O alcalde de Fene, Juventino Trigo, recibiu este mediodía ao presidente da Deputación provincial, Valentín García Formoso, na que foi a primeira visita institucional do novo mandatario provincial ao Concello de Fene.
Tratouse tamén o tema do punto limpo de Vilar do Colo, proxecto mancomunado que o Concello de Fene pretende levar adiante cos Concellos de Cabanas, Ares e Mugardos. Sobre esta cuestión, o alcalde de Fene pediu a Valentín García que a Deputación da Coruña elabore, no menor tempo posible, o informe que o Concello precisa para poder sacar adiante o proxecto e poñer en funcionamento o tan demandado punto limpo.
En Fene son varias as estradas propiedade da Deputación Provincial. O alcalde de Fene trasladou a Valentín García a necesidade de acometer a construcción de beirarruas na estrada da Armada, a continuidade da de Barallobre dende a igrexa parroquial ao Instituto ou a arteria viaria principal de Magalofes. A seguridade dos peóns está en xogo en calquera delas.
En relación cos diversos Plans Provinciais previstos para o 2016 -dos cales o Concello de Fene recibirá en torno a 340 mil euros do Plan de Acción Social e 250 mil do Plan de Obras e Servizos- falouse na xuntanza da posibilidade de que o Concello de Fene destine parte destes investimentos á renovación de servizos e beirarrúas na Avda das Pías, dende San Valentín ao cruce de Fene.
Á marxe das obras pendentes e dos novos proxectos que o Goberno Municipal de Fene pretende abordar coa colaboración da Deputación, o alcalde de Fene expuxo ao presidente do organismo provincial a situación do naval en Fene e demandou a Valentín García un plan de acción comun do Concello coa Deputación para exixir carga de traballo para o asteleiro de Fene.
O presidente da deputación coruñesa asinou no libro de honra do concello de Fene ao remate da visita institucional.