Bo día a todos e a todas.
Pouco ou nada me queda por dicir sobre a persoa que hoxe homenaxeamos. A súa calidade humana e a súa calidade como político evidénciase no feito de que, oito anos despois, aquí estamos todos e todas lembrando a súa figura. Nuns tempos nos que referirse a alguén como político interprétase case coma un insulto, o recordo de Pancho Allegue debe servirnos para lembrar o que significa en realidade ser político ou ter unha faceta política na vida.
A faceta política é aquela que nos define como persoas que traballamos para o pobo, mirando polo ben do pobo desde a perspectiva do que nós pensamos que é o mellor. Iso é o que facía Pancho, e iso é o que o BNG sempre fixo en Fene e en Galiza.
Quenes levaron á sociedade a pensar que ser político é sinónimo de ser corrupto, ladrón ou aproveitado, dende logo, non foron persoas coma Pancho. Por iso, dende o BNG de Fene, e a cidadanía de Fene en xeral, debemos berrar ben alto en contra desa máxima que nos queren instalar no cerebro a través dos grandes poderes establecidos (gobernos, poder económico, poder mediático): Non todos somos iguais, non todos os políticos son iguais, e non todos os partidos son iguais.
Estamos vivindo unha das etapas máis difíciles da nosa historia recente, tanto no país como, en concreto, e sobre todo, na nosa comarca. O paro alcanza cifras astronómicas, a nosa xuventude emigra, os nosos dereitos vense recurtados día a día, tanto no eido laboral coma no eido dos dereitos sociais, sanidade, educación,... E o peor é que a solución non chega, non se ve aínda a luz ao final do túnel. A ASTANO non nos traen barcos, seguen sen depurarnos a ría, o comercio esmorece, cada día pechan máis negocios, e ¿ata cando esta situación? Ata que outros queiran, ata que queira a Unión Europea, ata que queira o goberno de España, ata que queira a banca.
E así levamos anos e anos, agardando a que outros tomen unhas decisións que non chegan porque non somos nós mesmos quenes as tomamos.
Digna Faraldo, Ana Santiago, Suso Cea e Juventino Trigo |
Pancho loitaba por acadar melloras laborais para os traballadores e traballadoras do naval. Agora temos que loitar por acadar que non se afunda o estaleiro. El loitaba en Fene por acadar cada vez máis benestar para os veciños e veciñas. Agora temos que loitar para evitar quedarnos sen poboación, por axudar a reducir o desemprego, por mirar de pagar as facturas sen problemas. E está claro que o goberno da dereita non está polo labor. Eles siguen ao seu, gobernando para os amigos poderosos, espoliando os nosos recursos e eliminando os servizos sociais, tanto en Fene, coma en todos os estamentos nos que gobernan.
Por iso, políticos coma Pancho son hoxe máis necesarios ca nunca, e por iso, os seus compañeiros e compañeiras de partido debemos mirarnos no seu espello máis ca nunca. Debemos traballar polo noso, polos nosos recursos, que son moitos e moi bos, pola nosa xente, polo noso pobo, que, como cantaba Zeca Afonso “é o que máis ordena”.
Entre todos e todas, e coa lembranza de Pancho, de seguro que o conseguiremos.
Moitas grazas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario