domingo, 22 de xaneiro de 2017

O PP tumba as enmendas do BNG no Parlamento Galego

Entre as emendas nacionalistas atopábanse  as propostas do concello de Fene por valor de 800.000 €. O BNG en Fene tiña solicitado o traspaso das competencias de mantemento e gastos enerxéticos do Centro de saúde e do CPI da Xunqueira que a pesar de ser competencia autonómica aínda sostén en parte o Concello de Fene.

Por outro lado solicitábanse 3 actuacións importantes como os servizo de auga da traída nas zonas altas do concello (Magalofes e Sillobre)  un centro de día para persoas maiores e unha aula de educación física no IES de Fene.

No caso da auga, trátase dunha demanda histórica de veciños e veciñas que non teñen aceso a auga da traída pola altitude na que se atopan e precisan dun deposito adicional para que a auga se distribúa por gravidade e cunha presión aceptable.

As outras dúas actuacións, centro de dia e aula de educación física, son equipamentos educativos e sociais imprescindibles para mellorar a calidade de vida das persoas do noso pobo.

En vindeiras datas o goberno local iniciará xestións para que a Xunta de Galicia tome conciencia destas necesidades e se comprometa a poñelas en marcha.






xoves, 5 de xaneiro de 2017

Ridículo do PP na presentación da moción sobre "as mentiras do Alcalde" en relación aos traballos de retirada de lodos na EDAR de Maniños

O Pleno do Concello de Fene aprobou cos votos a favor do PP e a abstención de PSOE e Somos Fene a moción de reprobación ao alcalde de Fene por mentir no Pleno do 1 de Nadal de 2016 sobre a execución da sentenza que ordena o vaciado dos lodos da depuradora de Maniños. A moción contou cos votos en contra do BNG e IU.

No debate evidenciouse que o PP sustanciou a moción nunha mentira, o Alcalde de Fene non falou no pleno de 1 de decembro sobre este asunto. Foi no punto de rogos e preguntas no que o Concelleiro de obras e urbanismo explicou os traballos que se estaban a desenvolver para cumprir a sentenza. 

A moción pide 3 cuestións:
1) Que o alcalde explique porque mentiu.
2) Reprobar a actitude do alcalde por non dar cumprimento á sentenza.
3) Solicitar a dimisión do alcalde pola súa incapacidade de xestionar os asuntos dos veciños de Fene.

O punto primeiro que da título á moción é mentira, polo que Juventino Trigo díxolle ao PP se querían retirar a moción por partir dunha incerteza. Estes negáronse e mantiveron a moción a debate.
No segundo punto, o alcalde nacionalista explicou que se procedera co valeirado dos líquidos e de 297 metros cúbicos de lodos. Que se continuaba a traballar e que a empresa comunicaba semanalmente os avances nos traballos de execución da sentenza. A sentenza firme que ven a resolver o litixio da competencia do valeirado da depuradora en desuso de Maniños carece de datas concretas para o remate dos traballos. O PP gobernou 4 anos e en lugar de xestionar adicouse a litixiar con varias empresas prestadoras de servizos públicos. O punto terceiro careceu de debate, xa que ningún grupo fixo referencia ao mesmo. Ninguén pediu a dimisión do Alcalde.

Na opinión do Consello Local do BNG a oposición non traballa, non asisten aos órganos colexiados, ás xuntas de voceiros, mesas de negociación, órganos de avaliación e asisten ao Pleno desinformados e cunha actitude obstaculizadora, paralizando asuntos importantes como  orzamentos ou a modificación da  relación de postos de traballo.