O pasado 18 de outubro de 2012 saía publicado no DOG o o procedemento de delimitación do Camiño de Santiago Inglés. O prazo de presentacións de alegacións foi de dous meses, rematando no día de hoxe.
O BNG nos concellos de Cabanas e Fene a través dos seus representantes Xosé Manuel Golpe Acuña e Digna Faraldo Purriños presentaron no día de hoxe alegacións á delimitación do Camiño ao paso polos dous municipios.
Os nacionalistas presentan alegacións en dous sentidos:
1º.- Con respecto ás delimitacións, en toda a lonxitude da traza proposta existen delimitacións moi variables na súa largura entre 100 e 500 metros aproximadamente, este feito parece discrecional e sen criterio técnico. A maioría desta traza do camiño en Fene e Cabanas é desde o punto de vista urbanístico solo urbano, as delimitacións do camiño deberían limitarse aos 30 metros a cada lado do camiño co obxectivo de reducir a burocracia. No solo urbano residencial de Fene a ocupación da zona de delimitacións debería ser semellante á que se lle da ao núcleo de Laraxe, ademais na planimetría utilizada non se recollen numerosos elementos,(edificacións, viais e proxectos do PXOM de Fene) que condicionan ou poden afectar ao propio camiño.
2º .-Con respecto ao trazado, modifícase o trazado en Laraxe no concello de Cabanas, o camiño debe manterse pola súa traza actual e que sirva de zona de transición entre o Polígono industrial de Vilar de Colo e o núcleo de Laraxe. Ademais manter a traza actual permite por en valor o río de Baa e elementos patrimoniais como o Marco de San Lourenzo, Castro de Prismos, Igrexa San Martiño do Porto. Pola súa contra o novo trazado proposto non engade ningún valor e pon en risco dúas veces aos peregrinos por ter que cruzar a N651 en dúas ocasións. No concello de Fene o trazado atópase modificado na zona de Casavella, cando na actualidade o camiño pasa por Fonte do Campo sendo o camiño máis chan e próximo á fonte, pista polideportiva, casa da Cultura e o Museo do Humor de Fene.
Os nacionalistas farán un seguimento especial nos concellos e a través do Parlamento das alegacións remitidas. Ademais darán conta das alegacións á Plataforma de Afectados do Polígono de Vilar do Colo, ás asociacións veciñais e empresas da zona.
Ningún comentario:
Publicar un comentario