Pleno. Con esta medida evítanse posibles reclamacións de cobro por vía xudicial e se zanxa unha polémica que as urnas dende maio tamén refrendaron.

Con estas accións o goberno de Fene comeza a xestionar axeitadamente, quedando aínda pendentes de pago facturas de obras electoralistas e sen partida orzamentaria por valor aproximado de 400.000 € que se afrontarán nos vindeiros meses.





venres, 18 de setembro de 2015

DISCURSO DE JUVENTINO TRIGO NO ACTO DE HOMENAXE A PANCHO ALLEGUE FENE, 6 DE SETEMBRO DE 2014

Bo día,

O ano pasado dicía eu aquí, neste mesmo escenario, que o traballo de Pancho e dos nacionalistas coma el, pagaba a pena, porque aínda que non se tiñan logrado todos os obxectivos, si se avanzaba na loita polo noso, polo país. Hoxe teño que reiterarme nesa afirmación, dado que o traballo constante e continuado durante os últimos anos fixo que a sociedade de Fene devolvese á alcaldía ao Bloque Nacionalista Galego, algo do que Pancho, como xa dixo a miña compañeira, estaría moi orgulloso.

Agora toca devolver a Fene ese lugar de vangarda no que o deixou Pancho e o seu equipo, e se cabe, tamén melloralo, adaptándoo aos tempos de hoxe e á sociedade actual, que en dez anos ten cambiado en moitos aspectos. Devolverlle o prestixio das escolas obradoiro, devolverlle a excelencia nos servizos sociais, facer que sexa de novo un exemplo a seguir na defensa da lingua e da nosa cultura, erradicar as políticas de favores e favoritismos, coidar as nosas escolas públicas, favorecer o crecemento do emprego de xeito transparente e sen amiguismos, etc.

Como sabedes, moitas destas cousas xa se están a facer, e se están a facer xa porque en Fene non é difícil, e non é difícil porque xa se ten feito, e se ten feito grazas a concelleiros e concelleiras nacionalistas como Pancho Allegue, que entre outros moitos méritos, ten o de sentar as bases en Fene dun xeito de facer política diferente ao dos poderes establecidos, centrado nas persoas e no seu benestar por riba de todo. Política con maiúsculas, dedicando a súa vida ao pobo a cambio de nada, poñendo incluso cartos do seu peto para moitas loitas. Un político que de seguro sentiría noxo ao ver os niveis de corrupción da política actual, tanto da política “de altura” como de algúns alcaldes e concelleiros de pobos non moi distintos ao de Fene. E un político que de seguro non aceptaría hoxe ningún tipo de lección sobre “como facer política para as persoas”, ou sobre “como traballar para o pobo”, porque é o que fixo durante toda a súa vida. 

Pancho foi concelleiro do goberno de Fene durante 18 anos, e 18 anos dan para moito, incluso para estar cansado. Porén, el non estaba cansado de ser concelleiro, e neses 18 anos, nunca perdeu as forzas -cando menos publicamente-. Soubo adaptarse a todos os tempos que lle tocou vivir, e sempre estivo disposto a loitar polo país, por Fene e polo que para el era de xustiza: o noso sector naval, as condicións laborais dos traballadores, a creación de emprego, a formación da xente nova...

Non é fácil estar 18 anos nun posto de responsabilidade e non deixar ningunha lembranza negativa, pero el conseguiuno. Pancho deixou pegada, por suposto que si, pero unha pegada de éxitos, de traballo e de esforzo. 

Sempre digo, nos anos que levo participando desta homenaxe, que Pancho é o mellor exemplo a seguir para os que agora somos concelleiros e concelleiras do BNG de Fene. Nesta ocasión, como alcalde, volvo dicir o mesmo e se cabe con máis forza. É un orgullo, ademais dunha gran sorte, contar coa figura de Pancho para tela en conta á hora de tomar decisións, para tomala como exemplo de loita incansable cando fallan as forzas, e para tela presente á hora de facer política para as persoas, como el fixo sempre.

Persoas coma Pancho, nacionalistas de pro, defensores a ultranza de Galiza e do galego, da lingua, da cultura, do noso medio natural e dos nosos sectores produtivos, son as que fan que sigamos a existir como pobo, que sigamos sendo nós e que a nosa voz se escoite, aínda que non tan alto como moitos quixéramos, máis alá das nosas fronteiras.

Por isto, o traballo de persoas como Pancho transcende máis alá da vida e da morte e convértese nun legado de valor incalculable que no presente podemos e debemos aproveitar ao máximo, sobre todo, quenes temos responsabilidades de cara á cidadanía.

Nada máis e moitas grazas.







venres, 4 de setembro de 2015

O BNG de Fene organiza unha homenaxe a Pacho Allegue polo décimo aniversario do seu pasamento

O Concello participa do evento de xeito institucional, e contarase coa presenza da deputada europea do BNG, Ana Miranda



Como cada ano, o Bloque Nacionalista Galego de Fene organiza unha homenaxe a Pancho Allegue polo aniversario da súa morte, o 4 de setembro de 2005. Nesta ocasión, cumpríndose dez anos daquela data, e con novo alcalde do BNG, o Concello participa de xeito institucional na homenaxe cunha ofrenda floral.

O acto desenvolverase o vindeiro domingo, 6 de setembro, ás 12 horas, no Parque Castelao de Fene, ao pé do monolito dedicado á memoria de Pancho Allegue, e está convidada toda a corporación municipal, así coma o tecido asociativo do Concello. Ademais, estará presente a eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

Pancho Allegue fora concelleiro do goberno nacionalista de Fene presidido por Xosé María Rivera Arnoso durante 18 anos, destacando sobre todo pola súa loita sindical no sector naval e pola creación e posta en marcha das escolas obradoiro e talleres ocupacionais no Concello, que foron pioneiros e destacados en toda Galiza. 

Finou de xeito repentino, por mor dunha parada cardíaca, o 4 de setembro de 2005, con 46 anos de idade.





xoves, 27 de agosto de 2015

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, rexeita o convite de Navantia para asistir á botadura de mañá por considerala propagandística


 O Alcalde de Fene esíxelle a Navantia e ao goberno do PP tanto na Xunta como en Madrid carga de traballo para o estaleiro de Fene. Ademais para o edil nacionalista é preciso dotalo de persoal de dirección e operarios para desenvolver traballos de todo tipo comezando pola construción naval convencional unha vez que o veto pactado entre o goberno español e a UE ten rematado o pasado 1 de xaneiro. Este veto segue na práctica tal e como ten denunciado o Consello Comarcal do BNG. O PP está deixando morrer o sector naval na ría mantendo un nivel de ocupación baixísimo.

Para Juventino Trigo a decisión de Navantia de facer os últimos encargos de buques nos estaleiros de Cádiz e ter relegada a antiga ASTANO a un papel secundario é totalmente lamentábel. A comarca de Ferrol e Fene en concreto precisan de traballo para a xente e menos propaganda.

O Alcalde nacionalista lamenta que nos últimos anos todos os anuncios preelectorais, tal e como foron os floteis encargados por Pemex ou o buque de acción marítima (BAM), son traballos de pouquísima relevancia tendo en conta o potencial construtor de Navantia na ría e foron cortinas de fume nos que apenas se materializaron postos de traballo reais ademais de propiciar a desaparición de empresas locais especializadas nos traballos auxiliares.

Por último o Alcalde de Fene reclama máis unha vez a articulación dun Complexo Integral do Naval na ria de Ferrol, aberto a todos os ámbitos de produción: civil, bens de equipo, reparacións, militar...A concreción de carga de traballo, a construción do dique flotante e a posta en marcha de medidas (técnicas, de xestión e produción) para permitir a plena rendibilidade do centro de Fene serían o punto de partida nesa estratexia.




 
 
 
 
 

luns, 24 de agosto de 2015

Corte de auga o martes 25 de agosto

O Concello de Fene informa aos veciños e veciñas que o vindeiro martes 25 de agosto, en horario de 08.00 a 15.00 horas, por mor das obras de mellora na rede municipal de abastecemento de auga potable, verase interrompido este servizo.


Estas obras, realizadas polo propio concello, están incluídas na "Renovación de servizos e pavimentos na Avda. das Pías (estrada FE-14) Fase 2 (marxe dereita)".

As rúas afectadas, serán:


Avda. Naturais
Tras do Cádavo
Porta do Sol
Avda. Conces
Vista Alegre
Camiño do Sartego
Fonte do Campo
Casavella
Casanova
Mundín
Formosende ata Travesía da Costeira
Porta do Río
Sixto Mauriz (dende Porta do Sol ata a Autoestrada)





venres, 10 de xullo de 2015

Bando do alcalde con motivo da conmemoración do Día da Patria Galega

BANDO

Veciñas e veciños de Fene, persoas que vivides e traballades nas oito parroquias que conforman o noso Concello:


Diríxome a vós nestas dastas nas que nos achegamos a un novo 25 de xullo, xornada na que conmemoramos o “Día da Patria Galega", por dicilo coas palabras que Castelao pronunciou aló polo ano 1948, na cidade de Bos Aires.

Unha xornada de festa, mais tamén de reivindicación do país, tal e como proclamaron aló polo 1919 as Irmandades da Fala ao escoller o 25 de xullo como data de lembranza da nosa Patria.


Porque, mais unha vez, o 25 de xullo manifestaremos que Galiza non é unha vivencia abstracta. A patria galega formámola as mulleres e os homes que, dende hai séculos, temos a conciencia e o orgullo de pertencer a un pobo e a unha terra cunha fala de noso.

Unha comunidade que aspira a ser dona dos seus destinos, a exercer o seu dereito a decidir onde e como investir, de que xeito protexer os seus sinais de identidade ou como imos aproveitar os nosos recursos para garantirlle ás novas xeracións un futuro digno na nosa terra.

Patria que construímos todos os días falando en galego, tentando mellorar as condicións de vida da nosa veciñanza, coidando o medio ambiente ou non perdendo a perspectiva que, antes ca nós, houbo mulleres e homes que sementaron o que hoxe somos.

Pobo que recoñece e festexa os seus símbolos, máxime na súa “festa maior”, e que os nosos devanceiros desexaban ollar como un país en azul e branco, polo que vos aninamos pendurar a nosa bandeira nas rúas, fenestras e balcóns.

Terra para a que temos que soñar o noso mañá porque, en versos de Manuel María:



“Galicia somos nós:

a xente e maila fala.

¡Se buscas a Galicia

en ti tes que atopala!”






Fene, 10 de xullo de 2015





mércores, 1 de xullo de 2015

Fene organiza o seu goberno baixo a fórmula do tripartito

BNG, PSOE e Somos Fene veñen de chegar a un acordo para a organización do goberno tripartito. Un acordo que será referendado polo pleno municipal que será convocado para os próximos días. Non hai cambios no orzamento destinado ás dedicacións dos concelleiros/as, manténdose as dúas que había no anterior mandato; unha delas recae na alcaldía e outra no grupo municipal do Partido Socialista, e poderán distribuíla en exclusividade ou parcialidade entre os membros do seu grupo.

En canto ás delegacións de áreas, o Bloque Nacionalista Galego, ademais da alcaldía, encargaráse de Facenda, Urbanismo, Patrimonio, Vivenda, Persoal, Seguridade, Medio Ambiente, Formación e Emprego. Os edís do Partido Socialista levarán ás áreas de Cultura, Educación, Obras, Servizos, Igualdade e Servizos Sociais. Somos Fene ocuparáse de Promoción Económica, Xuventude, Deportes, Participación Cidadá, Transparencia e Comunicación.

Formarán a xunta local de goberno o alcalde Juventino Trigo, o socialista Antón Noceda, Xoan Manuel Rodriguez Bastida de Somos Fene, Sandra Permui do BNG e outro membro do PSOE aínda por decidir. 

O acordo alcanzado vai ser revisado de xeito semestral a través dunha comisión de seguimento na que estarán presentes os tres grupos, e que poderá ser convocada por calquera deles e en calquera momento.