xoves, 19 de maio de 2016

Os trámites para a limpeza da RUBBER inciados en 2014 culmirán a finais deste ano segundo a Consellería de Medio Ambiente

O BNG de Fene celebra que se axilice o proceso de retirada de pneumáticos da antiga RUBBER, que conta cun expediente aberto e en tramitación desde principios do ano 2014




Unha actuación de oficio por parte da policía autonómica a comezos de 2014 supuxo o inicio das actuacións administrativas para a retirada dos residuos da vella industria de recauchutados. Foi entón cando desde o Concello se iniciaron os contactos coa Consellería de Medio Ambiente que, asumindo as súas competencias, comezaba os trámites pertinentes, que teñen previsto rematar neste mesmo ano. 

De todos xeitos, e dada a alarma social creada tralo incendio de Seseña, o alcalde, Juventino Trigo, vén de solicitar unha reunión coa Consellería para coñecer de primeira man o avance dos traballos.



Mentiras e oportunismo

O BNG de Fene quere desmentir acusacións de membros de novas formacións, inexistentes en Fene no momento no que comezaron os trámites de retirada dos residuos, de que o Concello dá “a calada por resposta”, xa que a solicitude destes grupos para acceder ao expediente completo do asunto foi estimada e contestada menos dun mes despois da entrada en rexistro da mesma (o 29 de xullo de 2015). Polo tanto, son perfectamente coñecedores de todas as actuacións realizadas e dos pasos previstos a dar ata a retirada final dos pneumáticos.  Ademais, membros destas novas formacións que agora critican que se permitira a instalación dunha fábrica deste tipo preto do centro urbano foron directamente responsables, no seu día, da concesión desta licenza.

O BNG de Fene lamenta a pobreza argumental e mentireira destes grupos e agarda que o problema latente da antiga RUBBER se solucione o antes posible.







martes, 26 de abril de 2016

Asemblea Aberta en Fene


Este xoves, día 28 de abril ás 19 horas no local da Asemblea do BNG de Fene terá lugar unha asemblea aberta a toda a veciñanza de Fene e arredores englobada dentro do proceso "Adiante" que se está a facer en todo o país e que ten un dobre obxectivo: 

Por unha banda, iniciar, desenvolver e culminar o debate sobre a refundación do nacionalismo galego aprobado na XV Asemblea Nacional do BNG baixo a premisa de reactivar, reactualizar, reforzar e relanzar o proxecto nacionalista en Galiza. 

Por outra, que o proceso, ademais dun medio, sexa un fin en si propio que serva para dinamizar o funcionamento interno do BNG, motivar, reconectar e reilusionar o conxunto da militancia e poder incorporar homes e mulleres que, sen militaren na organización, comparten connosco a necesidade de que exista na Galiza unha expresión política propia nacionalista. Ademais debe ser unha oportunidade para demostrar -unha vez máis- que o BNG non ten parangón en termos de pluralidade de ideas, debate interno, asemblearismo e funcionamento democrático.

Acude e convida a quen consideres... ADIANTE!





luns, 11 de abril de 2016

Visita do Presidente da Xunta de Galiza ás escolas infantís do Concello




Discurso de recibimento e demandas do Alcalde de Fene, Juventino Trigo ante o Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijoó na súa visita ás escolas infantís do Concello:



"Como alcalde de Fene e en nome da Corporación Municipal que represento, quero dar a benvida e agradecer en primeiro lugar a visita que hoxe realiza a Fene o Señor presidente da Xunta de Galiza, D. Alberto Núñez Feijoo. 

Sr. Presidente; como vostede comprenderá, os alcaldes temos a obriga de pedir, reclamar e xestionar; e neste momento, como vostede mismo apreciará, necesitamos a urbanización da Estrada do Ramo, dependente da Xunta, para favorecer o acceso a toda esta zona dotacional do Ramo. 

Urxe a posta en marcha polo Consorcio da escola infantil do Carril prevista para setembro 2016; e polo tanto necesitamos sentarnos a falar coa Consellería da xestión desta nova escola, e solucionar o contencioso relativo aos gastos para a xestión da Escola Infantil de Perlío.

E por suposto, para encher estas escolas fan falla nenos e nenas, e para iso ten que haber emprego, algo tan escaso na nosa comarca; polo que lle pedimos un esforzo máximo nese cometido. 

Moitas Grazas."

























domingo, 20 de marzo de 2016

O BNG de Fene renovou o seu Consello Local

Con algunha nova incorporación e renovando a confianza para a dirección na persoa de Digna Faraldo, o novo Consello Local foi elixido en asemblea de militantes na tarde do pasado xoves, 18 de marzo, por unanimidade de votos dos e das asistentes. Nos primeiros minutos da súa elección, o novo órgano de dirección local do BNG xa asumiu como principal e inmediata a tarefa de servir de apoio ao grupo de concelleiros e concelleiras que forman parte do goberno do Concello, comezando por facer unha rolda de reunións coas sociedades e asociacións de Fene, tal e como o BNG vén facendo de xeito habitual pero, nesta ocasión, se cabe, con máis razón de ser, dada a responsabilidade actual do Bloque no Concello.


O novo Consello Local do BNG de Fene queda composto polas seguintes persoas:

Digna Faraldo, Cristina García, Luis Seijo, Sandra Permuy, Alberto Maceiras, Ledicia Trillo, Manuel Polo e Xesús Cea. Como suplentes, Xosé Antonio García e Rita Couto, e como membros “por dereito” pola súa condición de concelleiros/as, Juventino Trigo, Mariela Aguilar e Justo Martínez-Ardá. Ademais, Néstor Fernández continúa no órgano como representante de Galiza Nova. 






luns, 14 de marzo de 2016

Avanzan os traballos do obradoiro de emprego “INICIA” que se desenvolve en Fene

A Concelleira de Formación e Emprego, Sandra Permuy, realizou unha visita esta mañá aos traballos que realiza no Concello de Fene o alumnado do Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil “INICIA”, das especialidades de “Pintura industrial en construcción” e “Fabricación e montaxe de instalacións de tubería industrial”. En concreto, ramataron xa o pintado exterior da A.VV. Santo Samarco na parroquia de Sillobre e, actualmente, están coa colocación dos pasamáns das escaleiras de baixada do Colexio do Ramo, en Barallobre. A concelleira estivo acompañada pola directora do Obradoiro, Mª Carmen Yáñez, quen lle explicou in situ o progreso das actuacións.



O Obradoiro de Emprego “INICIA” foi concedido pola Consellería de Economía, Industria e Emprego, e desenvólvese a través dun convenio de colaboración entre os Concellos de Fene, Ares e Cabanas. Comenzou o 30 de setembro de 2015 e remata as súas actuacións o vindeiro 29 de marzo. Está integrado por 28 alumnos e alumnas (17 de Fene, 8 de Ares e 3 de Cabanas), unha directora, tres docentes das especialidades, unha docente de ensino básico e unha docente de formación empresarial.



xoves, 18 de febreiro de 2016

O goberno de Fene propón á Deputación varios proxectos de seguridade viaria en estradas provinciais

O responsable de infraestruturas viarias e varios técnicos visitaron a estrada da Armada

 e zonas de Barallobre e Magalofes


O goberno local de Fene recibiu na mañá de onte ao responsable provincial de Intraestruturas viarias, vías e obras provinciais e Medio Ambiente, José Manuel Pequeño. A cita tivo como obxectivo facer entrega de expedientes, memorias e proxectos elaborados polo goberno municipal e considerados como de alto interese para o municipio, como é a habilitación dunha senda peonil na estrada da Armada (Maniños), outra en Magalofes desde a igrexa ao local social e unha máis desde os institutos de Barallobre e ata o cemiterio municipal. Isto permitiría o tránsito de peóns de xeito seguro nestas zonas, onde o paso a pé é moi frecuente. Ademais, na contorna dos institutos tamén se proxecta a mellora da seguridade viaria con nova sinalización lumínica e pasos de peóns elevados.

O alcalde, Juventino Trigo, o tenente alcalde e concelleiro de servizos, Antón Noceda, e a concelleira de Tráfico e Seguridade Viaria, Sandra Permuy, acompañaron a José Manuel Pequeño e aos técnicos nunha visita ás tres zonas, onde puideron comprobar de primeira man a necesidade de acometer estas obras. De feito, segundo declarou o alcalde “amosaron moi boa disposición e actitude activa de colaboración”. Polo tanto, Juventino Trigo agarda “que poidan comezar moi pronto con algunha destas obras, todas elas vellas demandas veciñais e moi necesarias para garantir a seguridade das persoas que camiñan por estes lugares”.


Plans Provinciais ao día

Estas obras, a realizar de xeito directo pola Deputación, completaranse cos plans provinciais a executar polo Concello, que xa están a ser consensuados coas sociedades e listos para ser presentados e aprobados. Polo tanto, en palabras do alcalde “o actual goberno ten os plans provinciais de 2015 executados e moi avanzado o proxecto para 2016, o cal significa que estamos ao día na realización destas obras, a pesar do que queira dar a entender o Partido Popular, que o único que fai é falar do pasado”.




martes, 16 de febreiro de 2016

Medio Ambiente proxecta a construción dunha área recreativa con parque para cans en San Valentín

A concellería de Medio Ambiente de Fene traballa xa na posta en marcha dunha grande área recreativa a carón da praia de San Valentín. Contará con zona de barbacoas e mesas, parque infantil e biosaudable e máis un parque para cans, o primeiro que existirá no municipio fenés.

Trátase dun proxecto a realizar en dúas fases, cun orzamento total de 125.000 euros, e a primeira delas dará comezo antes do verán. A concelleira de Medio Ambiente, Mariela Aguilar, sinala que “se trata dun proxecto consensuado co tecido asociativo de San Valentín”, e que “vai contribuir ao obxectivo programático do goberno de construir un municipio do século XXI”.


Mariela Aguilar
Concelleira de Medio Ambiente


O temporal pasa por Perlío sen inundacións do río Cádavo

Por outra banda, as xestións da concellería de Medio Ambiente para evitar as constantes inundacións do río Cádavo en Perlío resultaron efectivas nesta ocasión, dado que a limpeza do cauce conseguiu que o último temporal de auga pasara pola localidade sen provocar inundación ninguna.