En relación coas informacións publicadas ao respecto da suposta venda ilegal de chatarra pertencente ao Concello de Fene, desde o equipo do goberno municipal queremos trasladarlles os seguintes datos e consideracións sobre esta cuestión, en exercicio da debida transparencia cara á cidadanía e da obrigada responsabilidade e respecto para coa institución pública á que representamos.
Os primeiros indicios sobre a cuestión xurdiron dunha pregunta formulada o pasado 28 de decembro no transcurso da Comisión Informativa de organización e Seguridade, na que se cuestionaba o destino final dunha venda de chatarra feita a unha empresa de tratamento deste tipo de materiais radicada no propio concello.
Porén, a pregunta foi tamén unha alerta para que este equipo de goberno indagase se desde o Concello se estaban vendendo refugallos metálicos e, de ser así, como se estaban fiscalizando os ingresos. O resultado desa indagación interna fundamentou a sospeita de que poderían estarse producindo irregularidades reiteradas nese sentido alomenos desde 2013 e, ante esa sospeita avalada por diversos testemuños, desde o goberno local -e co asesoramento dos servizos técnicos municipais- comisionouse a axentes da Policía Local de Fene para que se investigase o asunto e se procedese á tramitación das correspondentes dilixencias se se detectaba algún ilícito penal.
As investigacións policiais constataron que se efecturaran vendas nunha chatarrería directamente por parte de persoal municipal e que, polo tanto, estas non terían seguido os cauces regulamentarios para o alleamento nin para a fiscalización dos ingresos. Nese mesmo momento, e ao ter constancia dos feitos, a concelleira delegada de Organización ordeou o cesamento inmediato dese proceder que, segundo parece, viña sendo habitual e que mesmo podería terse dado no caso da venda irregular de numerosos báculos de farois retirados da avenida das Pías e doutras zonas do municipio.
En paralelo, os datos recabados pola Policía Local debidamente dilixenciados trasladáronse á Garda Civil. Así, neste momento os feitos aos que se refiren as dilixencias están sendo investigados pola institución armada sen que, polo de agora, haxa aberto procedemento xudicial algún que afecte a persoal municipal ou cargos políticos.
Por todo o anterior, desde o goberno local queremos agradecer o esforzo, a profesionalidade e o rigor co que desempeñou o seu deber a Policía Local de Fene. Por outra banda tamén queremos facer constar que como equipo de goberno promovemos a investigación destas circunstancias conscientes de estar cumprindo cun deber tanto legal como moral e co obxectivo único de preservar e defender o interese público, que está por riba de calquera interese particular ou partidario.
Desexamos, ademais, que se chegue ao fondo da cuestión e que, de existir algún delito, a Xustiza esixa as responsabilidades ás que haxa lugar. Porén, mentres non chegue ese momento agardamos que as investigacións se desenvolvan coa maior axilidade posible, ofrecendo para iso a nosa total colaboración. Con todo, tamén pedimos dos medios e da cidadanía -á que manteremos puntualmente informada cando existan datos contrastados- que se respecte a presunción de inocencia e que se eviten xuízos paralelos. Un desexo do que queremos facer partícipe especialmente ao colectivo de traballadores e traballadoras do Concello de Fene, que día a día mostra a súa valía, responsabilidade e compromiso co servizo público.
Ningún comentario:
Publicar un comentario